Monforte de Lemos, 25 de xuño de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que mañá sábado día 26 de xuño procederase á iluminación da Torre da Homenaxe de San Vicente de cor vermella con motivo do Día Internacional da loita contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas, unha iniciativa levada a cabo polo Concello en colaboración coa Unidade Asistencial de Drogodependencias.
O consumo e a distribución de drogas ilegais é unha problemática global, con graves repercusións na saúde e benestar das persoas. A nivel mundial a incursión de drogas ilegais logrou traspasar fronteiras con niveis alarmantes, afectando a seguridade e o desenvolvemento sostible das nacións. A loita contra este flagelo persiste, contando co apoio de Organizacións, Fundacións e Estados Membros.
En virtude disto, a Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU) aprobou no ano 1987 unha resolución para conmemorar este día, para alcanzar unha sociedade libre do abuso e tráfico ilícito de drogas, propiciar o fortalecemento da cooperación internacional e xerar políticas que contrarresten a influencia do mercado ilegal de substancias ilícitas.
A Oficina das Nacións Unidas contra a Droga e o Delito (UNODC) lidera dita campaña, dirixida á sociedade en xeral e aos mozos en particular xa que a prevalencia do consumo entre a mocidade é dúas veces maior que a da poboación en xeral e tres veces se falamos de cannabis. Cada ano, a campaña da ONU céntrase nun tema concreto.
O lema conmemorativo neste ano 2021 é “Falemos de drogas,a información salva vidas”. Un lema que convida a todas as persoas, os axentes sociais e os gobernos para deixar de lado o tabú que xeran estes temas, e falar abertamente sobre as drogas, sobre todo cos mozos, que son os que están máis expostos a este perigo.
A loita contra as drogas sempre estivo infestada de información errónea, e isto é un inconveniente para poder atallar o problema. Trátase de mellorar a comprensión do problema mundial para poder cooperar e avanzar na solución.
Baixo este lema, o obxectivo é combater a desinformación. “Debemos tratar e compartir alto e claro os feitos reais sobre as drogas. É fundamental coñecer os riscos que teñen para a saúde dos nosos veciños e veciñas, e buscar as solucións para abordar o problema das drogas, desde a prevención, o tratamento e a atención baseados en probas e o coidado das persoas con adicción ás drogas” sinala o Alcalde.
A pandemia por COVID-19 xerou unha conciencia pública sen precedentes sobre a saúde e sobre as medidas de protección para manterse saudable. O que é aínda máis importante, xerouse unha conciencia da necesidade de protexernos mutuamente. Hai un crecente sentimento de comunidade e solidariedade mundiais, así como un desexo común de garantir a atención sanitaria para todas as persoas.
O Alcalde conclúe destacando que “o Día Mundial das Drogas é un día para compartir achados de investigación, datos baseados na evidencia e información verídica que salve vidas. Debemos manter o espírito común de solidariedade, reinante durante esta crise mundial sanitaria. A campaña deste ano convídanos a participar, a posicionarnos firmemente contra a desinformación e as fontes pouco fiables. Todo o mundo debe comprometerse a distribuír só datos reais sobre as drogas apoiados pola ciencia, e a salvar vidas”.