O Alcalde de Monforte anima todos os colectivos, empresas e cidadáns a sumarse á Campaña arredor do 25N, “Que non te cale o machismo”

Monforte de Lemos, 13 de novembro de 2023.  O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e a Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López,  deu a coñecer hoxe os actos que o Concello organiza, a través do Centro de Información á Muller (CIM), co gallo do 25 de Novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero.

O Alcalde convidou a todos os axentes sociais e económicos do municipio a participar un ano máis na campaña de sensibilización que este ano leva por títuloQue non te cale o machismo, e que ten por obxecto, a través dun completo programa de actividades “facer un chamamento á unión e implicación da xente da cidade para seguir avanzando na loita contra a violencia machista”.

Neste senso, o rexedor monfortino indicou que “a violencia machista non ten cabida na sociedade que aspiramos a ser, nin na democracia que queremos consolidar. Eliminala das nosas vidas e protexer ás vítimas non é unha opción, é unha obrigación. Para iso necesitamos o compromiso individual da cidadanía, homes e mulleres, e o compromiso colectivo da sociedade todos os días do ano”.  

“A violencia machista” subliñou José Tomé, “é a primeira causa de morte prematura entre as mulleres, o machismo mata e ten que ser unha cuestión política de primeira orde. Desde o ano 2003, data que marca o inicio da recompilación de datos oficiais, foron asasinadas por violencia de xénero en España 1.237 mulleres. No que levamos de 2023, ata principios de novembro foron asasinadas 52 mulleres”.

“Por todo isto, dende o Equipo de Goberno, consideramos que a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade monfortina que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres. Así, animamos a todos os axentes sociais e económicos do Municipio a implicarse na conmemoración dos diversos actos que organizamos arredor do 25 de novembro”.

A campaña ideada dende o Concello co gallo do 25-N, estenderase dende este venres día 17 e ata o 30 de novembro. O programa conta cun amplo abano de actividades, cuxa difusión será a través de cartelaría específica e de pancartas conmemorativas, que serán colocadas no edificio do Concello, no Centro Cívico e na Rúa Cardeal.

Tamén, o igual que nos últimos anos, instalarase un vinilo da campaña no Bus Urbano do Concello para difundir a mensaxe de rexeitamento á violencia de xénero en todos os traxectos que realice o bus pola vila, así como un chamamento a asistir á concentración do 25 novembro. Do mesmo xeito, o propio 25 de novembro, iluminarase de cor malva a Torre da Homenaxe, dende as 6 e media da tarde e ata as 12 da noite, para concienciar a toda a cidadanía en contra das violencias.

 

Actos centrais do 25-N, na rúa Cardeal

Como todos os anos, o sábado 25 de novembro acollerá os actos centrais do Día Internacional para a eliminación da Violencia de Xénero” en Monforte.

Ás 12:30 h, terá lugar o acto conmemorativo do propio día coa Lectura do Manifesto na Rúa Cardeal a cargo de Margarita López Rodríguez, Concelleira de Muller e Igualdade.

Posteriormente desenvolverase a Performance “En Pé”, performance feminista creada por Laura Naveira que, a través da mímica, danza e expresión corporal terá como obxectivo concienciar e visibilizar a discriminación e violencia contra as mulleres, así como a necesidade de implicación da sociedade na loita contra a violencia  machista e a importancia do apoio ás vítimas.

Nesta performance actuarán tamén Violeta Torres e Rebeca Lourido as que, xunto a Laura Naveira, desenvolverán tamén o día 25, dúas actuacións mais que terán lugar en localizacións concorridas do casco urbano de Monforte, de 13:00 a 14:30 e de 18 a 20 h.

Rematará este acto co reparto de material de sensibilización, concretamente paraugas, entre as persoas asistentes.

 

En canto ó resto de actividades que que se desenvolverán arredor do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, serán as seguintes:

 

O venres 17 de novembro no Salón de actos do Centro Cívico, celebrarase a Mesa de coordinación profesional contra a violencia de xénero, que se ven celebrando dende o ano 2009 para a mellora de atención a vítimas de violencia de xénero.

Como todas as edicións desta Mesa, levarase a cabo primeiro unha formación especializada en violencia de xénero dirixida a profesionais, á que lle seguirá un tempo de debate, coordinación, actualización de recursos e intercambio de experiencias dende os distintos ámbitos profesionais.

Este ano a formación levarase a cabo en liña, coa ponencia titulada “Cultura, masculinidade e violencia de xénero: accións e reaccións”  a cargo de Miguel Lorente Acosta, ex-Delegado do Goberno para a violencia de xénero, doutor en medicina, médico forense e profesor da Universidade de Granada, acreditado experto en medicina legal e en temas relacionados coa violencia de xénero, ademais de  autor de numerosas publicacións académicas e de varios libros sobre a materia..

