Monforte de Lemos, 06 de outubro de 2021. A Concelleira de Cultura do Concello de Monforte, Marina Doutón, reuniuse na mañá de hoxe con representantes dos centros educativos de Monforte co obxecto de informarlles sobre as actividades de índole cultural que o Concello vai desenvolver ó longo do curso académico 2021-2022, e que poden ser do interese tanto de profesores como de alumnos.
Deste xeito, a Concelleira, acompañada polo técnico de cultura, Carlos Rodríguez, informou de todas as actividades organizadas polo Concello e nas que pode ter cabida a participación do alumnado dos diferentes centros educativos.
Así, deuse conta de actividades teatrais, exposicións, concursos, actos relacionados co Nadal, co Entroido, coa Feira Medieval, coas Letras Galegas, visitas guiadas, así como actividades organizadas dende a Biblioteca municipal ou o Conservatorio municipal Mestre Ibáñez. En todos os casos, o desenvolvemento e participación nestas actividades están condicionados pola evolución da pandemia da Covid-19.
Doutón destacou que os representantes dos centros educativos foron moi receptivos a este programa de actividades, que será analizado para darlle traslado ó corpo de profesores de cada centro, así como ó seu alumnado.
Do mesmo xeito, por indicacións do Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, fíxoselles entrega a cada representante educativo dun exemplar do libro, editado e publicado polo ente provincial, “Coleccionismo y Almoneda del Gran Conde de Lemos, Don Pedro Fernández de Castro”, da historiadora monfortina Manuela Sáez, libro que foi doado para formar parte dos fondos de cada biblioteca dos colexios e institutos monfortinos.