PREGÓN OFICIAL DAS FESTAS PATRONAIS DE MONFORTE DE LEMOS 2022
Dª MARGARITA RODRÍGUEZ OTERO
Boas tardes a todas e a todos. Moitas grazas por estar aí acompañándonos. Non podo evitar lembrar ós monfortinos que non poden estar nestas datas festeiras por mor desa maldita pandemia que nos tocou vivir.
Meu agradecemento, tamén ó señor Alcalde, e ó Grupo de Goberno por lembrarse de min para ser Pregoeira das Festas deste ano 2022. É un grande honor e unha responsabilidade para esta monfortina que o único mérito que ten é o grande amor á súa terra.
Tamén pensei: Que ben! Se se descoidan xa me atopan do outro lado! Nese lado onde imos cando xa se pechan tódolos camiños da vida.
Hoxe estou aquí para anunciar que están a piques de comezar as Festas na honra da nosa patroa a Virxe de Monserrat, que este ano teñen un sentido moi especial xa que eran moi agardadas despois de dous anos sen poder desfrutar delas.
Monforte sempre foi festeiro, a primeira a de Reis, os Magos chegan a esta cidade ferroviaria en tren, o 3 de febreiro ven o San Brais coa bendición das roscas e as cintas na igrexa de San Vicente, despois o Entroido co gran desfile do martes de disfraces e carrozas dos diferentes barrios, que sae da praza da Estación percorrendo a cidade ata a Compañía. Eu só me disfracei unha vez: puxen a careta de Margaret Thatcher.... uns anticuados traxe de chaqueta e zapatos e colguei do brazo un bolso de miña nai... ninguén se decatou de que aquela “dama de ferro” era eu. Paseino ben sendo a anónima primeira ministra inglesa.
O sábado e domingo de Gloria, Monforte convertese nunha cidade da Idade Media por mor da Feira Medieval de gran sona en toda a contorna, onde veciños e visitantes visten vistosos traxes desa época, a mais dunha morea de postos que lembran actividades diversas representativas daquelas datas. Co Festival do Viño da Ribeira Sacra e as Festas Patronais, poderíase dicir que son os grandes eventos que destacan pola gran diversidade de xentes que chegan de diferentes lugares para desfrutar das súas atraccións.
Logo chegan as festas dos diferentes barrios, San Lázaro en Carude, San Xosé no Morín. Despois viña o San Antón.
Esta, para min, era moi especial xa que pasei a miña mocidade a pouco máis de cen metros deste campo de San Antón. Era entón unha rapaciña, que adoitaba estrear as sandalias e o vestido de verán, na festa do seu barrio. Ah!!!
Aínda que daquela non oiramos nunca a frase “cambio climático”, polo trece de xuño tanto podía facer unha calor do demo, coma un frío case de inverno....
Perdoade.........póñome nostálxica facendo unha viaxe polas lembranzas, pensando naquelas festas........ Como bailabamos sobre a terra do campo! ........ Porque o chan era de terra........ Houbo un tempo que as veciñas pediron permiso o Concello para facer un xardín, que elas mesmas plantaran, coidaran, regaran e mesmo ían á porfía de quen tiña mellor o anaco que lles tocara atender, miña nai era unha das improvisadas xardineiras.
Aquilo durou pouco, xa que cando estaban as flores pintadas con mil cores chegaron as festas e remataron cas ilusións daquelas mulleres que viron como as barcas voadoras, os cabaliños, e tódalas trebelladas, como actuando a propósito, pousaban derriba do seu fermoso xardín, sen importarlle as horas que pasaran para conseguir que abrollaran as flores aquela primavera.
Despois viñan as de San Xoán no barrio dos Chaos, deseguido as de San Pedro, na rúa da Pena, pouco despois as do Carme no barrio da Estación. A máis as de tódalas aldeas de arredor, había algúns mozos que presumían de que onde escoitaban un foguete aló ían.
Pero xa daquela as festas grandes eran as de agosto. AS PATRONAIS DE AGOSTO!!!!
Era a cita obrigada para os monfortinos que volvían ó agarimo da familia e o reencontro dos amigos, a pasear polas rúas da súa cidade ateigada de xente baixo as lámpadas de cores, que se puxeran coma sinal para comezo dos festexos.
Mais....eran outros tempos....de falta de liberdade.... de poucos medios....pero todo se esquecía esvaído baixo o son das bandas de música, das orquestras, dos cantos dos artistas, e sobre todo do entusiasmo e xúbilo dos propios festeiros monfortinos e a morea de visitantes.
O día grande é o quince no que a Virxe recibe unha ofrenda foral presidida polo Alcaide da cidade, na praza Luís de Góngora a carón da igrexa en San Vicente, baixo o tanxer dos badalos e o repenique festeiro dos foguetes.
Que bonitas eran as festas cando un tiña 18 anos!!!!!!
Despois de bailar na verbena ata a hora que nos deixaran, non nos importaba madrugar para subir a San Vicente a oír a novena á Virxe de Monserrat, onde tampouco podíamos faltar.
De novos podíase con todo!!!!
Dicía o importante escritor Álvaro Cunqueiro que “...as festas a mais de música e baile, son compartir comida e bebida coa familia e os amigos”... Nos tampouco sabemos ter unha celebración sen unha boa comida desa gran cociña nosa, con produtos da terra e do mar, sempre acompañados dun bo viño da Ribeira Sacra. Mais seguindo o sabio consello de San Benito de Nursia ...”Non bebamos até a fartura, senón de xeito temperado, pois o viño en demasía pode converter en tolo a calquera sabio”
Daquela non era coma hoxe..... había que facer a comida toda na casa. Miña nai era unha gran cociñeira eu era só a axudante..... tocábame poñela mesa, servir a comida, recoller axudar a fregar. Meu pai e meu irmán atendían os invitados...ese era o seu traballo... para iso naceran do xénero masculino!!!
