A 1ª Tenente de Alcalde e a vicepresidenta da Fundación Juana de Vega inauguran a exposición sobre a vida e a traxectoria de Juana de Vega, con motivo do 150 aniversario do seu falecemento

Monforte de Lemos, 7 de agosto de 2023. A primeira Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Mª Prada Rodríguez, acompañada pola vicepresidenta da Fundación Juana de Vega, Teresa Táboas, pola Concelleira de Cultura, Marina Doutón, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural, Servizos e Medio Ambiente, José Luís Losada, inaugurou hoxe ás 6 da tarde na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte a exposición sobre a vida e a traxectoria de Juana de Vega, con motivo do 150 aniversario do seu falecemento, a cal permanecerá aberta ata o 24 de agosto.

A exposición leva por título “Juana de Vega, Condesa de Espoz y Mina (1805-1872): Facer no século”, e está organizada pola Fundación Juana de Vega con motivo do 150 aniversario do falecemento da ilustre coruñesa, que desenvolveu unha intensa actividade benéfica e social, unha muller progresista e liberal, avanzada para a súa época, que deixou unha gran impronta non só na cidade da Coruña senón tamén en toda Galicia e resto do Estado.

A mostra itinerante sobre a vida e a traxectoria de Juana de Vega abrangue desde o seu nacemento en 1805 na Coruña ata o seu falecemento en 1872 nesta mesma cidade. A exposición iniciou o seu percorrido a principios de ano na cidade da Coruña, e posteriormente está a rotar polas principais cidades de Galicia, recalando ademais en Monforte de Lemos, terra da nai de Juana de Vega, e en Mondoñedo, de onde era orixinario o seu pai.

Todos aqueles interesados en visitar a exposición desta importante figura da historia de Galicia e España, poderán facelo na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, dende o 7 ó 24 de agosto, de luns a venres, en horario de 9 a 21 horas, e os sábados de 9 a 14 h.

Na exposición, distribuída en 20 paneis, percórrense as andanzas da súa familia, a guerra e a política de principios do século XIX, o seu casamento co heroe da Guerra de Independencia, Francisco Espoz y Mina, e o seu casamento. Tamén o exilio, os ataques sufridos polo militar navarro e a súa morte, que a converten na “viúva eterna”. Mais isto non foi óbice para que desenvolvese a súa faceta humana e intelectual ao longo dos anos. Desde a súa función como aia da Raíña Isabel II ata a fundación de hospitais e hospicios ou a súa influencia nos círculos de poder para acadar sempre o fin de axudar aos máis necesitados.

A Asociación de Señoras, o Hospital da Caridade, o Asilo da Mendicidade e a Casa da Misericordia son algunhas das institucións que contribúe a crear e, sobre todo, manter. Juana tamén participou activamente nas iniciativas políticas liberais que se deron na cidade herculina e Galicia. Polo seu parladoiro da rúa Real pasaron políticos, xornalistas e intelectuais. Persoeiros como José Pardo Bazán, Vicente Alsina, Hipólito Otero, Montero, Telinge ou Arias Uría atopábanse entre as súas amizades. A súa implicación, sempre informal, no manexo das decisións políticas que afectan aos progresistas herculinos continúa como mínimo ata 1868, mais tamén os seus contactos cos primeiros espadas do partido a nivel estatal, en especial con Salustiano Olózaga.

Foi considerada como unha heroína pola súa loita contra o cólera, unha das doenzas máis mortíferas do século. Tamén destacou na defensa da memoria do seu defunto marido, preservando o seu legado e protexendo o seu recordo. Juana morre o 22 de xuño de 1872 con 67 anos. Deixa un testamento detallado e sistemático. As súas últimas vontades inclúen o repartimento ben ordenado dos seus bens entre familiares, amizades moi queridas e diferentes institucións.

Remata a exposición cunha referencia á Fundación Juana de Vega, que foi constituída por vía testamentaria co obxectivo de crear unha escola teórico-práctica de agricultura na casa de verán en San Pedro de Nós en Oleiros (A Coruña).

A exposición, organizada pola Fundación Juana de Vega, conta co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e a colaboración do Concello da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e máis dunha vintena de institucións públicas e privadas, desde museos a arquivos ata centros de documentación e bibliográficos que durante este século e medio gardaron, conservaron e catalogaron os fondos que tan xenerosamente Juana de Vega nos legou.

Ademais da mostra itinerante, ao longo deste ano celebráronse diferentes actividades ao redor da figura desta ilustre muller, como o congreso internacional “Contemporáneas: políticas, traballadoras e facedoras de sociedade”, destinado ao estudo do papel da muller na sociedade, ou a publicación dunha ampla e documentada biografía de Juana de Vega, da que é autor o historiador e profesor da Universidade de Santiago de Compostela Xosé Ramón Veiga.