Monforte de Lemos, 9 de novembro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, achegouse na mañá de hoxe ata a ponte de Piñeira para proceder a ordenar a apertura ó tráfico pola mesma, unha vez rematados os traballos de construción do novo pilar de dita ponte, o piar nº 2.
“Unha vez rematadas as obras de arranxe da ponte de Piñeira, e levados a cabo os pertinentes estudos que certifican que a súa estrutura está revisada e reparada e que o novo piar está endurecido”, subliñou o Alcalde, “ procedemos hoxe ó restablecemento do tráfico de vehículos e de persoas sobre ela”.
Deste xeito, o Equipo de Goberno cumpriu cos prazos previstos de reparación e construción do novo piar, xa que hai unhas semanas o rexedor monfortino anunciara o remate dos traballos para finais de outubro ou principios de novembro, dependendo da evolución da climatoloxía.
As actuacións na ponte de Piñeira foran contratadas por emerxencia polo Concello monfortino á empresa Extraco, e consistiron na reposición do pilar nº2 da ponte, logo de que esta estrutura fora pechada ó tráfico e ós peatóns a finais do pasado mes de xuño, tras detectarse unha deficiencia en dito pilar.
O custe aproximado das actuacións de reparación do piar da ponte alcanzaron os 242.000 euros, “unha inversión certamente importante porque temos un arranxo que vai durar moito tempo, e ademais, aproveitamos para levar a cabo unha revisión integral de toda a ponte”, subliñou o Alcalde.
“Hoxe, queda aberto o tráfico desta ponte que é moi transitada polos veciños de Piñeira, pero tamén por moitos vehículos e camións que transitan por esta zona periférica da cidade, pois é unha verdadeira vía de circunvalación para evitar o paso polo centro de Monforte”, concluíu José Tomé.
Antecedentes
O pasado mes de xuño de 2022, tras detectar o Concello deficiencias neste pilar da ponte de Piñeira que podían poñer en perigo ós seus usuarios, o Alcalde decidiu decretar o seu peche, tanto ó tráfico de peatóns como de vehículos, co obxecto de levar a cabo os estudos pertinentes encamiñados a analizar polo miúdo a deficiencia do pilar, así como revisar o seu estado xeral, para proceder á súa reparación.
Deste xeito, os traballos de enxeñería mencionados polo Alcalde, comprenderon a inspección da ponte, así como o levantamento topográfico do cauce, a elaboración dun estudo hidrolóxico, a emisión dun informe xeotécnico e o correspondente proxecto técnico da reconstrución do pilar afectado.
En concreto, os informes emitidos indicaron que se produciu un descalce da cimentación que provocou un asento e un xiro do pilar, que tivo como consecuencia a perda de apoio entre o taboleiro e dito pilar.
Esta perda de apoio “obrigou ó corte da vía, xa que o vano resultante conta co dobre de luz que os vanos iniciais, non tendo a capacidade estrutural necesaria para soportar as cargas do tráfico, nin estando garantida a capacidade estrutural baixo o propio peso”, indicaba o informe.
Traballos de reposición do pilar
Unha vez analizada a situación da ponte e emitidos os pertinentes informes, trala revisión de estrutura e coa conformidade das administracións autonómica e do Estado, competentes na materia, os traballos que se levaron a cabo para a reparación da ponte foron os seguintes.
1.- Desvío do cauce a través dos vanos da marxe esquerda do río Cabe:
Para elo executáronse as seguintes accións:
- Colocación de barreiras antiturbidez
- Desbroce das marxes.
- Retirada de material existente na marxe esquerda para a recuperación do ancho orixinal, alcanzando a capacidade necesaria para o desvío.
- Formación de camiño de acceso a través da área recreativa.
2.- Formación de plataforma de traballo, con recheo de escollera:
A construción desta plataforma foi necesaria para:
- Apeo do correspondente taboleiro.
- Execución dos sondeos necesarios para a caracterización do solo, para a elección da solución máis axeitada para as condicións da cimentación co obxecto de reconstruír o pilar.
3.- Colocación de cimbra de apeo do taboleiro:
Esta colocación levouse a cabo en dous puntos situados antes e despois do pilar dúas, co que se permitirá a execución dos traballos necesarios para a reconstrución do pilar afectado.
4.- Execución da cimentación profunda mediante micropilotes e encepado, nunha profundidade de 9 metros para estabilizar o terreo, sobre a que se construíu de novo o pilar, coa mesma forma dos pilares existentes.
5.-Reposición ao estado inicial do cauce do río Cabe.
Unha vez levada a cabo a cimentación profunda do pilar, procedeuse á:
- Retirada da delimitación do canal de derivación da marxe esquerda
- Retirada da cimbra
- Retirada da escollera da marxe dereita
- Restauración do cauce do río.
- Restauración da zona de acceso á ponte, de persoas e vehículos.