O Alcalde informa da licitación do proxecto de supresión dos pasos a nivel de Rioseco e Juan Montes

Monforte de Lemos, 21 de xuño de 2023.  O Alcalde de Monforte anunciou aos medios de comunicación este luns, en rolda de prensa, de que o pasado xoves, día 15 do presente mes de xuño, publicouse na plataforma de contratación do sector público, a licitación do proxecto de supresión de pasos a nivel dos puntos kilométricos 361/620 e 361/845 na liña León – A Coruña no término municipal de Monforte de Lemos, que se corresponden cos citados pasos a nivel de Juan Montes e Rioseco.  

Xa o pasado dia 26 de maio, José Tomé informaba aos veciños e veciñas de Monforte, da recepción dunha comunicación da subdirección xeral de pasos a nivel e instalacións de protección e seguridade de ADIF, de que rematara o expediente para licitar a obra de supresión dos pasos a nivel de Juan Montes e Rio Seco, no término municipal de Monforte de Lemos, que inclúen 5 Novas Rúas, un Paso Inferior baixo a vía de ferrocarril de Monforte – Lugo, unha Rotonda e unha Ponte sobre o Rioseco.

Na citada información, tal e como explicou o Alcalde, José Tomé, o ADIF informaba tamén de que se producira un incremento do custe da obra, motivada pola actualización de prezos dos materiais de construción para obra pública, ascendendo o presuposto de licitación a 6.837.621,84 € que engadido ao 21% do IVE,  ascende na súa totalidade a 8.273.522,43 €.

O Alcalde tamén proporcionou os datos que constan na plataforma de contratación do sector público, especificando o número de anuncio do expediente: 3.23/27507.0135, a data de publicación: 15/06/2023, o título do proxecto: Execución das obras do proxecto de supresión dos pasos a nivel dos P.K.361/620 e 361/845 , o réxime xurídico: Lei de Contrato do Sector Público: 9/2017, o tipo de procedemento: aberto e os criterios de adxudicación, o tipo de contrato, o presuposto de licitación, o prazo de execución das obras que se estima en 16 meses unha vez asinada a acta de replanteo, así como o lugar de execución das obras.

José Tomé continuou a concretar que “esta publicación na plataforma será completada coa publicación no Boletín Oficial do Estado,  nos próximos días, de xeito que as ofertas das empresas para a execución das obras poderanse presentar ata o próximo 14 de xullo ás 13 horas”.

“A previsión é que as obras queden adxudicadas dentro deste mesmo ano, para que a comezos do próximo ano poidan iniciarse as obras fisicamente, sobre o terreo, e quedar rematadas para entrar en servizo ao longo do ano 2025”.

Tal e como explicou o Alcalde, este proxecto de Supresión dos Pasos a Nivel era un dos compromisos que figuraron no Programa electoral, no punto 5 do apartado de infraestruturas e como xa indicou no discurso da Toma de Posesión, xa está en marcha o cumprimento deste compromiso, que sen dúbida “é un proxecto moi relevante que vai cambiar a fisionomía da cidade nesa zona de Monforte, mellorando as comunicacións tanto para vehículos como para persoas, dado que xa non haberá que estar esperando nos pasos a nivel, e, sobre todo, a mellora que supón na seguridade dos peóns, polo risco que supón cruzar as vías tal e como está na actualidade”.