O Concello adxudica as obras para rematar a construción do futuro Parque do Barrio do Hospital

Monforte de Lemos, 30 de marzo de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar a adxudicación das obras que restan por executar para rematar a construción do novo Parque do Barrio do Hospital.

Este proxecto fora adxudicado o 21 de abril de 2021 á empresa Zona de Obras O Rosal S.L., data en que Concello e empresa asinaron o contrato administrativo. Dita empresa tiña un prazo de execución para a obra de catro meses, que non cumpriu aludindo problemas loxísticos no subministro de materiais motivados pola pandemia.

O Concello decidiu, despois de diversos informes desfavorables emitidos polo director técnico da obra, rescindir o contrato con dita empresa, rescisión que foi avalada e dictaminada favorablemente polo Consello Consultivo de Galicia, o pasado 12 de xaneiro de 2022.

Unha vez resolto definitivamente o contrato, dende o Concello volveuse sacar a concurso o que quedaba por executar das obras deste novo parque, en base un novo proxecto no que se incluíu que resta por facer para finalizar o parque.

Rematado o prazo para a presentación de ofertas, e celebrada esta semana a mesa de contratación correspondente, as obras para rematar o novo parque foron adxudicadas á empresa Calfensa Proyectos S.L., por un importe de 590.347,87€. €.

Esta empresa retomará as actuacións dende o punto en que o deixou a anterior empresa adxudicataria, que so levou a cabo a execución parcial do movemento de terras e iniciou a construción do muro de contención, sen rematar ambas actuacións.

“A nova adxudicararia, para a finalización do proxecto, contará cun prazo de execución de 98 días, dende que se asine a acta de replanteo, que se realizará no prazo dun mes dende a sinatura do contrato, que terá lugar nos próximos días, sendo a previsión de remate das obras a finais do verán, coa sementeira do céspede no mes de setembro, por ser a mellor época para a súa correcta consolidación”, salientou José Tomé.

O Alcalde monfortino engade que “tras  rematar o proceso de adxudicación, seguimos avanzando na consecución deste importante proxecto construtivo, un logro de enorme relevancia, que fará que a cidade de Monforte teña un novo parque público no Barrio do Hospital, e que suporá a posta en valor desta parte da cidade”.

Este proxecto do novo parque público do barrio do Hospital para a cidade, fora dado a coñecer polo Alcalde monfortino a finais do mes de setembro de 2019, e estará ubicado na parcela que linda coa finca do Hospital Comarcal, coa rúa Corredoira, coa rúa Codesás e coa Ronda María Emilia Casas Baamonde.

José Tomé recordou que “con este proxecto dotaremos a esta zona da cidade, dunha nova infraestrutura pública que contará con varias zonas de céspede, un área de xogos infantís, paseos peonís lonxitudinais e transversais, elementos biosaudables de ximnasia para maiores e unha zona de estacionamento de aproximadamente 60 prazas, para vehículos motos, bicicletas así como prazas para minusválidos, que contribuirá a paliar o déficit de estacionamento que ten o Hospital Comarcal tanto para os veciños que van a consulta como os que van de visita”.

O Alcalde engade que “para o Equipo de Goberno,  a atención ás persoas é un pilar fundamental da nosa acción de Goberno, e creemos que con esta obra contribuiremos a mellorar os servizos e a calidade de vida de todos os monfortinos.”

 

Carácter integral do novo parque público do Hospital

O 30 de setembro de 2019 o Alcalde de Monforte deu a coñecer un proxecto para a construción dun novo Parque público no Barrio do Hospital. Ese mesmo día, iniciouse o procedemento para alcanzar estes obxectivos de construción do novo parque, xa que o Pleno da Corporación municipal aprobou a declaración de interese social da parcela onde se ideou construír esta nova infraestrutura urbana. O pasado 17 de decembro de 2020, o Concello obtivo da Xunta de Galicia o permiso para expropiar os terreos necesarios para levar a cabo este proxecto do futuro Parque do Hospital. E hoxe o Concello puxo en marcha o proceso para a licitación das obras de construción do novo Parque.

O novo parque público do Barrio do Hospital ideado polo Equipo de Goberno monfortino terá un carácter integral para dar resposta a varias cuestións ó mesmo tempo, de tal xeito que vai incluír varias zonas de céspede, unha zona de xogos infantís, paseos peonís lonxitudinais e transversais, estará dotado de varios elementos biosaudables de ximnasia para maiores e finalmente contribuirá a paliar o déficit de estacionamento na zona do Hospital contando co aproximadamente 60 prazas de estacionamento para vehículos e tamén contará con estacionamentos para motos, para bicicletas e prazas para minusválidos.

