O Alcalde de Monforte renova os votos coa Virxe de Montserrat nas honras do Martes de Pascua

Monforte de Lemos, 19 de abril de 2022. Como é tradición, hoxe, Martes de Pascua, volvéronse a celebrar os actos das honras á Virxe de Montserrat, sendo día festivo en Monforte.

Desta forma, a comitiva institucional, encabezada polo Alcalde, José Tomé Roca, así como diversos membros da Corporación municipal, representantes institucionais, e dos distintos corpos e forzas de seguridade do Estado, partiu da Casa do Concello para asistir, ás 11 horas, á misa na honra da Virxe de Montserrat, na Igrexa da Régoa, dado que a Igrexa de San Vicente, lugar que tradicionalmente acolle estes actos litúrxicos, segue pechada debido ás obras de restauración que nela se están a levar a cabo.

A eucaristía foi presidida polo párroco D. Rafael Mella e contou, como é tradición coa presencia das Camareras da Virxen, así como dos membros da súa cofradía.

Tras a celebración eucarística, tal e como marca a tradición, tivo lugar unha procesión coa imaxe polo atrio da igrexa, e tras ela, o Alcalde de Monforte renovou os votos coa Virxe e procedeuse á bendición dos campos.

“Dende que eu son Alcalde, comprometinme a manter esta importante tradición dos monfortinos e monfortinas na honra á nosa Patroa, a Virxe de Montserrat, e deste xeito, hoxe Martes de Pascua, mantivemos esta centenaria tradición na que renovei os meus votos e comprometinme a seguir celebrando tanto este día como o 15 de agosto, no que honramos a nosa patroa”, manifestou o rexedor monfortino.