O Alcalde recibe ó novo inspector xefe da Policía Nacional en Monforte


De esquerda a dereita, Celso Dacal, Tomás García e José Tomé

Monforte de Lemos, 10 de agosto de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu no seu despacho da Casa do Concello ó novo inspector xefe da Policía Nacional en Monforte, Tomás García, que tomou posesión do seu cargo hai uns días, e que veu acompañado polo inspector da Comisaría de Monforte, Celso Dacal. O Alcalde deu así á benvida á cidade ó novo inspector xefe.

“O encontro que mantivemos foi unha primeira toma de contacto e serviu para facer un repaso de cal é o estado actual da seguridade en Monforte; falamos de todo aquilo que afecta á o corpo da Policía Nacional nos seus diferentes aspectos”, explicou o mandatario local. Por outra parte, a reunión desta mañá serviu para falar da necesidade de continuar coa vontade de colaboración entre os diferentes corpos de seguridade do Estado: Policía Local, Policía Nacional e Garda Civil.

O rexedor destacou que “durante a conversa que mantiven co novo inspector xefe da Policía Nacional constatamos que o noso é un Concello tranquilo e cun baixo nivel de delincuencia; pero iso non significa que teñamos que baixar a garda”, sinalou José Tomé Roca, “debemos seguir traballando conxuntamente para poder reducir ese nivel, na medida do posible”.

Neste senso, o Alcalde recordou as cifras dadas a coñecer na última Xunta Local de Seguridade, celebrada o pasado 28 de xullo, nas que a taxa de criminalidade en Monforte descendeu con respecto a anos anteriores, situándose nos últimos 12 meses no 12,49‰ (por mil), unha das máis baixas do Estado.

Segundo datos oficiais facilitados pola Policía Nacional, durante este primeiro semestre de 2023 rexistráronse no concello de Monforte de Lemos 226 infraccións penais, das cales foron 114 delitos graves e menos graves, e 112 delitos leves.

Esta cifra supón que a delincuencia descendeu, con valores inferiores aos que se rexistraron no mesmo período de 2022, con 23 delitos menos. Isto supón unha diminución do 9,24% en relación co 2022, no que houbera 249 infraccións penais (das que 109 foran delitos graves e 140 leves).

O novo inspector xefe da Policía Nacional de Monforte, Tomás García, naceu en 1975 en Pontevedra e é licenciado en Dereito pola Universidade de Salamanca. Ingresou na escala executiva do Corpo Nacional de Policía no 2000 e xurou o cargo de inspector tres anos despois.

En marzo deste ano ascendeu á categoría de inspector xefe, cando estaba destinado na brigada local da policía xudicial na localidade asturiana de Siero. Entre outros recoñecementos, o novo responsable da comisaría de Monforte ten a cruz ao mérito policial con distintivo branco.

Tomás García substitúe no cargo a Mónica Gutiérrez, que en xuño de 2020 converteuse na primeira muller en asumir o mando nunha comisaría en Monforte e na provincia de Lugo. Neste senso, o Alcalde tamén tivo palabras de recoñecemento e agradecemento ó traballo desempeñado en Monforte nestes últimos anos pola anterior inspectora.