O Alcalde preside os actos de conmemoración dos 25 anos da Coral Polifónica do Concello de Monforte

Monforte de Lemos, 2 de setembro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presidiu na tarde de hoxe os actos conmemorativos dos 25 anos da Coral Polifónica do Concello de Monforte, que se celebraron no salón de actos da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro.

Nos actos de celebración deste 25 aniversario, o Alcalde estivo acompañado pola presidenta da Coral, María del Carmen Lobo, a 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, a Concelleira de Cultura, Marina Doutón, diversos membros da Corporación municipal, así como moitos integrantes e ex-membros da Coral Polifónica, entre outras moitas autoridades.

José Tomé, na súa intervención, recordou que “o pasado ano 2021, a Coral Polifónica do Concello de Monforte cumpriu 25 anos da súa creación. Por este motivo, hai un ano que teríamos que ter celebrado esta efeméride, pero debido á situación sanitaria do Covid-19, non puidemos levar a cabo os actos conmemorativos que tiñamos previstos”, polo que salientou que “hoxe, por fin, podemos celebrar en condicións e como se merece, o 25 aniversario da nosa Coral, e felicitala polos 26 anos que xa leva cumpridos de existencia”.

O acto serviu para levar a cabo un recoñecemento a todas aquelas persoas que ó longo destes 25 anos formaron parte desta Coral, tendo un recordo moi especial cos integrantes xa desaparecidos da mesma, así como con aqueles que a deixaron.

Tamén se recoñeceu a labor de todas aquelas persoas e entidades que colaboraron coa Coral: medios de comunicación, centros educativos, igrexas parroquiais, así como os concelleiros e concelleiras de Cultura de Monforte que apoiaron o seu nacemento e desenvolvemento ó longo destes anos. Na súa intervención o Alcalde tamén tivo palabras de recoñecemento para outro dos seus presidentes máis importantes, Ramón Rodríguez Buján, “Ramonín”.

Os homenaxeados e homenaxeadas, máis dun centenar de persoas, recibiron un pin conmemorativo elaborado para esta ocasión e dun lapis de memoria que recolle un vídeo resumo das actuacións da Coral.

Así mesmo, o Alcalde fíxolle entrega á Presidenta da Coral dunha peza de artesanía conmemorativa de Sargadelos, polos 25 anos alcanzados por esta entidade musical que é referencia na cidade.

Ademais destes actos de recoñecemento e previamente, proxectouse un vídeo resumo coas principais actuacións da Coral Polifónica ó longo destes 25 anos.

 

XXV anos da Coral Polifónica de Monforte

Na súa intervención, o Alcalde fixo un breve repaso destes 25 anos de vida da Coral.

A Coral foi fundada en marzo de 1996, sendo o seu primeiro director Xoan Antón Vázquez Casas. En maio de 1997, faise cargo Fernando Sanmartino Pérez, que na actualidade compaxina a dirección da Coral coa actividade de director do Conservatorio e da Banda de Música do Concello de Monforte.

A Coral está integrada actualmente por 50 voces mixtas e seu repertorio inclúe Música Sacra, Música Popular Galega, Panxoliñas, Habaneras, etc.

No seu haber, nestes 25 anos de historia, a Coral realizou un total de 238 actuacións, das cales 143 foron na cidade de Monforte e 81 repartidas entre localidades de Galicia (como Cee, Ribadeo, Marín, Pontedeume, Mondoñedo, O Grove), Asturias (Cudillero, Mieres, Villaviciosa, Candás) ou Castela e León (Zamora, León).

Tamén destacan as 14 prestixiosas actuacións en diversos países europeos como Suíza, Francia, Italia, Dinamarca, Alemaña, Suecia, Bélxica ou Portugal.

En música Sacra, destacan as súas actuacións na Catedral de Tui, en Nosa Señora das Neves, ou en San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela. No ano 1999 gravou o seu primeiro CD de polifonía variada.

Colaboración estreita do Concello coa Coral

José Tomé tamén destacou a colaboración estreita do Concello de Monforte coa Coral Polifónica a través de diversas liñas de actuación, proporcionándolle un local de ensaios, no Edificio Multiusos, aportando a figura do Director da Coral, sufragando as súas saídas para a realización de concertos, para a súa participación no programa ”Europeades”, ou os intercambios con outras corais e adquirindo o material que necesitan para desenvolver a súa actividade.

Do mesmo xeito, froito desta colaboración, a Coral participa anualmente en concertos e actividades organizadas pola nosa Concellería de Cultura: concertos de Nadal, Habaneras, Festas Patronais, así como outros concertos institucionais, relixiosos, interpretacións en inauguracións e diferentes actividades culturais, sociais e educativas do Concello.

O Alcalde rematou a súa intervención felicitando “á Coral Polifónica de Monforte polos seus 25 anos de traxectoria, desexarlle, polo menos, outros 25 anos de éxitos e que sigan sendo embaixadora do Concello de Monforte en todos os escenarios nos que actúe”.