O Alcalde inaugura a XXVII Reunión da SGADOR en Monforte, na que un centenar de especialistas abordan a investigación sobre a dor e os coidados paliativos

Monforte de Lemos, 10 de novembro de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou na tarde de hoxe a XXVII Reunión da Sociedade Galega da Dor e Coidados Paliativos (SGADOR), que se celebra no Parador de Turismo de Monforte dende hoxe e ata mañá sábado 11 de novembro, e que xira arredor da investigación sobre a dor e os coidados paliativos.

Esta importante reunión de médicos e investigadores aborda, a través de diferentes conferencias, mesas redondas e grupos de traballo  sobre diferentes aspectos sobre o emprego de terapias e avances na dor oncolóxica, crónica, neuropática ou lumbar crónica, entre outros temas.

Na inauguración das xornadas, que tivo lugar ás 17:00 h., o rexedor monfortino estivo acompañado polo Presidente do Comité Organizador, o Dr. Felipe Rocha García e a Xerente do Hospital Comarcal de Monforte, a Dra. Inmaculata Ramos García.

O Alcalde deu a benvida ó centenar depoñentes e asistentes, provintes de todos os puntos de Galicia, León e de Asturias, e manifestou ó seu apoio a este tipo de encontro pois “dende o Equipo de Goberno deste Concello mantemos un compromiso e unha aposta firmes pola Sanidade Pública, porque cremos que, os servizos públicos básicos, como é a Sanidade, son a garantía dos dereitos das persoas; eu son un firme defensor da sanidade pública”.

O rexedor municipal aproveito a súa intervención para animar ós asistentes a disfrutar de Monforte e da Ribeira Sacra e descubrir a súa riqueza cultural, patrimonial, paisaxística e gastronómica, a través dun repaso dos principais atractivos cos que conta a cidade, como o Conxunto Monumental de San Vicente coa Torre da Homenaxe, o Colexio de Nosa Señora da Antiga, coñecido como o “Escorial Galego”, ou a importante rede museistica, na que destacan a Pinacoteca dos Escolapios, o Museo de arte Sacro das Clarisas, o Museo do Ferrocarril, o Pazo de Tor, ou o Museo do Viño.

Neste senso, José Tomé, salientou que “para o Concello de Monforte é unha satisfacción, poder volver a acoller na nosa cidade reunións e congresos desta índole, pois non so traen coñecementos, tan necesarios para a saúde dos nosos cidadáns, senón que tamén xeran actividade entorno á hostalería e ó comercio, e permítennos dar a coñecer o encanto da nosa terra”.

Concluíu a súa intervención José Tomé, desexando “que esta reunión serva para avanzar nos traballos de investigación e de coñecemento que permitan avanzar no tratamento e atenuación da dor nos seus diferentes eidos”. O rexedor monfortino tamén recoñeceu a labor destes médicos e investigadores “porque sabemos do enorme mérito do traballo que levan a cabo, moitas veces invisible, pero sempre necesario e insubstituíble.”

Esta reunión de consenso arredor da dor e os coidados paliativos, que deu comezo ás 4 e media da tarde, terá continuidade durante toda a mañá deste sábado 11 de novembro. O congreso conta coa colaboración e patrocinio do Concello de Monforte.

Programa Sgador 2023