O Concello estreará un documental que pon en valor ó tecido empresarial de Monforte

Monforte de Lemos, 13 de xullo de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar a estrea dun documental no que o Concello leva tempo traballando, en colaboración coa produtora Xurdir, e coa participación de diversas empresas monfortinas.

Baixo o título de “Monforte de Lemos, Vía Sacra”, trátase dun documental en formato cine, co que, en verbas do Alcalde, “quixemos poñer en valor a actividade económica, a industria e o tecido empresarial de Monforte de Lemos, especialmente nun momento no que a incidencia da Covid segue a estar moi presente na nosa sociedade, e afectando de cheo ós nosos sectores produtivos”.

Deste xeito, o documental recolle unha escolma de 22 proxectos empresariais monfortinos, que serán os protagonistas desta película, servindo de mostra representativa da actividade económica do Concello monfortino.

Neste senso o rexedor municipal agradece a “a colaboración destas empresas que quixeron formar parte deste proxecto, e copatrocinar xunto co Concello, este documental. Nel, imos visibilizar o esforzo, o traballo e a ilusión  que os  empresarios e empresarias desta terra, adican no seu día a día”.

“Da mesma forma”, aclara o Alcalde “imos coñecer tamén, as historias persoais que hai detrás destas 22 empresas, resaltando a faciana humana do empresariado monfortino, e descubrindo datos, anécdotas e peculiaridades deles e delas, que ben seguro servirán para afondar nun maior coñecemento e recoñecemento dos nosos emprendedores e emprendedoras”.

 

Estrea o venres 23 de xullo na Praza da Compañía

A estrea deste documental terá lugar o venres 23 de xullo ás 20:30 horas na Praza da Compañía, e ademais da proxección do documental nunha pantalla xigante, contará coa actuación musical de Rosa Cedrón.

Previamente, o Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo será o encargado de explicar as claves deste proxecto, xunto ó director da produtora que o desenvolveu, Ignacio Seijo.

A entrada para asistir á este acto é gratuíta, pero será necesario confirmar asistencia ata as 15 horas do xoves 22 de xullo. Para confirmar a asistencia poderá facerse a través dos teléfonos 981 059 541, 636 695 846 ou a través do correo comunicacion@xurdir.com.

O aforo será limitado seguindo as recomendacións das autoridades sanitarias por mor da Covid-19, e será obrigatorio o uso de máscara.

No caso de que a climatoloxía sexa adversa ese día, a presentación realizarase no Auditorio Municipal do Edificio Mulltiusos (ronda María Emilia Casas Baamonde).