Monforte de Lemos, 19 de xullo de 2022. A primeira Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada Rodríguez, fixo entrega, na xornada de hoxe, dos diplomas acreditativos e certificados de formación ós 20 alumnos e alumnas que participaron no Obradoiro de Emprego Arquivo Dixital-TIC.
Este obradoiro de emprego celebrouse dende o mes de outubro de 2021 nas instalacións da Escola Taller de A Pinguela, rehabilitada nos dous obradoiros de emprego municipais anteriores, e que pasou a ser o lugar de traballo dos novos obradoiros desenvoltos polo Concello.
Na visita, a primeira Tenente de Alcalde estivo acompañada pola Xefa territorial de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia en Lugo, Pilar Fernández López, polo director do obradoiro e por outros membros do Equipo de Goberno e a Corporación municipal.
O obradoiro, que contou cun orzamento próximo ó medio millón de euros, estivo promovido polo Concello de Monforte e subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade, e a propia administración municipal.
Gloria Prada recordou que “con este obradoiro de emprego creamos 24 postos de traballo durante 9 meses, pois o grupo estivo formado por 20 alumnos e alumnas, 2 docentes, un director e unha administrativa”.
Neste senso, Prada indicou que “dado o éxito de participación e resultados, dende o Concello xa solicitamos á Xunta de Galicia a celebración da segunda parte deste obradoiro, para poder seguir dixitalizando os diversos documentos municipais e de carácter histórico do Concello”.
En concreto, os alumnos recibiron formación teórica-práctica na especialidade de Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos e aqueles que finalicen con éxito a formación obterán o certificado de profesionalidade nesta especialidade. O seu obxectivo foi dixitalizar, informatizar e automatizar o patrimonio documental de carácter histórico do Concello de Monforte de Lemos, fomentando e dando a coñecer o arquivo histórico deste Concello, mediante a aplicación das TIC`s e impulsando a administración electrónica.
Ademais da dixitalización das obras cedidas polo coleccionista e investigador monfortino José Luís Montero, os alumnos tamén levaron a cabo traballos relacionados coa xestión documental do Arquivo Municipal, así como outra documentación local, fotográfica e bibliográfica sobre temas referidos á cultura e á historia monfortinas. As tarefas desenvoltas incluíron a captura dos documentos orixinais e a súa edición e implementación de metadatos coa finalidade de cargar estes arquivos no repositorio documental do Concello de Monforte de Lemos.
Con este tipo de obradoiros, o Concello de Monforte contribúe á mellora da empregabilidade de alumnos interesados de acceder con formación ó mercado laboral e da solución á demanda das empresas de persoal laboral cualificado.
O obxectivo final é que estes alumnos poidan quedarse definitivamente nas empresas que os están a contratar, logo da súa formación no obradoiro de emprego.