Monforte de Lemos, 15 de novembro de 2021. A programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios continua en Monforte de Lemos este xoves 18 de novembro ás 20:15 horas no Edificio Multiusos coa posta en escena da cuarta obra correspondente a este ciclo, O charco de Ulises a cargo do Centro Dramático Galego, que volve a Monforte, tras anos de ausencia. Escrita por Santiago Cortegoso e dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, a obra está interpretada por:
- Óscar Allo: Telémaco, coros
- Miguel Borines: Néstor, Alcínoo, coros
- Mónica Camaño: Helena, coros
- Rosalía Castro: Circe, coros
- Raquel Espada: Nausícaa, unha puta moi nova, enfermeira, coros
- Manuel Millán: Menelao, Laertes, coros
- Fran Paredes: Ulises
- Chusa Pérez de Vallejo: Calipso, enfermeira, coros
- Inés Salvado Gontad: Penélope, coros
- Paulo Serantes: Pisístrato, Euríloco, coros
- Voces en off: María Solar, Santiago Cortegoso, Baia Fernández, José Manuel González Sanmartín.
O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes, sendo o aforo limitado seguindo a normativa sanitaria no momento da realización do espectáculo.
A venta de entradas farase dende unha hora antes da actuación ás 19:15 h e a entrada o salón de actos realizarase ás 20:00 h.
Sinopse
“O charco de Ulises” é unha versión libre da Odisea traspasada a un contexto atlántico. Do mar ao océano. De Ítaca a Galicia. De Troia a Buenos Aires. Do Mediterráneo ao Atlántico.
Ulises está considerado, na cultura occidental, o primeiro emigrante; o primeiro ser humano que experimentou a nostalxia pola súa terra. En Galicia temos dúas palabras máis para chamarlle a isto: saudade e morriña. Un sentimento complexo, consecuencia dun fenómeno complexo.
A peza transcorre en paralelo co desenvolvemento argumental da obra de Homero: a viaxe de Telémaco na procura de seu pai (visitando a Néstor, a Menelao e Helena...) e a de Ulíses polas diferentes illas nas que se atopa con personaxes fantásticos (Calipso, Circe, Nausícaa, Polifemo, o canto das sereas...). Vaise pegando e separando do mito orixinal, xerando un diálogo co clásico para xogar con el, para traizoalo en moitas ocasións e, sobre todo, para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. E tamén para darlle unha nova dimensión ás personaxes femininas que aparecen na Odisea.
Os deuses condenaron a Ulises a permanecer errante durante dez anos como castigo por argallar a trampa do cabalo para destruír Troia. O curioso é que este castigo se desenvolve entre banquetes pantagruélicos, orxías luxuriosas con fermosas ninfas, aventuras inesquecibles, coñecemento de culturas exóticas, salóns de tango nas noites de Buenos Aires...
Moitos emigrantes galegos deixaron mulleres e fillos aquí e fundaron outras familias en América. Gozaron da liberdade da que carecían nas pequenas aldeas das que marchaban. Foi un sufrimento comezar unha nova vida ou unha oportunidade para atopar a felicidade nun país social e economicamente avanzado?
O charco de Ulises trata da viaxe como concepto vital da existencia do ser humano no tempo, trata dos movementos migratorios, do multiculturalismo, da necesidade —ou non— de traspasar calquera fronteira. Fai unha relectura do clásico universal de Homero contextualizándoo nun fenómeno sociolóxico que marcou a historia do pobo galego.
A seguinte obra do ciclo de teatro programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte, esta vez dirixida a todos os públicos e con entrada gratuíta ata completar aforo, será A todo Risco a cargo de Avelino González que terá lugar o xoves 25 de novembro na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro. A obra chega a Monforte froito da colaboración entre o Concello e a Fundación Vicente Risco.