O Concello informa dunha nova cita co teatro na cidade de Monforte este xoves día 23

- Este xoves 23 de marzo ás 20:15 h e no Edificio Multiusos, terá lugar unha nova cita co teatro para adultos dentro da programación da Rede Galega de Teatro e Auditorios do primeiro semestre de 2023 en Monforte de Lemos.

- A compañía FULANO, MENGANO E CITANO poñerá en escena a obra A LOUCA HISTORIA DE GALICIA, obra de Manuel Pombal, Suso Pando e Marcos Alonso que estaba programada para o pasado día 16 de febreiro.

-As entradas costarán 5 € para o público xeral, e 3 € para nenos, estudantes, desempregados e xubilados e poderanse adquirir na taquilla do Edificio Multiusos.

-Ibuprofeno Teatro, Fulano, Mengano e Citano, Olivas negras, Culturactiva, Redrum Teatro e Baobad Teatro, son as compañías galegas que presentan os seus espectáculos da man do Concello de Monforte.

 

Monforte de Lemos, 23 de marzo de 2023. O Concello de Monforte, retoma este xoves, dia 23 ás 20:15 no Edificio Multiusos a programación da Rede Galega de Teatro e Auditorios do primeiro semestre de 2023 en Monforte de Lemos.

A carteleira está conformada por un total de 6 postas en escena destinadas na súa maioría ó público adulto, con todo, tamén se ten en conta ó público infantil que terá a súa propia oferta cultural.

Función do 23 de marzo.

A LOUCA HISTORIA DE GALICIA é un percorrido en clave de humor a través da nosa historia: lévanos por todos eses períodos de luz e de sombras, -ás veces de apagón total- que fixeron de nós o que hoxe somos. É un paseo polas orixes, costumes e tradicións desta terra de bispos e reis, nobres e servos, heroes e tiranos, situada entre a fin do mundo e o norte de Portugal.

A LOUCA HISTORIA DE GALICIA  como se di sempre nunha sinopse que se prece, "móstranos uns personaxes na procura da súa identidade", a diferenza está en que desta vez... Por fin é certo!.

Programación do primeiro semestre

A programación do primeiro semestre deste ano 2023, completarase con outras tres obras que se irán representando nos próximos meses.

Culturactiva, actuará o 20 de abril para pór en escena Conexión pinguín, unha comedia que quere falar da incomunicación entre os seres humanos.

O 4 de maio, a compañía Redrum teatro pechará o ciclo de representación para adultos do primeiro semestre do ano, coa obra Un home con lentes de pasta, comedia negra que versa sobre as relacións humanas.

Non debemos esquecernos do público infantil, que terá o 7 de maio unha representación específica para eles, titulada O lobo e a lúa a cargo da compañía Baobab Teatro, unha historia de amizade, de superación dos propios medos e de amor, pensada para público familiar a partir de 3 anos.

Todas as obras mencionadas poñeranse en escena no Edificio Multiusos do Concello de Monforte, en horario de tarde, ás 20:15 h agás a representación do 7 de maio para público infantil que terá lugar ás 18:00 h.  A entrada xeral será dun importe de 5 € pero tamén haberá entradas bonificadas para nenos, estudantes, desempregados e xubilados a un importe de 3 €.

O Alcalde, José Tomé Roca, “anima ós monfortinos e monfortinas a participar na programación de teatro do Concello de Monforte para o primeiro semestre deste ano, dentro da aposta decidida que este goberno fai pola cultura, e neste caso, polo teatro galego”.

A Concellería de Cultura incidiu no compromiso que mantén o Concello de Monforte de brindarlle á veciñanza unha oferta cultural de calidade coa difusión de espectáculos variados e para tódolos públicos entre os que se atopa a programación teatral para este primeiro semestre de 2023.