O Concello xa ten listos os preparativos para a XIV Carreira Popular de Monforte, con 977 atletas inscritos


                                                                                            Foto de arquivo Carreira Popular de Monforte 2023

Monforte de Lemos, 24 de abril de 2024. A poucos días para o inicio da décimo cuarta edición da Carreira Popular de Monforte, o Alcalde, José Tomé Roca, amosa a súa satisfacción polo número de persoas anotadas, 977 atletas, “que é un número similar de inscritos con respecto ás últimas edición celebradas, co cal podemos dicir que a Carreira Popular é un evento deportivo máis que consolidado na nosa cidade e que é todo un éxito de participación”.

O peche das inscricións para participar na XIV Carreira Popular Concello de Monforte que se celebrará o vindeiro domingo 28 de abril, tivo lugar onte, cun total de 977 persoas inscritas para participar nalgunha das carreiras que forman parte do evento. Cabe recordar que a inscrición para cada unha das probas é gratuíta.

O Alcalde anima a todos os veciños e veciñas de Monforte a presenciar as carreiras e a animar ós seus participantes “pois o alto número de inscritos garante que vaiamos a ter un gran ambiente atlético durante a mañá do domingo”.

O número de inscritos/as para cada unha das carreiras é o seguinte:

  • Categoría Mini (ano 2020 e posteriores): 74
  • Prebenxamín (2017-2019): 216
  • Benxamín (2015-2016): 162
  • Alevín (2013-2014): 110
  • Categorías Infantil (2011-2012) e Cadete (2009-2010): 102
  • Categoría Absoluta (2008 e anteriores): 313

 

Horarios das probas

Son os máis cativos os que comezarán a competir ás 11:00 h. na categoría Mini sobre una distancia total de 80 metros, e a continuación darán paso á categoría Prebenxamín, ás 11:10 h. nunha distancia de 700 m., Benxamín ás 11:20 h. tamén sobre 700 m., alevín ás 11:30 h. sobre 1.300 m, e infantilcadete ás 11:40 h, sobre un percorrido de 2.000 m.

Ás 12:00 h. está prevista a saída da carreira absoluta sobre un percorrido de 10.000 metros no que tomarán a saída 313 atletas.

Entre as probas de menores e a proba absoluta establécense un total de 14 categorías o que da lugar a un reparto importante de trofeos, xa que os tres primeiros clasificados de cada categoría recibirán un trofeo conmemorativo do evento. A única categoría na que non haberá clasificación e na MINI onde todos e todas os e as participantes levarán unha medalla e unha bolsa de lambetadas como agasallo por rematala carreira.

Todos/as os/as atletas que finalicen cada unha das carreiras nas que participen recibirán un agasallo conmemorativo do evento así como avituallamento sólido e líquido.

 

Percorridos

As probas de categorías menores terán lugar no entorno das rúas Compañía, Dalmiro de la Válgoma e Escultor Francisco Moure con meta no interior da Praza da Compañía, a excepción da carreira de categoría mini que ten a meta á altura dos quioscos situados na rúa Compañía.

A carreira absoluta ten un percorrido totalmente urbano que transcorre polas principais e máis céntricas rúas do Concello: Saída da Praza Compañía – Paseo de Lugo – Carude – San Lázaro – Reboredo – Dalmiro de La Válgoma – Escultor Francisco Moure – Rúa Sarria – Avda. de Galicia – Rúa Hortas – Rúa Dr. Casares – Paseo do Malecón – Ponte Vella – Rúa Antonio Méndez Casal – Praza Campo de San Antón – Rúa Ourense – Avda. de Galicia – Rúa Cardeal -  Escultor Francisco Moure – Praza da Compañía.

Cortes de tráfico

A organización deste evento implica a alteración do trafico nalgunha das rúas polas que circula a carreira, feito polo que o Concello de Monforte pide a comprensión de tódolos veciños e veciñas.

O tráfico verase afectado do seguinte xeito:

  • Entre as 10:15 e as 13:45 h. estarán cortadas ó tráfico as seguintes rúas:
    • R/ Compañía dende a Praza Ponte Fontecha.
    • Paseo de Lugo entre Dalmiro de la Válgoma e Duquesa de Alba.
    • Dalmiro de la Válgoma.
    • Escultor Francisco Moure ata o cruce con Celso Emilio Ferreiro.
  • Entre as 11:45 e as 13:30 h. estarán cortadas as seguintes rúas:
    • Aparcamento do Parque dos Condes
    • R/ Compañía
    • R/ Paseo de Lugo
    • R/ Aceña Nova
    • R/ Carude
    • R/ Paredes
    • R/ San Lázaro
    • R/ Duquesa de Alba
    • R/ Reboredo
    • R/ Dalmiro de la Válgoma
    • Escultor Francisco Moure ata o cruce con Celso Emilio Ferreiro
    • R/ Sarria
    • Avda. de Galicia dende o cruce con R/ Sarria ata o cruce coa R/ Ourense
    • Roberto Baamonde dende R/ Conde ata o cruce coa R/ Cardenal, con desvío da circulación por R/ Otero Pedrayo.
    • R/ Conde, tramo dende Oficina de Correos ata Praza do Conde.
    • R/ Cardenal Rodrígo de Castro
    • R/ Hortas
    • Praza Dr. Goyanes
    • R/ Doutor Casares dende Praza Doutor Goyanes ata cruce con Paseo do Malecón
    • Paseo do Malecón
    • Ponte vella
    • R/ Sta. Clara dende enlace con R/ Corredoira ata R/ A. Mendez Casal
    • R/ A. Méndez Casal
    • Praza Campo de San Antonio
    • Tramo R/ Ourense entre Campo de San Antonio e Cruce con R/ Chantada
    • Estacionamentos públicos da R/ Hortas e Campo de San Antonio (traseira de Gonzalo Seguros)

 

Entrega de dorsais

A entrega de dorsais realízase por adiantado e non se entregarán dorsais o día da carreira. Para elo o Concello de Monforte habilitará un punto de entrega de dorsais na praza da Compañía, en fronte das “Oficinas Municipais das Casitas” co seguinte horario:

  • Venres 26 de abril de 9:00 a 14:00 h. e de 16:00 a 20:00 h.
  • Sábado 27 de abril de 9:00 a 14:00 h.