Monforte de Lemos, 13 de febreiro de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar a adxudicación do posto de peixería da Praza de Abastos na empresa Da Lonxa ao Prato, S.L., con sede en Santa Uxía de Ribeira e que ten como actividade a venda de peixe, marisco e produtos elaborados procedentes da pesca artesanal da frota de baixura galega.
Neste senso, o Alcalde subliñou que “con esta adxudicación á empresa Da Lonxa ao Prato, S.L., a Praza de Abastos de Monforte volverá a ter un posto de venta de peixe e marisco frescos así como produtos delicatessen do mar, ampliando así a variedade de servizos e produtos que ofrecemos dende este mercado de abastos ós monfortinos e monfortinas”.
Trala adxudicación, a empresa está levando a cabo nestes días os correspondentes trámites administrativos co Concello monfortino para formalizar o contrato de uso do posto número 9 da Praza de Abastos.
Da Lonxa ao Prato, S.L.
A empresa que xestionará o posto de peixería da Praza de Abastos (nº 9), Da Lonxa ao Prato, S.L., é unha empresa familiar do grupo “Pescados Paco, S.L.”, con domicilio social en Santa Uxía de Ribeira. O grupo é socio da empresa xestora da Nova Lonxa de Ribeira, na que tamén participa a Confraría de Pecadores San Pedro de Ribeira.
A dilatada traxectoria no sector desta familia comeza nos anos 80 do século pasado, adicándose á venda de produtos pesqueiros frescos, a maioristas e minoristas, tanto a nivel local e autonómico como nacional e internacional. A base principal das súas compras sempre foi, e hoxe en día é, a Lonxa de Ribeira, que constitúe unha das máis importantes de Galicia e é a lonxa de baixura máis importante de Europa.
Da Lonxa ao Prato, S.L. é a peixería oficial da Cofradía de Pescadores da Pobra do Caramiñal, coa que teñen un convenio de colaboración para a explotación directa dos seus produtos. Para elo, a empresa conta con varias instalacións entre as que se atopan unha peixería, unha depuradora e unha cetárea na citada localidade.
Finalmente, a empresa tamén conta con unha plataforma de venda online a través da web: dalonxaaoprato.com.
Novo posto de peixería na Praza de Abastos de Monforte
“Da Lonxa ao Prato” conta na provincia de Lugo, cunha rede consolidada para dar servizo ao sector da hostalería lucense, e ten a concesión de dous postos na Praza Quiroga Ballesteros da cidade de Lugo.
No ano 2019, a empresa conseguiu o selo de identidade oficial da Xunta ”PescadeRías ¿de onde se non?”, que identifica as especies procedentes da pesca e marisqueo artesanal de baixura de Galicia, unha pesca que é sostible e respectuosa cos mares.
As actividades que forman parte do proxecto que esta empresa porá en marcha na praza de Abastos de Monforte inclúen:
- Exposición e venda ao público de produtos procedentes da pesca artesanal da frota de baixura dos mares e costas de Galicia, que se realizará no posto n.º 9 da Praza de Abastos do Concello de Monforte de Lemos. Este tipo de pesca utiliza métodos de captura tradicionais, que teñen como característica principal ser moito máis respectuosos co medio ambiente, ademais de ser sostibles a longo prazo en comparación coa pesca industrial Trátase de produtos na súa maioría clasificados e embalados exclusivamente por mariñeiros/as e mariscadores/as a bordo das súas embarcacións e a pé de praia, cunha trazabilidade totalmente garantida, mediante etiquetas nas cales se mostra a súa orixe, método de captura, especie... O cliente incluso pode coñecer o nome da embarcación que capturou o produto que merque.
- Exposición e venda de crustáceos vivos mediante a instalación, no citado local, dun viveiro expositor en circuíto pechado.
- Exposición e venda de produtos delicatessen (conservas de selección) elaborados de maneira tradicional por empresas de ámbito local.
- Atención personalizada ao público por persoal cualificado para dar a coñecer cada un dos produtos que estarán expostos á venda, atendendo ao grao de frescura, aos métodos culinarios para cada produto, os tempos de cocción, as receitas máis axeitadas e outras dúbidas que lles poidan xurdir.
- Venda de peixes e mariscos a través da súa plataforma on-line orientada á venda a nivel local, autonómico e nacional e na que, por medio dun sinxelo menú de peixes e mariscos, o cliente poderá escoller diariamente os produtos dispoñibles en tenda, ou adquirir por encargo distintos artigos, cun prazo de entrega dun máximo de 24 horas.
- Reparto a domicilio de produtos frescos e precociñados coa axuda dun vehículo isotermo acondicionado e autorizado.
- Visitas guiadas de turismo mariñeiro a bancos de produción de marisco en colaboración coa Confraría de Pescadores de A Pobra do Caramiñal, así como visitas guiadas á principal lonxa de procedencia dos produtos que se expoñen á venda, que permita aos nosos clientes empaparse da frenética actividade da rula.
- Obradoiros de cociña para nenos e adultos e xornadas gastronómicas para a elaboración dos nosos produtos, que se levarán a cabo con certa periodicidade no local da Praza de Abastos, para colaborar na dinamización da propia Praza no seu conxunto.
Investimentos para mellorar o posto nº 9 da Praza de Abastos de Monforte
Do mesmo xeito, a empresa adxudicataria do posto 9 de peixería da Praza de Abastos, comprometeuse a realizar obras de mellora no citado posto, consistentes en:
- Revisión e acondicionamento da instalación eléctrica do posto.
- Instalación e posta en marcha dun armario conxelador Sku de 600 litros con porta de cristal.
- Instalación dun viveiro expositor de marisco vivo de 960 litros, que require unha construción a medida adaptada aos espazos existentes.
- Instalación de 2 básculas en inox.
- Adaptación da imaxe do posto de acordo coa liña estética das peixarías do grupo empresarial (cadros, vinilos, estantes,...).
- Acondicionamento do posto de acordo aos requisitos sanitarios dos selos de calidade que posúe e empresa.
- Adecuación dun espazo para a ubicación de produtos delicatessen e de selección en estanterías.