O Alcalde explica a situación do Centro do Viño e dos servizos turísticos do Concello de Monforte

Monforte de Lemos, 7 de xullo de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ofreceu hoxe unha rolda de prensa para explicar “polo miúdo todo o que rodea á situación xerada arredor do Centro do Viño e outros servizos turísticos deste Concello de Monforte, en concreto, ós feitos relacionados coa empresa que anteriormente prestaba os servizos na Oficina municipal de Turismo ubicada no Centro do Viño, a UTE Rutas Sacras Nomar, representada por D. José Ramón Martínez Mareque”.

Para elo, o Alcalde contou cos correspondentes informes técnicos en relación coa concesión deste servizo á citada UTE, informes que detallan a evolución cronolóxica desta concesión, e que o Alcalde procedeu a explicar ós medios.

 

Contrato coa UTE Rutas Sacras Nomar

En data 15 de maio de 2013, o Concello asinou o Contrato do servizo de coordinación, atención e organización da tenda do Centro do Viño, a Oficina de Turismo e o espazo expositivo do Centro do Viño, sendo o adxudicatario a UTE Rutas Sacras Nomar, representada por D. José Ramón Martínez Mareque.

O prazo inicial de duración estableceuse en dous anos, prorrogables por outros 2 máis, dende a sinatura da acta de inicio. A acta de inicio asinouse o 1 de xuño de 2013, polo tanto a duración máxima de prestación do servizo debería ter rematado o 3 de maio de 2017.

O Alcalde sinalou que este contrato “prolongouse dun xeito tácito porque o Concello non podía sacar o novo concurso debido a que había dificultades para levar a cabo a memoria económica correspondente, e era necesario seguir prestando o servizo, o cal se levou a cabo tacitamente”.

 

Incumprimento das bases do concurso do ano 2013

En canto ás bases do concurso gañado pola UTE Rutas Sacras Nomar, que foron publicadas no ano 2013, aquelas fixéronse en función da memoria económica elaborada pola interventora que había naquel momento no Concello, memoria na que se analizaban por un lado os ingresos (volume de ventas nos 3 últimos exercicios, entradas vendidas e taxas por utilización dos locais) e por outro os gastos (persoal, financeiros, seguros e subministros).

Neste senso, o Alcalde remarcou que na elaboración da mesma “utilizou exclusivamente o Convenio colectivo estatal de axencias de viaxes en vigor naquel momento, publicado no BOE de 5 de outubro de 2009, vixente no ano 2013, e que polo tanto era polo que se rexían as bases de licitación para o concurso de 2013”.

A oferta da UTE no momento do concurso recolleu “o que estaba estipulado nas bases pero logo non aplicou ese convenio colectivo, senón que aplicou o Convenio do sector do ocio educativo e animación sociocultural”.

A diferencia entre un e outro convenio, explicou Tomé Roca, “é salarial e de categorías.” O persoal a contratar estipulado polas bases do concurso, tiña que ser persoal auxiliar de turismo cunha retribución anual, en 2013,  de 15.982,12 euros, e sen embargo, “polos datos que temos agora, en base ó Convenio de ocio, que era o que aplicaba a empresa, en vez de aplicar o recollido polas bases, en 2021, esta UTE tiña contratado ó seu persoal segundo a categoría de recepcionista-telefonista, cun soldo anual de 14.495,52 euros”.

E segundo o Convenio vixente en 2016 de axencias de viaxe, o soldo estipulado para estas categorías é de 1.311,71 e o soldo mensual cando no de Ocio son 1.020 euros, practicamente  300 euros de diferencia de salario mensual”.

Sen embargo, o Alcalde sinalou que “o Concello de Monforte pagou todos os anos conforme á cantidade establecida nas bases do concurso, e respectando o convenio de axencias de viaxe, polo que isto incrementou o beneficio da empresa, ó non repercutir nos seus traballadores o salario que lles correspondía”.

 

Dificultades para sacar as bases do novo concurso e subrogación do persoal

O rexedor municipal tamén relatou que “dende o Concello levabamos anos tentado sacar un novo concurso pero tiñamos dificultades para elaborar a correspondente memoria económica a cargo dos servizos económicos do Concello, porque non coincidían os datos de persoal cos custes reflexados polas bases”.

Por estas dificultades, o Concello decidiu encargar a unha empresa externa a elaboración das bases do novo concurso.

O 18 de decembro do ano 2019, o Concello solicitou por escrito ó adxudicatario que informara das categorías do persoal e dos seus salarios, información que non foi facilitada por entón, e tampouco ante un novo requirimento escrito remitido polo Concello o 10 de febreiro de 2021, no que se lle indicaba que “o servizo estábase prestando sen subxección ás condicións establecidas na licitación”.

