Monforte de Lemos, 10 de outubro de 2023. A 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, acompañada polo concelleiro de Servizos, José Luis Losada, e diversos membros da Corporación Municipal, participaron na tarde de hoxe no acto de conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental, organizado no bar Awa de Monforte pola Asociación Albores.
O acto contou coa lectura dun manifesto a cargo da presidenta de Albores, Delia Guitián, baixo o lema deste ano “Saúde mental, saúde mundial. Un dereito universal”, lema que reivindica a saúde mental como un dereito humano universal.
Tras a intervención institucional, tivo lugar a inauguración da Exposición Fotoxénica-Mente VI e a presidenta de Albores procedeu a convocar o VII Certame Fotoxénica-Mente. O acto pechouse cun concerto.
O Concello de Monforte apoia o traballo de asociacións como Albores, polo seu traballo e esforzo, que contribúe a mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidades mentais así como ás súas familias. Neste senso, o compromiso do Alcalde, José Tomé Roca, e o Equipo de Goberno coas problemáticas sociais é unha das liñas de traballo da súa acción de goberno.
Saúde mental como un dereito humano universal
Este dereito, tradúcese en dúas vertentes, tal e como indica o Manifesto deste ano.
Por unha banda, o dereito ao benestar e á participación nunha sociedade respectuosa coa saúde mental; que ofreza confianza no canto de discriminación, comprensión no canto de exclusión, e paz no canto de miseria.
Doutra banda, e tendo en conta que se experimentou un problema de saúde mental, o dereito a un modelo rehabilitador universal, que profunde no potencial das persoas e na súa proxección social, de tal maneira que a desilusión se converta en esperanza.
De ahí que a Asociación Albores Saúde Mental, así como outras entidades de saúde mental de Galicia leven a cabo distintas accións para visibilizar esta problemática e incidir na necesidade de traballar na información e prevención así como nos dereitos das persoas afectadas por esta problemática.