Monforte de Lemos, 8 de xaneiro de 2021. O Concello de Monforte informa que, debido as obras que actualmente se están levando a cabo na praza Campo de San Antonio co obxecto de mellorar a súa accesibilidade, dende o vindeiro luns día 11 vaise proceder a cortar o tráfico nun tramo da vía que rodea dita praza.
O corte afectará a vía ubicada entre a rúa Tecelanes e a rúa Ourense, en concreto o tramo de estrada situado entre o bar “A nosa bodeguilla” e ata o cruce coa rúa Ourense (que non se verá afectada por este corte). Deste xeito, dende o vindeiro luns día 11 de xaneiro dende primeira hora da maña, os vehículos non poderán transitar por dito tramo, que permanecerá cortado ata o luns día 18.
Dito corte non afectará ó acceso de vehículos para a entrada a garaxes nin tampouco ós aparcadoiros en batería que se atopan na parte traseira da Casa do Concello. O resto do tráfico desviarase por rúa Tecelanes con saída á rúa Chantada.
As actuacións que se están levando a cabo na praza Campo de San Antonio dende principios de decembro, consisten tanto na mellora da súa accesibilidade como na reparación do seu pavimento, e para elo, o Equipo de Goberno destinou un investimento algo máis de 28.000 euros. Con esta obra de mellora, solvéntanse as dificultades coas que persoas discapacitadas, cadeiras de rodadas ou carriños de bebés se atopan cando transitan por esta praza, xa que estaba conformada por un chan de pedras irregulares (adoquíns) que dificultan a mobilidade destes colectivos.
Dende o Concello agradecemos a comprensión dos veciños e condutores ante este corte de tráfico e rogamos desculpen as molestias que estes traballos poidan ocasionar.