Hoxe xa non é o mesmo..... despois dunha morea de loitas das mulleres de moitos países como postas de acordo, case temos os mesmos dereitos que eles...... e se lle toca cociñar tamén o fan..... aínda que falta moito camiño por andar algo fomos avanzando neste senso.
Despois de durmir unha boa sesta volvía desfrutar doutra noite de festa.
Pero volvamos o día de hoxe....nas festas hai divertimento para todos, para os nenos, os mozos e tamén para os que buscan sensacións mais acaídas ca súa idade. E todas as actuacións, por moi importantes que sexan, son gratuítas.
Monforte tamén ten, para os que buscan outro xeito de lecer diversos museos: Visita obrigada merece o das MM. Clarisas, un dos mellores de España en Arte Sacra, a pinacoteca de Nosa Señora da Antiga, con dous Grecos e cinco Andrea del Sarto, por citar os mais relevantes, e o mesmo edificio merece tamén unha ollada, sen esquecer as magnificas escaleiras de case tres metros de ancho en pedra dunha soa peza, con un soporte incrible. Moi importante o museo do Ferrocarril, o Lodeiro, o das casas de Monecas, o do Viño, e os pazos de Mesón de Antelo e de Tor. Cada un coas súas peculiaridades.
Daquela Monforte vístese de festa, na praza de España, na rúa do Cardeal e sobre todo na gran praza da Compañía.
Agora coido que o momento de dedicar unhas verbas o noso pasado que nos leva a comprender que Monforte nunca sería o que é sen os Condes de Lemos. Dende que escolleran este pobo como capitalidade do condado, eles foron deixando para sempre os vestixios que vemos a carón de nos, non ai mais que botar unha ollada ó arredor para decatarnos de que os grandes monumentos que a cidade alberga fixéronos eles: O Colexio dos Escolapios considerado Ben de Interese Cultural e un dos edificios civís mais importantes de Galiza, foi a magna obra do Cardeal don Rodrigo de Castro.
O convento das Clarisas, con todo o que alberga tamén o fixo o gran Conde de Lemos don Pedro Fernández de Castro e a súa esposa dona Catalina de la Cerda e Sandoval.
O convento e igrexa de Santo Domingo, as murallas, o Burgo medieval, o Pazo hoxe parador. E aquí onde estamos había un magnífico edificio que era o convento franciscano de San Antonio que desapareceu por unha mal entendida desamortización, que tamén se construíra por desexo e ó xeito do II Conde Lemos don Rodrigo Enríquez de Castro. Queda como única lembranza deste histórico templo o solitario cruceiro que se atopa no medio da praza.
E sobre todo no cimo do monte a impresionante torre da homenaxe, convertida por dereito propio en símbolo da cidade, obra perenne dos Condes de Lemos, que coma un faro do interior guía os viaxeiros que se achegan a estas terras. Dela saen as bombas de palenque que son o anuncio do comezo das FESTAS PATRONAIS, e tamén dende a mesma torre, o dia grande a media noite, póñense a xogar as luminarias dos foguetes de mil cores convertendo o ceo en moreas de estrelas, que levan a mensaxe a todo o val, de que na fermosa Capital da Ribeira Sacra aínda seguen estando de festa.
Mais a fortaleza da torre dos Castro segue aí ergueita guiando os viaxeiros e peregrinos que desexen achegarse a esta cidade sempre acolledora cos forasteiros.
Este Monforte ten pouco que ver coas miñas lembranzas de nena, agora goza de boa saúde, as súas rúas locen baixo a luz do día o seu esmerado coidado, e pola noite tamén a magnífica iluminación deixa ver unha cidade viva, activa, que ben pode ser protagonista de inimaxinables eventos.
E por ter..... tamén temos un río no medio da cidade, que lle da frescura os veraos monfortinos..... e tanto serve para baños e románticos paseos en barca como para desfrutar de multicolores fogos acuáticos.
E non nos falta, nin sequera, un Camiño a Santiago xa percorrido por moitos viaxeiros e peregrinos dende séculos, cando ían render homenaxe o Apóstolo patrón de España. As súas lembranzas e pegadas quedaron por sempre na longa tradición que herdamos.
Pero non podo rematar sen dicir que o máis importante de Monforte son os monfortinos, de hoxe e de sempre, aquí naceron ilustres personaxes de ciencia, grandes escritores, poetas, investigadores, pintores, escultores etc. Non cito nomes porque son moitos e non quero esquecer a ninguén, todos son merecentes dunha agarimosa lembranza. Hoxe tamén hai monfortinos ocupando cargos relevantes na cultura, nas institucións e na política, sen esquecer os que na mesma cidade co seu empurro emprendedor fan que cada vez vaia a mais o crecemento rendible dela, tamén acrecentan a sociedade os diversos colectivos de actividades culturais e proxectos educativos que existen na cidade.
Isto lévame a lembrar as verbas do gran poeta e inesquecible amigo Manuel María quen deixou escrito: “Monforte e a cidade perfecta: polo tamaño, pola beleza, polo xeitosa e sobre de todo pola súa xente”
E xa para rematar diríxome a todos os monfortinos e forasteiros:
Bulide axiña a desfrutar das festas...que están aí agardando por vos, que a vida é curta e compre aproveitala.... mais sempre procurade vivila, con felicidade paz e alegría.
Moitas grazas.