O Concello solicita á Deputación de Lugo as parcelas do polígono do Reboredo, que suporán 111.000 metros cadrados para suelo industrial

Monforte de Lemos, 14 de febreiro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, anunciou hoxe en rolda de prensa a “que é sen dúbida unha moi boa noticia para o futuro do Polígono industrial do Reboredo”.

Trátase da petición que o Concello monfortino tramitou ante a Deputación de Lugo para solicitarlle a cesión en propiedade das parcelas que o ente provincial posúe no Polígono do Reboredo, co obxectivo de “dar resposta ás necesidades de suelo industrial que actualmente as empresas nos están demandando no Polígono do Reboredo”.

En concreto, aclarou o Alcalde, “á entrada do Polígono, na súa marxe esquerda, a Deputación de Lugo conta cunha superficie aproximada de 111.000,00 m2, adquiridos pola Sociedade Urbanística Provincial de Lugo S.A. (SUPLUSA), en cumprimento do Acordo da Xunta de Goberno da Deputación Provincial , de data de 29 de abril de 2011, que se distribúen en 15 parcelas”.

A estas 15 parcelas hai que engadir 3-4 parcelas privadas e unha que é propiedade do Concello, sen esquecer as 3 que ten dispoñibles Suelo Empresarial del Atlántico, así como as parcelas que resultarán logo do proceso de revocación anunciado polo Alcalde a pasada semana, e que superan os 14.000 m2 (incluíndo aquí as 11 parcelas revocadas e dúas de titularidade municipal.

A decisión de solicitarlle á Deputación Provincial estas parcelas da súa titularidade foi acordada por unanimidade na Xunta de Goberno Local de Monforte, celebrada o pasado luns 7 de febreiro.

“Esta petición, que xa procedemos a cursar dende a Secretaría deste Concello, suporá que poidamos acometer a ampliación do Polígono Industrial do Reboredo, sendo as novas parcelas industriais propiedade do Concello cando rematen os trámites administrativos” subliñou o rexedor monfortino.

A solicitude cursada dende o Concello solicita ó ente provincial a cesión en propiedade de ditas parcelas, co obxectivo de destinalas a usos industriais.

“Polo tanto”, indicou o Alcalde, “as parcelas que solicitamos á Deputación Provincial, van permitir ampliar o polígono, dar resposta á demanda de solo industrial e posibilitar, así, o desenvolvemento industrial do municipio, a creación de emprego e impulsar a dinamización  económica da comarca.

 

Evolución do proceso

Unha vez levada a cabo a solicitude dende o Concello, esta ten que ser aprobada polo Pleno da Deputación, e logo de que sexa aprobado, é necesario recalificar estas parcelas, polo que dende o Concello hai que elaborar, tramitar e aprobar un Plan Parcial que, posteriormente, deberá contar coa aprobación da Xunta de Galicia e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Unha vez sexa aprobado o Plan Parcial e sexan recalificados os terreos, para convertelos de rústicos (que é como figuran actualmente) a de uso industrial, o Concello licitará a súa venta ós empresarios interesados en adquirilos, a través dun concurso público. “Neste concurso público”, sinalou o Alcalde, “incluiremos a condición de que os proxectos para os que se soliciten eses terreos terán que levarse a cabo nun tempo prudencial, que concretaremos no seu momento”.

José Tomé destacou que, o máis importante deste proceso é que “unha vez finalizada a recalificación destas parcelas, xa non será necesario levar a cabo obras de urbanización, porque todos os terreos lindan con vías públicas, dotadas de servizos que son titularidade da Deputación e do Concello”.

O Alcalde tamén recordou que “no pasado ano 2021, dotamos a este polígono dunha nova calle, de aproximadamente medio quilómetro e cunha anchura de 16,50 metros, dotada de beirarrúas, saneamento, abastecemento e iluminación, un vial que xa está rematado e que, sen dúbida, contribuirá a cubrir as necesidades comunicativas das empresas que actualmente teñen as súas sedes nel, e favorecerá o desenvolvemento e a ampliación deste polígono a novas empresas”.

 

O Polígono do Reboredo, motor da dinamización económica de Monforte e a Ribeira Sacra

Na súa intervención ante os medios de comunicación, o Alcalde salientou a importancia crecente deste Polígono Industrial do Reboredo, “froito do traballo de promoción constante que levamos desenvolvendo ó logo dos últimos anos”, un polígono que foi inaugurado no ano 1984, e que ten unha superficie total de 365.675 metros cadrados (suelo industrial: 275.235 m2, zona verde e espazos libres: 36.568 m2, zona de servizos de interese público e social: 14.627 m2, e rede viaria, peonil, e de aparcamentos: 39.245m2).

O Polígono conta cunha situación estratéxica privilexiada dentro da Galicia interior, con conexión mediante transporte terrestre, a algo máis dun kilómetro coa Estrada Nacional N-120, e distante a 2 km do centro de Monforte, a 48 km de Ourense, onde se enlaza coa A-52, e a 58 km de Lugo, onde se enlaza coa A-6.

“Este Parque Empresarial de O Reboredo está sendo e vai ser moito máis aínda, o motor da dinamización económica do noso Concello e constitúese nun escenario esencial para a creación de emprego”, subliñou José Tomé.

“Non me canso de dicir”, continuou o Alcalde, “que o Polígono Industrial do Reboredo goza hoxe de moi boa saúde, froito dunha boa promoción que viñemos facendo nos últimos anos, e co que lles acabamos de comentar, estamos ollando cara o futuro, estamos construíndo o futuro de Monforte, da nosa comarca, dos nosos sectores produtivos, en definitiva, o futuro dos veciños e veciñas de Monforte .

“Monforte volve a entrar nunha etapa de crecemento: crecemento industrial, crecemento económico, crecemento do emprego, e polo tanto, un crecemento socioeconómico no seu conxunto. Un crecemento que se da no presente e polo que seguimos traballando para garantizalo no futuro. Solo así, poñendo sempre por diante o interese público, é como se pode avanzar para gañar o futuro, e Monforte vai ben”, concluíu o rexedor municipal.