O Alcalde fai entrega dos premios que recoñecen ós mellores deportistas monfortinos do ano

Monforte de Lemos, 29 de xuño de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presidiu na tarde noite de hoxe unha nova edición da Gala do Deporte de Monforte de Lemos, a cal se celebrou na Casa da Cultura Lois Pereiro de Monforte e na que se rendeu homenaxe ós mellores deportistas monfortinos do ano.

Na súa intervención José Tomé destacou que “nestes últimos anos, Monforte ten o privilexio de poder disfrutar dunha xeración de grandes deportistas, e afortunadamente a colleita segue medrando, a pesar das dificultades xurdidas nos últimos anos.  Se o deporte posúe valores inherentes coma o esforzo, o sacrificio, a constancia e a superación, sen dúbida estas son valores que os nosos deportistas aplicaron no seu día a día, ó longo destes últimos tempos”, nunha alusión ó período de pandemia.

E continuou resaltando “o bo momento actual que estamos vivindo no deporte monfortino, que é posible porque temos unha boa materia prima de nenos e nenas, rapaces e rapazas que teñen unhas excelentes cualidades para a práctica deportiva, e que acompañados polo bo traballo dos clubs, dos seus directivos e dos familiares, conseguimos entre todos acadar os éxitos deportivos que nos fan disfrutar dun bo número de modalidades deportivas, dentro das posibilidades que permiten as nosas instalacións”.

Neste senso, o Alcalde resaltou os bos resultados acadados en varias modalidades deportivas “que están a altura de cidades con moita máis poboación, a pesar de que contan con moitos máis recursos cos que podemos ter na nosa cidade”.

Aposta decidida do Concello polo deporte monfortino

O rexedor municipal tamén salientou a aposta decidida que dende o Concello se leva facendo dende que Tomé Roca accedeu á alcaldía en 2015: “Dende o Concello somos conscientes da importancia que teñen os clubs para organizar o deporte monfortino, e por iso, colaboramos moi estreitamente con eles, para que os clubs e os deportistas realicen as actividades deportivas nas mellores condicións posibles. Eu creo humildemente que, boa mostra do que acabo de dicir, é o noso compromiso co deporte nestes 8 anos que levo como Alcalde, onde as axudas ós clubs subiron notablemente en relación co que viñan percibindo, complementado coas axudas ós deportistas individuais e a clubes en campionatos”.

Así, José Tomé salientou que o Equipo de Goberno, nos orzamentos do presente ano 2023, incrementou as axudas ós clubes pasando de 110.852,50 euros en 2022 a 115.040 euros en 2023. “Mantemos, polo tanto, o compromiso cos clubes, co deporte de base, coa actividade física e saudable”.

Do mesmo xeito, no apartado de deportistas individuais, no mandato que acaba de rematar, o Concello creou este tipo de axuda que non había, e este ano, aumentouse a partida para deportistas individuais, pasando de 7.000 a 10.000 euros, o que supón un incremento de máis do 40%.

O ano pasado,  desde o Equipo de Goberno creouse tamén a subvención para a participación en campionatos de España, europeos ou mundiais, cunha axuda que se creou con 10.000 euros no pasado ano 2022, e que pasa a 12.000 euros en 2023, un 20% máis.

Por outra banda, o Alcalde incidiu que “dende o Equipo de Goberno puxemos en marcha actuacións de enorme relevancia en instalacións deportivas da nosa cidade, por citar algunha podemos falar dos campos de fútbol ou das obras de reforma integral do pavillón polideportivo de A Pinguela, que suporán unhas novas instalacións deportivas  máis modernas, e máis adecuadas para e eventos deportivos, e sobre todo, máis respectuosas co medio ambiente, algo que cada vez ten máis importancia”.

Finalmente José Tomé rematou a súa intervención agradecendo a asistencia de todos os presentes, tanto ós deportistas como os seus familiares e amigos, e felicitou a todos os candidatos e candidatas así como ós premiados e premiadas, “porque todos eles teñen un palmarés deportivo excelente, e contribúen a poñer en valor o deporte monfortino”.

Na entrega de premios, ademais do Alcalde, tamén estiveron presentes e participaron a primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, os concelleiros de Servizos, José Luis Losada, de Sanidade, Pilar Espinosa, de Cultura, Marina Doutón, de Deportes, José Manuel Mougán, de Consumo, Regina López, así como diversos membros da Corporación municipal.

Este evento ten como obxectivo premiar e poñer en valor o esforzo e a dedicación de deportistas, Clubes, adestradores/as, técnicos/as e árbitros/as do Concello monfortino.

 

Premiados da 8ª Gala do Deporte de Monforte

En total, foron 32 o número total de candidaturas que se presentaron para participar nalgunha das categorías do concurso para elixir ás mellores persoas deportistas, adestradoras, árbitras e Clubs do ano 2022 o que supón unha das edicións con maior número de candidaturas presentadas.

Cun salón de actos ateigado de deportistas e familiares, o acto, conducido por Manola Porto, plasmou a homenaxe e o recoñecemento a diversas persoas e entidades relacionadas co deporte local e que destacaron ó longo do pasado ano 2022.

Os gañadores e gañadoras da 8ª Gala do Deporte de Monforte foron os seguintes:

  • Mellor deportista absoluto masculino: Daniel Arean Grejs
  • Mellor deportista absoluta feminina: Noa Díaz Quintián
  • Mellor deportista promesa masculino: Diego Expósito Díaz
  • Mellor deportista promesa feminina: Andrea Gudín Pérez
  • Mellor adestrador/a: Miguel Ángel de la Gama Serrano
  • Mellor árbitro/a: Laura Correas Martínez
  • Club máis destacado na promoción do deporte: Club Taekwondo Neka
  • Mellor equipo de categoría absoluta: Club Natación Monforte
  • Mellor equipo de categoría de base: C.B. Val de Lemos Cadete Masculino/Mixto
  • Premio á deportividade e xogo limpo: C.B. Val de Lemos

Por outra banda, fora de concurso fixéronse os seguintes recoñecementos:

  • Manuel Luís Vázquez Vázquez: recoñecemento polos anos de adicación ó coidado do Pavillón Polideportivo da Pinguela.
  • Mariluz Parada Rodríguez: recoñecemento á súa labor directiva como presidenta do Clube de Fútbol Monforte.
  • Juan Luis Rodríguez Doce: recoñecemento polos anos de dedicación ó fútbol local.

Finalmente, propúxose tamén un recoñecemento a Consuelo Vara Touzón, pola súa labor como pioneira do voleibol local, pero non puido asistir á Gala por problemas de saúde.