O Bus Urbano de Monforte superou os 52.000 viaxeiros no ano 2021, a mellor cifra da súa historia

Monforte de Lemos, 29 de xaneiro de 2022. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, ven de dar a coñecer os datos correspondentes ó número de pasaxeiros que utilizaron o Autobús Urbano de Monforte no pasado ano 2021, que alcanzou os 52.685 usuarios.

O dato é certamente relevante porque “a media mensual neste 2021 supera ás 4.400 persoas ó mes, polo que podemos dicir que estamos ante un ano histórico no que superamos a cifra de 52.000 viaxeiros”, destaca o Alcalde.

Do mesmo xeito, o Alcalde subliñou que “o novo bus urbano gratuíto de Monforte transportou, en 2020, un 140% máis de persoas que en 2019, e en 2021, supuxo o 265% máis de viaxeiros, o que significa todo un éxito para este servizo de trasporte público municipal dende que comezou a funcionar cun novo vehículo e de xeito gratuíto en febreiro de 2020”.

En números absolutos, mentres que en 2019 foron 14.422 os usuarios, en 2020 ascenderon ata 34.665, o que supón 20.233 persoas máis que en 2019. E en 2021, con respecto a 2019, son 28.263 usuarios máis.

Hai que ter en conta que en 2020 o servizo do bus urbano estivo suspendido en Monforte por un período de case dous meses, en concreto entre o 14 de marzo e o 10 de maio, tras o estado de alarma decretado polo Goberno de España a raíz da crise do COVID-19. Polo tanto as cifras aportadas para 2020 son sobre 10 meses de servizo, fronte ós 12 meses de funcionamento en 2019.

Do mesmo xeito, o incremento de 2021 respecto a 2020 é de 18.020 viaxeiros, o que significa un 52% máis.


Foto de arquivo: Presentación polo Alcalde e o Equipo de Goberno do novo Bus Urbano de Monforte, o 1 de febreiro de 2020

Desglose de usuarios

Segundo datos facilitados pola empresa concesionaria do servizo, por meses, o número de usuarios en 2021 foi o seguinte:

Mes

Número de viaxeiros

Xaneiro

3.209

Febreiro

3.729

Marzo

4.189

Abril

4.297

Maio

4.667

Xuño

4.395

Xullo

4.179

Agosto

4.280

Setembro

4.605

Outubro

5.498

Novembro

5.447

Decembro

4.190

Total

52.685

 

O rexedor monfortino destaca que “a tenor destes datos, dende o inicio da posta en funcionamento do novo Bus Urbano, este tivo unha excelente acollida por parte dos cidadáns, alcanzando cifras moi elevadas de uso. Por iso, dende o Equipo de Goberno do Concello estamos moi satisfeitos coa valoración que fan do servizo os monfortinos e monfortinas que se traduce nun incremento de uso moi significativo se o comparamos con anos anteriores. Podemos asegurar que o bus urbano de Monforte conta cunha alta aceptación social que se reflexa no incremento de viaxeiros ano a ano, , o que demostra o acertado e o éxito desta medida”.

 

Bus urbano de Monforte: Éxito do servizo de transporte dende o primeiro día

O Bus Urbano que comezou o seu servizo en Monforte o 1 de febreiro de 2020 é un caso único en Galicia e practicamente en toda España xa que, ademais de contar cun vehículo novo, moderno, adaptado para persoas con mobilidade reducida ou con algunha discapacidade, e accesible a todos os cidadáns, o servizo destaca por ser de carácter gratuíto para todos os seus usuarios.

Neste senso, o Alcalde subliñou que “dende a posta en marcha do servizo, o novo bus urbano monfortino suscitou a atención doutras cidades e concellos de Galicia e tamén de numerosos medios de comunicación, non só da provincia, senón tamén do resto da Comunidade Autónoma e incluso do panorama nacional, medios que se achegaron ata Monforte para facer reportaxes e directos dende o propio bus. Isto permítenos afirmar que Monforte é unha cidade pioneira en transporte público gratuíto”.

“Os excelentes datos de usuarios que vimos de comunicar hoxe permítennos afirmar que este  novo autobús de transporte municipal público e gratuíto está a cumprir co fin social para o que foi ideado.” Para o Equipo de Goberno de Monforte, o fomento do transporte público forma parte esencial das políticas sociais do goberno municipal.

 

Principais características do novo Autobús urbano de Monforte

O Autobús Municipal que comezou o seu servizo regular o pasado 1 de febreiro de 2020, trátase dun vehículo novo, da marca Mercedes Sprinter 519 City Line que conta coas seguintes características:

  • Dispón de 36 prazas, 21 sentadas e 15 de pé, e para elo vai dotado das barras de subxección verticais e horizontais regulamentarias.
  • Conta con 2 prazas para persoas con mobilidade reducida, o que se denominan prazas PMR.
  • Ten unha plataforma ou rampla de acceso para discapacitados ou persoas con mobilidade reducida, e conta cunha porta de servizo de dobre folla.
  • Conta cun máquina rexistradora de usuarios, que lle permitirá facilitar datos mensuais de viaxeiros ou de facturación se fose o caso no futuro, para coñecer o uso que fan deste servizo os cidadáns.
  • Leva incorporada unha pantalla de televisión informativa con datos facilitados polo Concello, para que os usuarios poidan saber a ruta, os horarios e incluso avisos ou mensaxes publicitarias e comerciais.
  • Ademais, proporciona información sonora mediante altavoces no teito de próxima parada que permitirá coñecer a todos os usuarios, e especialmente ós invidentes, coñecer dita información.
  • Posúe conexión Wifi con acceso gratuíto a Internet e puntos de recarga USB para dispositivos móbiles, para facilitar a todos os usuarios o uso dos seus dispositivos electrónicos durante as viaxes. O nome da rede e a clave de acceso están visibles na parte dianteira do autobús (usuario: RUT950_F9a2; contrasinal: z8V9Usc4).
  • Xeolocalizador GPS que permite o seguimento da posición do vehículo en tempo real. Isto poderá facelo cada usuario descargándose a aplicación “Locatel” (usuario: bus2020; contrasinal: urbano). É esta unha ferramenta moi útil porque dende un móbil poderase saber en cada momento por onde circula o autobús.
  • Conta co sistema “Alcolock”, que impide que un condutor baixo a influencia do alcohol poida conducir. Para elo o condutor debe soprar por un dispositivo que so permitirá o arrincado do vehículo se non detecta alcohol no chofer.
  • Detector de fatiga do condutor, mediante unha cámara situada fronte ó asento daquel.
  • Desfribilador Externo Semiautomático (DESA): cardioprotexido e con tipo de descarga dobre, para nenos e para adultos.