O Concello de Monforte súmase mañá xoves ó Día Mundial da Sida iluminando de vermello a Torre da Homenaxe

Monforte de Lemos, 30 de novembro de 2022. O Concello de Monforte iluminará mañá xoves 1 de decembro a Torre da Homenaxe de cor vermello con motivo do Día Mundial da SIDA. Un día na que xente de todo o mundo únese para apoiar ás persoas que viven co VIH e lembrar ás que faleceron por enfermidades relacionadas coa sida.

Cada Día Mundial da Sida vira ao redor dun tema diferente. Este ano o lema é “Igualdade Xa” e que  incorpora toda unha lista de desafíos sobre os que o Día Mundial da Sida alertou en todo o mundo.

Establecido en 1988, o Día Mundial da Sida foi o primeiro día dedicado á saúde en todo o mundo. Desde entón as axencias das Nacións Unidas, os Gobernos e a sociedade civil reúnense cada ano para loitar en determinadas áreas relacionadas co VIH.

O Día Mundial da Sida segue sendo tan importante hoxe como cando empezou, e continúa lembrando á sociedade e aos Gobernos que o VIH non desapareceu. A día de hoxe é fundamental aumentar o financiamento para a resposta á sida. Tamén é esencial que a sociedade no seu conxunto tome conciencia de como o VIH afecta a vida das persoas, para que deste xeito podamos poñer fin ao estigma e a discriminación, e consigamos mellorar a calidade de vida das persoas que viven co VIH.