A superficie da parcela que albergará este parque será de aproximadamente 6.212 metros cadrados, unha extensión moi importante e que ven dar un servizo público do que carece esa zona da cidade.

O Barrio do Hospital

O Barrio do Hospital atópase situado ó noroeste do centro urbano de Monforte de Lemos entre as zonas do seu casco histórico coñecidas como Abeledos e Ramberde e a Rolda María Emilia Casas Baamonde (tramo urbano da LU-644 situado ao leste da LU-617), barrio xurdido a finais do século pasado, a raíz da construción no lugar do Hospital Comarcal de Monforte e á apertura da referida Rolda María Emilia Casas, vial que veu comunicar as partes este e oeste da zona norte da cidade, divididas pola canle do Río Cabe.

Todo isto derivou que nas últimas décadas, esta parte norte da cidade e en especial o Barrio do Hospital, sexa a zona da cidade que experimentou un maior desenvolvemento, cun notable aumento de poboación e o establecemento de novos comercios de toda índole, como por exemplo o supermercado “Mercadona” de grandes dimensións existente na contorna próxima do Hospital Comarcal que acaba recentemente de ser ampliado.

A confluencia destes servizos no Barrio do Hospital fai que o número de persoas que se achegan ao mesmo sexa moi elevado, en especial, nas franxas horarias de maior afluencia ó Hospital Comarcal, así coma ó novo supermercado. Hai que ter en conta que o Hospital Comarcal constitúe, si non o que máis, si un dos lugares que congrega un maior número de persoas da zona sur da provincia, dado o número de traballadores que emprega e os usuarios diarios que atende.

Así mesmo, a apertura no ano 2015 do último tramo, con chegada á cidade de Monforte de Lemos, da estrada CG2.2 (Vía de Altas Prestacións Lugo-Monforte), a cal na súa parte final circunvala o norte do núcleo urbano de Monforte de Lemos e cuxos accesos a leste, conflúen na contorna do Barrio do Hospital, provocou que o número de vehículos que circulan por estas viuse acrecentado de forma exponencial, sendo estes agora mesmo os máis utilizados polos usuarios que se achegan á cidade desde o norte da provincia.

O gran desenvolvemento acadado polo barrio, fai necesaria a dotación de novos espazos públicos destinados a cubrir as necesidades da poboación desta zona, formada en gran parte por xente nova con nenos. Deste xeito, o Equipo de Goberno monfortino leva a cabo, con este proxecto, a creación de novos espazos destinados ó lecer e esparcemento para este barrio, que actualmente conta cunha área de xogos infantís na esquina das rúas Abeledos e Irmáns Dapena e outra con elementos biosaudables na rúa Corredoira.

Por outra banda, a poboación visitante que acode ó Barrio do Hospital buscando os servizos que nela se congregan, procedentes tanto de Monforte de Lemos como de toda a comarca e que na súa gran maioría achéganse ao lugar en vehículos particulares, atópanse co problema da falta de estacionamento, a pesar do número de prazas de aparcamento que alberga o recinto do Hospital Comarcal, problema que levou a proxectar, por parte do Concello, unha nova zona de aparcamentos, que contará con aproximadamente 60 prazas.

O Concello de Monforte de Lemos atendendo a estas necesidade de dotar ó Barrio do Hospital de prazas de estacionamento de vehículos e espazos libres para o esparcemento da poboación (parques, xardíns e áreas de xogo), ante a inexistencia na zona de chan de titularidade municipal para a implantación de devanditos servizos, viuse na necesidade de buscar terreo para este fin, sendo idónea a adquisición da parcela de terreo libre situada entre a Rda. María Emilia Casas Baamonde, a rúa Corredoira e o recinto do Hospital Comarcal.

En dita parcela, o Concello acometerá a construción do novo Parque do Barrio do Hospital, que albergará unha nova área de xogos infantís, de máis de 1.000 m2 de superficie, grandes zonas axardinadas e sendas para o paseo que enlazará co xa existente en paralelo á Rda. María Emilia Casas Baamonde, proveniente desde o leste (zona da Estación de Autobuses, Instituto Río Cabe, Paseo do Malecón, Edificio Multiusos e instalacións do Club Fluvial). Ademais, crearase un número importante de novas prazas de estacionamento, estimado en 60 prazas.

