O Concello de Monforte súmase ós actos de celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBI+

Monforte de Lemos, 25 de xuño de 2021. O Concello de Monforte súmase ós actos de celebración do Día do Orgullo LGTBI+ que terán lugar o vindeiro luns 28 de xuño en todo o mundo.

Deste xeito, e tal como se veu facendo polo Equipo de Goberno do Concello en pasadas edicións, hoxe procedeuse a colocar no balcón da Casa Consistorial a bandeira arco iris, símbolo en todo o mundo da comunidade LGTBI+ (lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais, así como todas as persoas que non están recollidas nas denominacións anteriores) para conmemorar o Día Internacional dos dereitos das persoas LGTBI+.

A bandeira permanecerá pendurada dende o venres 25 xuño ó venres 2 de xullo, tal e como se veu facendo todos estes anos en que se conmemorou dende o Concello monfortino.

Con este sinxelo xesto, pero cun valor e un significado moi grande, o Concello de Monforte quere representar o seu compromiso pola igualdade, a liberdade e a diversidade e o seu rexeitamento ás discriminacións dirixidas a calquera persoa pola súa condición sexual.

A través desta iniciativa, o Alcalde, José Tomé Roca, manifestou, en nome de todos os veciños e veciñas de Monforte “o noso apoio institucional e social a esta celebración do Día do Orgullo LGTBI+, co obxectivo de facer visible á nosa sociedade a diversidade sexual, á vez que promovemos a igualdade, liberdade e o respecto de todas as persoas”.

“Dende o Concello de Monforte”, continuou o mandatario municipal, “condenamos a discriminación ou calquera outra forma de violencia, tanto física como verbal, e exercida contra calquera persoa ou colectivo, ben sexa por razóns de orientación ou identidade sexual ou ben sexa por calquera outro motivo que supoña un ataque ós dereitos fundamentais e liberdades das persoas”.

Neste senso, o Equipo de Goberno do Concello considera fundamental afondar na educación da cidadanía sobre diversidade sexual, a través de programas de concienciación e sensibilización que acheguen información á veciñanza e de actos simbólicos coma este que vimos de anunciar.

O Alcalde rematou sinalando que “ dende o Concello de Monforte ratificamos o noso compromiso de facer dos nosos pobos e cidades espazos nos que os individuos podan desenvolver a súa sexualidade dunha forma íntegra e natural, independentemente da orientación ou identidade sexual propia”.

 

Declaración Institucional

No Pleno celebrado o pasado 31 de maio, a Corporación municipal aprobou por unanimidade unha Declaración Institucional co motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBI+ que se celebra o vindeiro 28 de xuño.

O Día Internacional do Orgullo LGTBI+ celébrase nesa data porque conmemóranse os disturbios de Stonwell (Nova York, EEUU en 1969), que marcan o inicio do movemento de liberación homosexual. Ese día houbo unha redada policial no pub de Stonwall Inn, nun barrio de Nova York, e como resposta xurdiron de forma espontánea diversas revoltas e manifestacións violentas que pretendían protestar contra o sistema que perseguía aos homosexuais.

A declaración institucional do Pleno do Concello de Monforte pódese consultar no seguinte enlace:

Declaración Institucional Monforte Día Orgullo LGTBI