Sinaladamente facíase constar no acordo que “esta circunstancia dificulta gravemente a elaboración da documentación relativa ao novo proceso de licitación, concretamente no que atinxe ás condicións de subrogación do persoal polo adxudicatario resultante”.

Ademais, o convenio incluído nas bases polas que a UTE adxudicataria se presentou ó concurso de xestión turística “non prevé a subrogación do persoal, en caso de cambio de empresa”, subliñou o Alcalde. A elo, había que engadir que os traballadores estaban encadrados en categorías diferentes ás marcadas polo convenio, co cal, por este motivo tampouco poderían ser subrogados.

O Alcalde remitiu ó informe do departamento de Contratación para sinalar que “a actitude do adxudicatario alterando unilateralmente o convenio colectivo de adscrición dos seus traballadores implicaría un custe engadido para o Concello por canto obrigaría a subrogar a totalidade da plantilla, cando nas condicións da licitación se optara por un convenio que non recolle esa obriga de subrogación”.

Polo tanto “a empresa adxudicataria tratou de xogar co Concello, e con este goberno non se xoga”.

 

Obstrución ó novo concurso e no relevo do servizo

Cando por fin o Concello sacou o novo concurso, o Alcalde sinalou que “intentou en repetidas ocasións, con múltiples chamadas ó servizo de contratación, incluso con chamadas á tenente de Alcalde, alterar as bases do concurso, dende que xa estaban publicadas, intentando por todos os medios que o concurso quedara deserto”.

O concurso, que foi aberto, foi finalmente adxudicado á UTE “María Isabel Álvarez Sangil, Ruth Díaz Amor, Vicente Parra Vizcaino e Albergue Santiago 15, S.L, Unión Temporal de Empresas Ley 18/82, Numero 1”, que foi a única que se presentou e, resultou adxudicataria por lei, por reunir os requisitos incluídos no prego de condicións do servizo.

Unha vez adxudicada, o 15 de xuño de 2021 comunicouselle á empresa saínte que o 30 de xuño tiña que deixar libre as instalacións, para que comezara a traballar a nova empresa. Neste senso, a lei establece ata un máximo de 15 días hábiles, polo que a empresa saínte tivo 11 días para deixar os espazos municipais.

Pero este relevo no servizo non se produciu, presentándose o 1 de xullo o responsable da UTE saínte nas instalacións do Centro do Viño, e non entregando as chaves como correspondía.

Isto supuxo un trastorno económico para o Concello, que se viu obrigado a cambiar as pechaduras do Centro do Viño, e acarreou inconvintes e contratempos de funcionamento tanto para a empresa entrante como para os traballadores do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, que teñen as súas oficinas en dito Centro.

Do mesmo xeito, mentres non se levou a cabo o cambio de chaves, que levou varios días por tratarse de chaves e pechaduras especiais, o Concello viuse obrigado a contratar un servizo de seguridade privada, o cal lle acarreou novos gastos.

Tamén, o Alcalde relatou que a terminal telefónica, que é un ben municipal, tamén desapareceu, ó mesmo que todo o material municipal da oficina, como a base de datos ou a información turística municipal “o cal evidencia mala fe”.

De gravidade calificou o rexedor municipal “a desaparición das pegatinas dos cadros eléctricos, para que non se soupera cada interruptor a qué parte das oficinas corresponde, co trastorno que isto xenera”.

 

O Alcalde fixo un resumo da súa intervención sinalando que “o Concello fixo un concurso limpo e transparente. Levávamos anos intentado facelo. Dende o ano 2017 ata o 2019 se nos puxeron trabas á hora de facilitar a información. No 2019 e no 2020 se reclamou por escrito, e os datos que se nos daban non coincidían coas bases de licitación anteriores. E por iso tivemos que externalizar o informe económico. Se nos dicía que ese informe económico non valía porque era insuficiente. Pero a empresa adxudicataria actual baixou o prezo de licitación”.

O rexedor municipal tamén sinalou que “estudiaremos toda esta situación que se creou e esixiremos as responsabilidades ás que haxa lugar, porque co Concello de Monforte non se xoga.”

Do mesmo xeito, Tomé Roca lamentou “que toda esta situación a pagaran os traballadores, que son os que non tiñan que pagala. Hai un responsable que é a empresa que xestionou o Centro do Viño e que non cumpriu coas bases do concurso que se fixo no ano 2013”.