O Concello de Monforte súmase hoxe ós actos de celebración do Día Internacional dos dereitos das persoas LGTBIQ+

Monforte de Lemos, 28 de xuño de 2020. O Concello de Monforte súmase hoxe 28 de xuño ós actos de celebración do Día Internacional dos dereitos das persoas LGTBIQ+ que teñen lugar en todo o mundo, e no que se conmemoran os feitos acaecidos na noite do 28 de xuño de 1969 no pub de Stonewall situado nun barrio de Nova York, e que deron orixe ao movemento internacional polo recoñecemento dos dereitos deste colectivo.

Deste xeito, e tal como se veu facendo polo Equipo de Goberno do Concello en pasadas edicións, procedeuse a colocar no balcón da Casa Consistorial a bandeira arco iris, símbolo popularizado en 1978, da comunidade LGTBIQ+ (lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais, así como todas as persoas que non están recollidas nas denominacións anteriores) para conmemorar o Día do Orgullo LGTBIQ+ . A bandeira permanecerá pendurada ó longo de toda esta semana, tal e como se veu facendo todos estes anos en que se conmemorou dende o Concello.

A través desta iniciativa, o Alcalde, José Tomé Roca, manifesta, en nome de todos os veciños e veciñas de Monforte “o noso apoio institucional e social a esta celebración do Día do Orgullo LGTBIQ+, co obxectivo de facer visible á nosa sociedade a diversidade sexual, á vez que promovemos a igualdade, liberdade, a tolerancia e o respecto de todas as persoas”.

“Dende o Concello de Monforte”, continuou o mandatario municipal, “visibiliza o seu compromiso para continuar impulsando unha sociedade diversa e inclusiva dende o punto de vista afectivo, sexual e de xénero, capaz de erradicar o odio as discriminacións e para seguir traballando por un mundo de absoluta tolerancia, liberdade e igualdade”.