 

O 20, 21 e 22 de novembro, terá lugar o Obradoiro de Prevención da Violencia Sexual “Con(Sentido)”, dirixido a alumnado 4º de ESO, co que se pretende que os alumnos e alumnas reflexionen sobre determinadas conductas que están estendidas entre a poboación adolescente, e dotar de referentes e modelos axeitados para relación sans e adecuadas.

A encargada de levar a cabo este obradoiro será a psicóloga sanitaria Paula Sánchez, especialista en igualdade e violencia de xénero, que exporá de forma dinámica e audiovisual contidos teóricos a través de exemplos facilmente recoñecibles, reais e sinxelos para a mocidade facilitándolles as ferramentas claves para que camiñen cara un modelo afectivo desde os coidades e o bo trato baseado na igualdade.

 Participarán os centros educativos do CPR PP Escolapios, o CPR Ferroviario, o CPR Torre de Lemos, así como os IES A Pinguela, Daviña Rey e Río Cabe.

 

Os días 20, 21 e 23 de novembro celebrarase o Obradoiro de Prevención das Violencias Machistas na Contorna Dixital “#Patriarcado Baneado”, esta vez dirixido ao alumnado de 6º Educación Primaria.

A actividade consistirá nun xogo de investigación e análise colaborativo a través dunha presentación interactiva, na que o alumnado participante se dividirá en equipos de entre 2 e 3 persoas para navegar polas diferentes plataformas e redes sociais máis utilizadas na actualidade co obxectivo xeral de concienciar sobre as ciberviolencias sexuais para favorecer a prevención e a erradicación das mesmas na poboación infantil e xuvenil.

O persoal encargado de levar a cabo a actuación, pertencentes a CAVAS GALICIA, serán profesionais do Traballo Social con especialización en xénero e igualdade e experiencia en xestión de grupos. Con esta actividade buscaran fomentar no alumnado participante o razoamento crítico sobre a socialización diferencial, para que aprendan a relacionar como esta tamén inflúe nos espazos virtuais, xerando a mesma desigualdade estrutural que sustenta a base das ciberviolencias sexuais.

Neste caso, participarán alumnas e alumnos do CEIP A Gándara, o CPR Torre de Lemos, o CPR PP Escolapios, o CPR Ferroviario, o CEIP Monforte e o CEE Infanta Elena.

 

O venres 24 de novembro, de 12:30 a 13:30 h o Salón de Actos do Centro Cívico acollerá a celebración do Obradoiro “Prevención do Acoso Callejero, cuxo obxectivo é formar á poboación para que denuncien este acoso cando se produza, para construír unha conciencia na que o acoso nas rúas sexa visto coma un comportamento inaceptable.

Desde Fundación Mujeres e enmarcado no programa Standup, desenvolverase este obradoiro de prevención do acoso nas rúas no que se darán a coñecer un conxunto de ferramentas útiles para intervir de maneira segura cando experiméntase ou presénciase situacións de acoso en espazos públicos.

Este obradoiro é gratuíto, cunha duración dunha hora aproximadamente. Desenvolverase o 24 de novembro no Salón de Actos do Centro Cívico Social 12:30  a 13:30 H.

As persoas interesadas poderán realizar a inscrición previa no CIM (Tel. 982 41 63 50).

 

A representación Teatro musical pola Igualdade: “A fada que non sabía ser fada”, a cargo da compañía Trémola Teatro, terá lugar o domingo 26 de novembro ás 6 da tarde no Salón de Actos Casa da Cultura, e está dirixida a público familiar, e con entrada gratuíta.

 

O 28 e 30 de novembro, de 16 a 20 h., no Centro Cívico, impartirase Curso de Autodefensa para mulleres ante situacións violentas, que repite no programa dende hai uns anos pola boa acollida que sempre ten.

Este curso serve para dotar as mulleres participantes de ferramentas para a súa defensa persoal e para a prevención de situacións de violencia de xénero, e está impartido por persoal instrutor de Fegaloita, que pertence ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. A actividade é gratuíta e co número de prazas limitado, polo que as mulleres interesadas deberán inscribirse previamente no CIM.

A actividade é gratuíta e co número de prazas limitado, polo que as mulleres interesadas deberán inscribirse previamente no CIM (Tlfo. 982 41 63 50).

 

“En resumo”, concluíu o Alcalde, “un ano máis encheremos Monforte de actividades arredor do 25-N Día Internacional contra a Violencia de Xénero, porque creemos que a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres”.

Para iso, José Tomé animou “a todos os veciños e veciñas de Monforte, asociacións, colectivos, entidades e empresas a implicarse na conmemoración do 25 de Novembro, e a que participen nos diversos actos que conforman esta campaña, co obxectivo común de acabar coa lacra da violencia de xénero na nosa sociedade, pois é un tema transversal que nos compete a todos e todas”.