Monforte de Lemos, 18 de xullo de 2023. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural, Servizos e Medio Ambiente, José Luis Losada, supervisou os traballos de mellora do firme da estrada provincial que vai dende Monforte ó polígono industrial de O Reboredo.
“Esta actuación”, sinalou o Alcalde “unha nova mellora que levamos a cabo no polígono do Reboredo, e enmárcase dentro do plan desenvolto polo Concello de Monforte dende que eu son Alcalde para mellorar as infraestruturas desta área industrial que está a crecer, froito da promoción e dos proxectos de mellora promovidos polo Concello nos últimos anos, e que require de melloras como a sinalada.”
Os traballos desenvoltos na estrada LU-P-3205 de Monforte ao Reboredo, que contan cun orzamento de 315.000€, afectan ao tramo que vai do punto quilométrico 0,535 ao 3,175.
As obras acometidas consistiron na limpeza de laterais e na adecuación de cruces coincidindo coa contorna do polígono industrial monfortino.
Unha vez rematada a pavimentación con aglomerado en quente AC16 surf D de 5 cm., levarase a cabo a sinalización horizontal e vertical, co que finalizarán as actuacións de mellora desta estrada.
Aposta decidida do Concello de Monforte pola mellora do Polígono industrial do Reboredo
A esta actuación de 315.000€, o Alcalde engade as desenvoltas polo Concello monfortino nos últimos anos. Neste senso, José Tomé recorda a relevancia dos investimentos postos en marcha, como a nova vía de medio quilómetro construída na zona oeste, na que o Concello aportou 235.627,16€, e as actuacións de reforma dunha nave municipal que foi convertida na sede do primeiro Viveiro de Empresas industrial que ten o Concello de Monforte, e no que investiu 235.913,45€.
A aposta dedicida do Equipo de Goberno monfortino por esta polígono empresarial do Reboredo, tradúcese nas inversións realizadas no período 2016-2022, que superan o 1,1M€ (concretamente, 1.108.949,26 €), das cales o Concello aportou 602.703,84 euros e conseguiu axudas da Xunta de Galicia por importe de 506.245,42 euros.
O Alcalde tamén recordou que o Polígono contará con 14.000 metros cadrados máis de chan industrial, procedentes da revocación de contratos de compra de diversas parcelas a cargo de varias empresas, establecidos nos anos 2006 e 2007, os que se engadirán 111.000 metros cadrados, cedidos pola Deputación de Lugo.
E recentemente, o Alcalde anunciou unha inversión de preto de 5.000.000 € para unha nova depuradora no Polígono Industrial do Reboredo.
O éxito do polígono tradúcese no interese crecente de empresas por implantarse no mesmo, como o caso anunciado da farmacéutica KernPharma, que construirá unha planta de produtos inxectables, cun investimento inicial de 33M€, ou a ampliación e mellora das instalacións da empresa de produtos lácteos Oviganic Ibérica.