O Alcalde encabeza a concentración de repulsa polas agresións sexuais a dúas mozas en Monforte

Monforte de Lemos, 17 de agosto de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, encabezou na tarde de hoxe na praza do Concello da cidade a concentración de repulsa polas agresións sexuais sufridas por dúas menores de idade na madrugada do pasado martes 15 de agosto, en Monforte.

Ademais do rexedor monfortino, tamén participaron a primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, os concelleiros de Servizos, José Luís Losada, de Sanidade, Pilar Espinosa, de Deportes, José Manuel Mougán, de Consumo, Regina López, os voceiros do BNG e Esperta Monforte, membros da asociación Femforte e moitos cidadáns monfortinos que amosaron así o seu rexeitamento, condea e repulsa ante uns feitos tan lamentables.

Cabe recordar que onte mércores 16 de agosto, o Equipo de Goberno do Concello de Monforte e en nome de toda a Corporación emitiu un comunicado manifestando “a nosa máis enérxica repulsa e condena por estes feitos tan lamentables, producíndose durante a celebración das Festas Patronais”. O pobo de Monforte rexeita taxantemente calquera tipo de agresión e moi especialmente si se trata de agresións sexuais a mulleres.

José Tomé subliñou que “en Monforte non cabe ningún tipo de comportamento machista nin delitos contra a integridade e a liberdade sexual das mulleres, especialmente si son cometidos con menores de idade.”

Neste senso, o Alcalde salienta que “o Concello está a disposición das familias para axudar a superar este momento tan difícil, prestando se fose necesario, apoio legal, psicolóxico ou de outro tipo que precisen”.

O rexedor monfortino recorda que, tal e como se manifestou no comunicado de onte, “na próxima Xunta de Goberno que se celebrará o vindeiro luns día 21 de agosto ás 9:00 h., tomaremos o acordo de personarse o Concello como acusación particular, para que caia sobre os presuntos culpables, todo o peso da lei”.