O Equipo de Goberno da conta ó Consello Municipal de Saúde da situación sanitaria propiciada polo Covid-19 e das accións levadas a cabo no último ano

Monforte de Lemos, 18 de xaneiro de 2022. O Salón de Plenos do Concello de Monforte acolleu onte ás sete da tardes a sesión ordinaria do Consello Municipal de Saúde, co obxecto de analizar a situación sanitaria do Concello en relación coa pandemia do Covid-19 no último ano.

A xuntanza foi presidida polo Alcalde da cidade, José Tomé Roca, e nela estiveron tamén presentes Pilar Espinosa, Concelleira de Sanidade e vicepresidenta do Consello, e os vogais do Consello, Gloria Prada, 1ª Tenente de Alcalde, Emilio Sánchez, concelleiro do BNG, Germán Vázquez, concelleiro de Esperta Monforte, Elia Fernández, do Colexio Oficial de Enfermería, Sagrario Ferreira, do Colexio Oficial de Psicoloxía, Francisca Vázquez, pedánea de Bascós, Marina López, presidenta da Asociación de veciños de Cobas, Miguel Ángel Pino, presidente da Asociación de veciños da zona do Hospital, e representando á Plataforma en defensa da sanidade pública-PLADESAPLU asistiu Manuela Fuentes.

O punto central que se abordou nesta xuntanza ordinaria do Consello Municipal de Saúde foi a análise da situación sociosanitaria do concello de Monforte en relación coa evolución da pandemia da Covid-19 o longo do pasado ano 2021.

Deste xeito, a primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, detallou na súa intervención actividades desenvoltas no pasado ano dende o Concello en relación coa pandemia, entre as que se salientaron a supresión dos grandes eventos do Concello, como a Cabalgata dos Reis, o Entroido, a Feira Medieval, o Festival do Viño ou as Festas Patronais.

Tamén se informou dos tres contactos directos que telefonicamente estableceu co Concello o xerente da área sanitaria de Lugo, Ramón Ares, e que coincidiron puntualmente co paso de Monforte a nivel alto de restricións no mes de xullo, co paso a nivel máximo en agosto, e cun novo paso a nivel alto en setembro. Tamén se salientou que en relación á sexta ola, non houbo unha comunicación oficial ó Concello.

Por outra parte, a Tenente de Alcalde, destacou as accións acometidas polo Concello co obxecto de “aliviar a grave situación económica que a pandemia provocou no noso tecido empresarial e social”: a campaña “Este Nadal eu merco en Monforte” que achegou axudas por importe de 30.000 euros para comercio e hostalería a principios de 2021, o “2º Plan Reactiva para a hostalería de Monforte”, unha liña de axudas que repartiu 200.000 euros entre todos os hostaleiros da cidade; a exención das taxas das terrazas ó longo de todo o 2021; o reparto de 190.000 mascarillas para todos os censados en Monforte, un reparto que tivo lugar a principios de 2021 e que tivo continuidade, con esta mesma cantidade, no mes de xaneiro deste ano 2022; a exención do recibo da piscina municipal do mes de febreiro de 2021; ou a importante colaboración que prestou o Concello no cribado que o Sergas desenvolveu na zona deportiva de A Pinguela do 5 ó 7 de febreiro, e na que instalou 2 carpas, dotou de conexión a internet ós equipos informáticos do Sergas, e regulou o tránsito de vehículos e persoas a través da Policía Local, os Axentes da Cidadanía e outro persoal do Concello.

Pola súa banda, a Concelleira de Sanidade, Pilar Espinosa, expuxo as actuais cifras de incidencia da Covid na cidade, e analizou a difícil situación pola que está a pasar todo o persoal sanitario, indicando tamén a necesidade de reforzar dito persoal.

Tras estas dúas intervencións do Alcalde, os diferentes participantes na xuntanza expuxeron os seus comentarios e dúbidas en relación coa evolución da situación sociosanitaria en Monforte, dúbidas que foron aclaradas en todo momento polo rexedor municipal.

En conxunto, os asistentes coincidiron na necesidade de reforzar con mellores servizos e con máis persoal sanitario ó eido sanitario, para poder proporcionar unha mellor atención ós cidadáns.

O Alcalde concluíu a xuntanza agradecendo a participación e o interese dos membros do Concello, e transmitíndolles unha mensaxe de ánimo e forza ante unha situación que só se poderá superar co esforzo de todos, e recollendo todo o alí falado para seguir traballando no futuro, mentres dure a incidencia da pandemia.