Monforte de Lemos, 10 de marzo de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu hoxe, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras e Servizos, José Luis Losada, a Eduardo Iglesias, piloto monfortino de motos que participou na última edición do Rally Dakar, disputado en Arabia en xaneiro deste ano 2021 e que rematou nun exitoso posto 53. Durante a recepción, José Tomé Roca aproveitou a ocasión para felicitar ó piloto monfortino pola súa participación e logros acadados nesta importante competición deportiva.
Na visita, o piloto monfortino, acompañado por Jesús Veloso, membro do seu equipo, fíxolle entrega ó Alcalde dunha camiseta conmemorativa, unha fotografía enmarcada e asinada, así como o dossier no que se recollen todos os aspectos da súa participación na última edición do Rally Dakar: fotografías, presencia nos medios de comunicación nacionais e internacionais, ou detalles técnicos, entre outros aspectos. Pola súa banda, o Alcalde fíxolle entrega da insignia institucional do Concello.
Cabe recordar que Eduardo Iglesias, na súa segunda participación consecutiva nesta emblemática carreira, logrou mellorar o posto acadado en 2020, o posto 94, quedando nesta edición de 2021 de número 53. Ademais, foi o único piloto galego que conseguiu rematar esta dura proba.
O Concello de Monforte foi un dos patrocinadores destacados, xunto coa Deputación de Lugo, do piloto monfortino. Deste xeito, a imaxe da cidade e da provincia de Lugo estiveron presentes no uniforme e na moto do piloto, significando unha importante proxección internacional das mesmas, dada a repercusión que ten a que é a proba de motor máis importante do mundo.