A Tenente de Alcalde e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, acuden á presentación da nova liña de residuos orgánicos que se instalará no Polígono de O Reboredo

Monforte de Lemos, 4 de abril de 2023. A Tenente de Alcalde, Gloria Prada, acudiu acompañada polo Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, este luns día 3 á presentación da ampliación da Planta de Residuos no Polígono de O Reboredo en Monforte.

O acto estivo presidido polo Presidente de Sogama, Javier Domínguez e polo Delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e entre os invitados figuraban os principais Alcaldes da comarca que se van a ver beneficiados da decisión adoptada pola Consellería de Medio Ambiente logo de que o Alcalde de Monforte, José Tomé, propuxera unha solución alternativa á da Xunta para o tratamento de biorresiduos que se xeneran na zona.

A finais deste ano, os Concellos terán que incorporar ao sistema de recollida de lixo actual, un novo contedor de color marrón, que estará destinado a depositar os residuos orgánicos que sexan susceptibles de ser reciclados como fertilizantes.

O Concello de Monforte, está preparado para axustarse á lei e destinou un orzamento de case 256.000 € para completar o equipamento necesario que poida dar resposta a esta nova forma de diferenciar os residuos orgánicos. Entre as inversións previstas, inclúese un novo vehículo recolector tasado en case 168.000 € e 856 contedores de cor marrón e distintas capacidades de almacenamento que se distribuirán entre os veciños.

Pero o Concello tiña un problema engadido que era o depósito de biorresiduos. Tal e como estaba previsto pola Xunta de Galicia, terían que ser transportados a San Cibrao das Viñas e suporía un incremento de mais de 52.000 € anuais imputables a combustible e horas de traballo, como se reflexa nun estudo feito polo Concello. 

Este foi o motivo polo que o Alcalde, José Tomé, solicitou á Consellería de Medio Ambiente, que se aproveitase a ecoplanta de Sogama ubicada no Polígono Industrial de O Reboredo, acondicionando unha tolva destinada a residuos orgánicos. A iniciativa foi presentada no mes de marzo do ano pasado e ven de dar os seus froitos, coa presentación de hoxe pola mañá da man do Presidente de Sogama que anunciaba a construción dunha nova instalación valorada nun millón de euros e que consta dunha rampa elevada sobre o terreo que posibilite que os camións de recollida depositen os residuos orgánicos nunha tolva destinada a tal fin, na que haberá un contedor que sería transportado á planta de Cervo, cada vez que estivese ó máximo da súa capacidade.

Tamén están previstas outras inversións complementarias no resto da planta, que van a supoñer melloras na mesma, e tal e como explicou o Presidente de Sogama, está previsto que se poida poñer en marcha a mediados do ano que ven.

O Alcalde e o resto do Equipo de Goberno mostraron a súa satisfacción pola boa acollida que tivo a súa proposta na Consellería de Medio Ambiente e que suporá un considerable aforro para as arcas municipais nos orzamentos destinados ao capítulo de recollida e tratamento do lixo.