 

Descrición das obras do novo Parque do Hospital

A creación do Parque do Barrio do Hospital proxectouse sobre unha superficie duns 8.370 m2, englobando os traballos a executar na obra que se detallan a continuación. A anterior empresa adxudicataria, so levou a cabo a execución parcial do movemento de terras e iniciou a construción do muro de contención, polo que a nova empresa finalizará estas dúas actuacións, e executará o resto das obras previstas no proxecto:

1.- Movemento de terras

Adecuarase a superficie do terreo da zona de actuación ao deseño de cotas definido no proxecto construtivo, reacondicionando os volumes dentro do ámbito, co traslado de terras de desmonte ás zonas de reencho, conseguindo unha orografía máis regular e suavizada que a actual.

2.- Muro de contención

Construirase un muro de mampostería de pedra de granito no perímetro do Parque, contra a rúa Corredoira e a parcela do Hospital Comarcal, extremos oeste e sur-este, co fin de sustentar o terreo do mesmo, ó atopase en posición elevada respecto dos anteriores. No caso do lateral do Hospital, boa parte do muro asentarase sobre unha superficie en terraza existente a media altura do actual terraplén, coincidente co límite da parcela.

O muro, duns 250 metros de longo, terá unha altura que variará entre os 0,5 metros dos seus extremos e os algo menos de 3 metros do seu punto máis alto, empregando para a súa formación, perpiaños de pedra granítica con acabado aserrado na cara vista, servidos en bloques de peso superior a 750 kg/ud.

Tralo acondicionado do terreo no que descansará a cimentación, con retroexcavadora, formarase a mesma, empregando para iso, pedras similares ás descritas, neste caso sen o aserrado dunha das súas caras, que se formigonarán. Conformado este, colocaranse os bloques de pedra da parte vista do muro, rematando a súacoronación de forma que se iguale coa superficie da senda peonil en formigón que se construirá parella a leste. O trasdós reencherase con material drenante de grava (tamaño máx. 100 mm), recuberto de geotextil, gramaxe 165 g/m2, e tubo de PE corrugado para drenaxe, diámetro mínimo 110 mm., a colocar na base.

3.- Valla perimetral

Unha vez acabado o muro de contención, pola súa banda superior, entre este e a mencionada senda peonil, instalarase unha vala metálica, altura 1,5 metros, de postes metálicos e malla galvanizada plastificada, en cor verde, en todo o seu longo que dificulte as caídas de persoas e obxectos cara ó exterior do Parque. A cimentación dos postes realizarase na formación do pavimento en formigón da senda peonil.

4.- Pavimentación asfáltica e sinalización viaria. Novo estacionamento.

Consistirá na mellora das condicións da actual vía de servizo da estrada LU-644 que transcorre polo extremo norte do Parque e a creación paralela a esta, na marxe oposta á referida estrada, dunha franxa de estacionamento en espiga, para automóbiles e motocicletas.

Para a vía de servizo, redefinirase o seu rasante de forma que sexa regular, sen altibaixos como sucede agora e, no posible, paralela á da plataforma da estrada.

Tras isto, aplicarase a toda a vía unha capa de zahorra natural, espesor 10 cm., con posterior refino e compactado, encima da cal estenderase unha capa de aglomerado en quente tipo D-12, de 8 cm. de espesor.

En canto ó estacionamento, presentará as mesmas características e procederase do mesmo xeito que na vía, efectuando o acondicionamento do terreo nos traballos de movemento de terras previos. En canto ao acabado do seu firme, leste terá unha lixeira caída cara a vía (3%) para a escorrentía das augas cara a esta, para cuxa recolleita instalarase unha rígola de formigón tipo R40, de dimensións 50x33x10 cm., na unión de ambas. Do outro lado do estacionamento, contra a superficie destinada a Parque, no seu encontro coa senda peonil a construír no perímetro de leste, colocarase, a modo de límite, un bordillo de formigón tipo C2, de dimensións 50x35x15 cm.

Nas zonas de tránsito de peóns existentes ós lados do actual paso de cebra, instalarase pavimento especial de baldosas táctiles prefabricadas de formigón (norma UNE-EN 1339:2004), con relevo tipo botón, de cor vermella.

