O Concello licita a explotación dos postos da Praza de Abastos de Monforte

Monforte de Lemos, 30 de setembro de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que o Concello ven de publicar na Plataforma de Contratación a licitación para a explotación dos postos 2, 3, 5 e 9 da Praza de Abastos, mediante procedemento aberto e tramitación ordinaria.

O prazo de presentación ofertas permanecerá aberto ata o 13 de outubro de 2023. As mesas de contratación terán lugar o 16 e o 23 de outubro.

A licitación ten por obxecto a concesión da explotación de ditos postos, por un período de 5 anos, prorrogables 5 anos máis.

 

Características dos postos

Os postos dos que sae a licitación a súa explotación posúen as seguintes características:

-Posto nº 2: Posúe unha superficie aproximada de 13,60 m2. As actividades admisibles nel serán todas as relativas a comercialización de produtos destinados á alimentación humana, tanto envasados como a granel, sempre que non sexa incompatible dende o punto de vista hixiénico-sanitario, coa actividade desenvolvida nos postos lindeiros.

-Posto nº 3: Posúe unha superficie aproximada de 13,55 m2. As actividades admisibles nel serán todas as relativas a comercialización de produtos destinados á alimentación humana, tanto envasados como a granel, sempre que non sexa incompatible dende o punto de vista hixiénico-sanitario, coa actividade desenvolvida nos postos lindeiros.

-Posto nº 5: Posúe unha superficie aproximada de 17 m2. As actividades admisibles serán as relacionadas coa venda directa de produtos de froitería e verduras.

-Posto nº 9: Posúe unha superficie aproximada de 23,60 m2. As actividades admisibles serán as relacionadas coa venda directa de produtos de peixaría.

 

Canon da concesión

Este contrato non orixina gastos para a Administración. O canon anual obxecto de licitación á alza dos postos será o seguinte:

  • Posto 2: importe 486,34 €/ano.
  • Posto 3: importe 484,55 €/ano.
  • Posto 5: importe 159,12 €/ano.
  • Posto 9: importe 960,05 €/ano.

O prezo liquidarase anualmente de acordo co previsto na Ordenanza municipal reguladora da Taxa pola prestación do servizo na Praza de Abastos.

 

Obrigas dos concesionarios

A concesión comprende a prestación do servizo de mercado no posto obxecto de licitación. A concesión efectuarase individualmente para cada posto, non podendo ser a mesma persoa natural ou xurídica a adxudicataria de máis de dous postos.

En virtude da concesión, o adxudicatario do posto queda obrigado á súa explotación.

A natureza da relación que vinculará o Concello e ao adxudicatario, será a propia dunha concesión administrativa de uso privativo de dominio público e de acordo co réxime xurídico correspondente.

O exercicio dos dereitos concesionais non implica, en ningún caso, o outorgamento por parte deste Concello cedente, de dereitos ou facultades dominicais.

 

Criterios de adxudicación

Para a avaliación das proposicións e a determinación da oferta economicamente máis vantaxosa atenderase a varios criterios obxectivos de adxudicación, directamente vinculados coa prestación obxecto do contrato.

  • Oferta económica: 60 puntos.
  • Memoria descritiva da actividade a desenvolver: 40 puntos. Neste apartado valorarase:
  1. Descrición das actividades de venda que se pretendan desenvolver, dando prevalencia á implementación de actividades non existentes ou fórmulas e medios de comercialización novidoso respecto das existentes na actualidade, podendo aportar os documentos que consideren necesarios a fin de avaliar a mesma: máximo 20 puntos.
  2. Proposta de inversións directamente relacionadas coa actividade na que se incluirán as obras de acondicionamento e equipamento do posto. Deberá achegar características técnicas, fotografías e deberán vir cuantificadas economicamente a prezos de mercado: máximo 15 puntos.
  3. Declaración do número de persoas que se dedicarán ao exercicio da actividade de venda no posto a utilizar no posto: máximo 5 puntos.