Monforte de Lemos, 26 de maio de 2022. A primeira Tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, participou o pasado martes 24 de maio na presentación do último libro editado pola Rede de Xuderías, ”Ciudades de Sefarad. Destinos de la Red de Juderías de España”, obra de Alejandra Abulafia.
Este libro recolle o patrimonio sefardí que podemos atopar nas 21 cidades que forman parte da asociación. Pero, ademais, supón para a súa autora, Alejandra Abulafia, sefardí, nacida en Uruguay e que chegou a España cunha mochila ás costas buscando as súas orixes, ”a emoción de constatar que a Sefarad que recordaba a súa avoa existe e pódese visitar a través de belas cidades que conservan o seu legado, sinalizado e visible”.
Neste senso, a escritora destacou na súa intervención “a profunda impronta que lle deixou a súa visita a Monforte de Lemos” cando levou a cabo a confección desta obra. “Sefarad xa non é só unha emoción, un recordo ou unha ensoñación: e este libro conecta coa Sefarad máis real”.
A Tenente de Alcalde destacou que “libros como este son unha iniciativa fundamental para dar a coñecer a enorme riqueza patrimonial e histórica das 21 cidades que conformamos a Rede de Xuderías e que compartimos o rico pasado común sefardí. Así, o libro serve para dar a coñecer todo o que o visitante pode descubrir en Monforte”.
Este libro súmase ao xa publicado pola Rede de Juderías “Sabores de Sefarad- Secretos da gastronomía judeoespañola” nun proxecto que recolle os diferentes aspectos do legado material e inmaterial das nosas cidades.
Durante a presentación, que tivo lugar no Centro Sefarad-Israel (rúa Maior, 69, Madrid), ademais de pola Tenente de Alcalde de Monforte, a autora estivo acompañada de Juan Pérez Guerreiro, Alcalde de Lucena (Córdoba) e Presidente da Rede de Xuderías de España, e de Marta Puig, Directora Gerente da Rede de Juderías.
Ademais de público xeral e prensa especializada en viaxes, durante a xornada acudiron en representación das cidades Francisco Morais, Vicealcalde de Lorca, Darío Moreno Merga, Alcalde de Sagunto, e Miguel Merino, Concelleiro de Segovia.
Coa presentación deste libro a Rede de Xuderías de España invita a visitar os seus destinos, entre os que se atopa a cidade de Monforte de Lemos, e comeza a difusión para este verán 2022 no que se espera unha gran afluencia de público nacional así como a esperada recuperación dos visitantes internacionais.
“Cidades de Sefarad. Destinos da Rede de Juderías de España” está dispoñible para a venda na tenda online de redjuderias.org.