Acabados os traballos anteriores, sinalizaranse correctamente ambos espazos, vía e área de estacionamento, coa correspondente sinalización horizontal e vertical. Así, procederase ó pintado da vía, coa marcaxe das liñas laterais, cebreado e símbolos, e das liñas que delimitan as prazas de aparcamento, diferenciando as reservadas para minusválidos, en azul. Colocaranse 6 sinais verticais segundo a relación:

  • 1 sinal indicativa de “Calzada de sentido único” e 1 de “Perigo peóns” a situar ao comezo da vía de servizo.
  • 1 sinal indicativa de “Paso para peóns”, á altura do paso de cebra que cruzará a vía de servizo, continuación do proveniente da estrada LU-644.
  • 3 sinais indicativas de “Estacionamento”, coa inscrición dos tipos de vehículos ós que se permite estacionar, 1 de automóbiles e 2 de motos, nas respectivas áreas habilitadas para iso.
  • 1 sinal de “Stop” no final da vía de servizo, na súa incorporación ó denominado Camiño dous Codesos.

Para rematar, para posibilitar o acceso dos vehículos desde a LU-644 a través da rotonda da que dispón na súa confluencia coa C/ Corredoira, situada ao noroeste da zona de actuación, será necesario recolocar parte da barra de seguridade (bionda), que separa a estrada da vía de servizo, abrindo un oco no seu tramo inicial, anterior ao actual paso de peóns.

En relación a dita bionda, para acabar de delimitar a estrada LU-644 da súa vía de servizo, evitando así que os vehículos que circulen por esta última poidan acceder á estrada irregularmente, de maneira que para abandonala véxanse obrigados a percorrela integramente; alargarase o tramo de bionda existente cara ao leste, ata o encontro da vía de servizo co Camiño dous Codesos.

5.- Pavimento en formigón de senda peonil e isletas para biosaludables

Construirase a rede de camiños deseñada para o parque, perimetral e intermedios, consistentes nunha soleira continua de formigón coloreado con mallazo, espesor 15 cm., previo encofrado dos mesmos.

No camiño perimetral do extremo sur-este de o parque, paralelo á parcela do Hospital Comarcal, crearanse anexas a leste, pola súa banda interior, 4 Isletas de idénticas características ás da senda, con forma redondeada radio 2,5 metros, para a instalación nelas de aparellos biosaludables.

6.-Pavimento de seguridade de área de xogos infantís

Crearase o pavimento da área de xogos infantís a situar na parte oeste do Parque, cunha superficie aproximada 1.500 m2, para o que se procederá do seguinte modo:

  • Construción dunha soleira de formigón de 15 cm. de espesor, que abarcará a totalidade da área de xogos, estando delimitada en todas as súas frontes polos camiños da senda peonil, polo que non necesitarán encofrado. Na súa execución instalaranse os anclaxes dos elementos de xogo que precisen ir embutidos na solera.
  • Sobre a anterior, formarase un pavimento continuo absorvedor de impactos, a crear in situ, mediante a aplicación de dúas capas.

7.- Zonas verdes

Consistirá na formación de céspede, plantación de arbolado e axardinado das superficies do Parque, fóra das destinadas a senda peonil e isletas biosaludables e á área de xogos,deixando, pois, 3 grandes áreas delimitadas polos anteriores.

Efectuado o movemento de terras e creada a senda peonil, actuarase sobre os terreos destinados a zonas verdes, e forma que se eliminará manualmente da superficie do terreo todas a pedras e demais materiais cuxo tamaño excesivo dificulten os posteriores traballos de sementa e plantación, e instalarase o sistema de rego, o que conlevará a apertura de gabias, a colocación de tuberías, polietileno 10 atm., arquetas para a conexión e derivación destas, filtros, chaves de paso, equipos de aspersión e de goteo, e a instalación dos equipos de rego automático, ademais da conexión do sistema á rede de abastecemento..

Tralo anterior, estenderase sobre a totalidade da superficie do terreo a axardinar unha capa de terra vexetal, de espesor 10 cm., á que se lle practicará un posterior laboreo con multicultor e un paso de rodillo superficial arrastrado por tractor para o allanado do terreo.

Preparado o terreo, efectuarase a plantación de árbores e a formación de parterres, nos lugares elixidos para eles, sementando céspede natural no resto da superficie destinada a zonas verdes.

Dotarase de sistema de rego automático ás zonas verdes do Parque: áreas de céspede co seu arbolado e parterres, debendo executarse entre os traballos de preparación do terreo e os de plantación, sementa e formación dos parterres.

