O Concello recupera a súa actividade de Mercados na Praza de Abastos neste mes de marzo

Monforte de Lemos, 11 de marzo de 2022. O Concello de Monforte recupera a súa actividade de Mercados na Praza de Abastos, coa posta en marcha de dúas actividades mercantís que se celebrarán nas dúas últimas semanas do mes de marzo: a Feira de Oportunidades do CCU e o Mercado da Feira Medieval.

O Alcalde, José Tomé Roca, destaca que “serán os primeiros mercados que acolla a Praza de Abastos, despois de dous anos sen actividade neste espazo, por mor da pandemia da Covid-19, polo que dende o Equipo de Goberno volvemos a promover e celebrar actividades comerciais neste espazo dinámico e próximo ós cidadáns”.

Feira de Oportunidades do CCU

O primeiro dos mercados, a Feira de Oportunidades do CCU, realizarase despois de dous anos sen actividade neste espazo da Praza de Abastos. Precisamente este foi o último mercado realizado antes da pandemia en marzo de 2020.

Deste xeito, a fin de semana do sábado 19 e domingo 20 de marzo, o Mercado da Praza de Abastos estará aberto cunha nova edición da Feira de Oportunidades do CCU, na que participarán establecementos comerciais de Monforte das áreas da moda, o calzado, a decoración, complementos, óptica…, que ofrecerán os seus excedentes desta tempada a moi bos prezos.

O horario será de mañá e tarde; o sábado 19, de 10:00 a 14:00 e 17:00 a 20:30 horas e o domingo 20 de 11:00 a 14:00 e 17:00 a 20:30 horas.

O Alcalde destaca que “a gran afluencia de público das edicións anteriores, avalan a realización deste tipo de mercados de apoio ó comercio local e tamén serven de estímulo para que os clientes realicen as compras na súa localidade, e adquiran conciencia da importancia económica e social de mercar nas tendas de proximidade”.

Mercado da Feira Medieval de Monforte

O seguinte mercado temático será o Mercado para a Feira Medieval de Monforte, mercado que se celebrará a fin de semana seguinte, o sábado 26 e o domingo 27 de marzo, pensando xa nos preparativos e promoción da XVIII edición da Feira Medieval de Monforte de Lemos.

“O noso obxectivo, neste caso, é o de potenciar e promocionar, con este mercado, a Feira Medieval, que se constitúe coma un evento turístico de gran afluencia de público e visitantes, que na Semana Santa se achegan a Monforte”, sinala José Tomé.

“Con este mercado”, continúa o Alcalde, “pretendemos facilitar ós monfortinos e monfortinas, visitantes, comercios e hostalería, que teñan un escaparate de referencia, tanto para a decoración de establecementos, balcóns, fachadas, como propostas de traxes medievais, calzado, peiteados ou complementos”.

Do mesmo xeito, tamén destinarase un espazo para as exposicións de doces e menús de orixe medieval e, coma nas anteriores edicións, haberá un desfile medieval o sábado, así como o concurso de “Mellor Doce do Medievo”, onde as pastelerías e panaderías monfortinas amosan as súas propostas para estas datas.

Deste xeito, con estes dous mercados, seguimos recuperando e desenvolvendo un  calendario de actividades de volta á normalidade, coas actividades nas que garantimos o cumprimento das medidas de seguridade sanitaria ante a Covid-19, para o que contaremos con persoal nas instalacións destinado ó control de aforos,  establecendo a obrigatoriedade do uso da máscara, uso de hidroxel, reordenaremos os espazos para cumprir coas distancias de seguridade, e reforzaremos limpeza e desinfección das instalacións”, concluíu o Alcalde.