Monforte de Lemos, 24 de xuño de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, descubriu a placa que o Concello ven de instalar na fachada da Oficina municipal de Turismo, placa que indica a pertenza da cidade á Red de Juderías de España. No acto estivo acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada.
Deste xeito, Monforte súmase ó resto de cidades da Red de Juderías, que procederon a instalar as súas correspondentes placas de bronce personalizadas en lugares emblemáticos das súas cidades, co obxectivo de sinalizar a súa presencia como cidades integrantes desta Asociación.
En concreto, o Equipo de Goberno decidiu instalar esta placa identificativa, que leva o logotipo da asociación e o nome da cidade do Cabe, nunha das rúas máis concorridas da cidade, a rúa Comercio, e concretamente á entrada da Oficina Municipal de Turismo, co obxectivo de que os visitantes descubran e coñezan o pasado sefardí de Monforte.
Deste xeito, destaca o Alcalde, “poñemos en valor a pertenza de Monforte a unha Rede, a Rede de Juderías, que é símbolo de turismo cultural de calidade, no que o visitante pode coñecer a nosa historia xudía a través dunha experiencia inmersiva froito da labor de recuperación e promoción do legado e da cultura sefardís que levamos a cabo os concellos que pertencemos a esta Rede”.