8.- Aparatos biosaudables

Dotarase ó Parque de 4 aparellos biosaudables que se instalarán en 4 isletas, un por isleta, sendo os modelos elixidos os seguintes:

  • Patines.
  • Elíptica.
  • Timón-Volantes.
  • Surf-Cintura.

A montaxe e instalación dos aparellos biosaludables realizarase segundo normas técnicas do fabricante, debendo ir atornillados á soleira de formigón das isletas.

9.-Área de xogos infantil

Co fin de delimitar a área de xogos e evitar a saída directa dos nenos cara ás zonas de tránsito de vehículos, instalarase ó longo do seu perímetro unha valla de seguridade, Modelo V15, Galopín ou de características técnicas similares, que irá atornillada á soleira de formigónanteriormente executada.

De igual forma, procederase á montaxe e instalación de diferentes elementos de xogo para a área de xogos infantís, incluído xogos inclusivos e adaptados:

  • 4 columpios de 2 asentos.
  • 8 asentos para columpio (1 inclusivo con arnés, 1 asento, 3 planos e 3 de seguridade).
  • 1 Xogo infantil torre-tobogán, para nenos pequenos.
  • Xogo inclusivo múltiple de grandes dimensións.
  • 4 Paneis de xogo inclusivo (incluíndo postes para apoio).
  • 3 muelles, de 1 praza.
  • 1 Saltador (dimensións mínimas 175x175 cm).

10.- Equipamiento e mobiliario

Instalaranse os elementos de mobiliario público que se enumeran a continuación:

  • 12 papeleiras, modelo BCN de Benito Urban ou similar.
  • 27 bancos, modelo Cantabrico de Benito Urban ou similar.
  • 2 fontes, modelo Atlas de Benito Urban ou similar.
  • 2 aparcabicicletas, modelo Arvelo de Benito Urban ou similar.

11.-Sistema de abastecemento e de saneamento

Dotarase ó Parque de auga para consumo das persoas e o rego das zonas verdes, así como para necesidades varias do Parque, como son a limpeza das súas distintas partes (camiños, zona de xogos,..) e demais elementos e equipamento de este.

A instalación deste sistema realizarase unha vez conclúa o movemento de terras e previo á formación do pavimento de formigón da senda peonil.

En canto ó sistema de saneamento, tratarase da recollida e evacuación á rede das augas sobrantes das fontes para o consumo de persoas, que se instalará xunto á área de xogos infantís.

12.-Sistema de alumado

O Parque dotarase de alumado público, por medio de farolas con luminarias LED para a iluminación xeral do Parque, que se situarán ó longo dos camiños peonís, e proxectores LED para a zona de xogos infantís.

Instalarase para elo unha condución eléctrica consistente nunha canalización enterrada en gabia de 70 cm. de profundidade e 30 cm. de ancho, con dous tubos vermellos, de diámetro 90 mm., e banda de sinalización, que irá desde o Cadro Xeral de Mando e Protección, a instalar, ata arquetas contiguas ás luminarias. No seu interior, irá un condutor de cobre con illamento 0,6/1 kV para redes enterradas de baixa tensión, de 6 mm2 de sección, designación RV-K 4 x 6 mm2 0,6/1 kV TT 16 mm2, incluíndo condutor de terra, de 16 mm2, de cobre, con illamento 0,6/1 kV.

O Cadro Xeral de Mando e Protección, inclúe a realización da súa base de colocación, o cadro, con envolvente con grados de protección IK10 e IP55, as correspondentes proteccións e circuítos, acendido con programador astronómico e sistema de aforro enerxético mediante a diminución da potencia en uso nocturno; así como a súa instalación de posta a terra.

Para a iluminación xeral do Parque, proxéctanse 25 columnas troncocónicas galvanizadas e revestimento de cor gris, de 5 metros de altura, con cimentación de formigón de 60x60x100cm, con arqueta contigua, 40x40x60 cm., con tapa de fundición B-125; provistas de luminaria LED para alumeado público, BENITO CITIZEN COMFORT 53 W, dotada de lámpada LED de 53 W de potencia nominal.

Na área de xogos infantís, se complementará o alumado anterior, coa colocación de dúas columnas galvanizadas e revestimento de cor gris, de 9 metros de altura, con cimentación de formigón de 80x80x100cm, con arqueta contigua, 40x40x60 cm., con tapa de fundición B-125; provistas de soporte para dous proxectores LED de 120 W de potencia nominal e 15.000 lúmenes.