O Equipo de Goberno incrementa a 20.000 euros as axudas para a mellora da eficiencia enerxética nos fogares máis necesitados de Monforte

Monforte de Lemos, 14 de xaneiro de 2023. A Xunta de Goberno do Concello de Monforte aprobou o pasado luns 9 de xaneiro as bases mediante as cales incrementa ata 20.000 euros as axudas económicas para mellorar a eficiencia enerxética nos fogares de persoas en situación de risco e/ou exclusión social durante o ano 2023.

Para o financiamento destas subvencións, dende o Concello, destinouse un crédito máximo de 20.000 euros, 5.000 euros máis que en 2022, “co obxectivo de apoiar ás familias do municipio de Monforte economicamente máis vulnerables e que presentan dificultades económicas para afrontar os gastos enerxéticos, especialmente nun momento no que o importe das facturas, tanto de electricidade como de gas, incrementáronse considerablemente por mor da crisis enerxética que estamos a vivir”, destaca o Alcalde, José Tomé Roca.

“Este feito”, continuou o rexedor municipal, “unido ao contexto económico actual, da lugar a que existan familias monfortinas que non dispoñen das posibilidades económicas mínimas para o pagamento desta factura enerxética. E como o acceso á enerxía é unha necesidade básica, dende o Equipo de Goberno, queremos contribuír con esta liña de axudas, a paliar ou minimizar estas dificultades nas familias veciñas máis vulnerables”.

Así, dende o Concello de Monforte de Lemos considérase necesario e convinte levar a cabo desenvolver esta medida de axudas específicas, coa finalidade de asegurar o acceso continuado á subministracións básicas de enerxía eléctrica, calefacción, auga quente sanitaria e de gas evitando o seu corte, tendo en conta o seu carácter esencial para previr situacións de risco de exclusión social.

O prazo e os requisitos para solicitar estas axudas daranse a coñecer nos vindeiros días, tanto ós medios de comunicación como na páxina web e nas redes sociais do Concello, unha vez sexan publicadas as bases no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.

 

Obxecto das axudas e persoas beneficiarias

O Concello de Monforte de Lemos pon en marcha esta liña de prestacións destinadas a paliar situacións transitorias de necesidade social relacionadas co pagamento de subministracións básicas de enerxía eléctrica, gas, gas oíl calefacción e outras fontes de enerxía da vivenda, das persoas e/ou familias que se atopen nunha situación de vulnerabilidade social que teñan a súa residencia no ámbito municipal de Monforte de Lemos, cunha antigüidade mínima e ininterrompida de 6 meses, coa finalidade de asegurar o acceso continuado destas subministracións básicas promovendo a mellora da eficiencia enerxética e reforzando os procesos de inclusión social.

Excepcionalmente, atendendo as circunstancias sociais do caso, poderase eximir do período mínimo de residencia segundo valoración técnica dos servizos sociais.

Considérase como situación de risco de exclusión social aquela provocada pola ausencia ou insuficiencia de recursos económicos para afrontar as necesidades básicas da unidade familiar e no seu caso a concorrencia doutros factores que ponderados polos servizos sociais comunitarios condicionen negativa e/ou gravemente a inclusión social.

Así mesmo, considérase unidade de convivencia o conxunto de persoas que viven no mesmo domicilio. A determinación dos membros da unidade de convivencia realizarase atendendo á situación existente no momento da solicitude e tendo en conta os datos que figuren no padrón municipal.

Gastos subvencionables

Os gastos subvencionables a través destas axudas corresponderán á vivenda habitual do solicitante e atendendo a súa finalidade poderán ser os seguintes:

  1. Axudas para facer fronte ás facturas de electricidade que estean pendentes de pagamento na data da solicitude.
  2. Axudas para facer fronte ás facturas de gas natural pendentes de pagamento na data da solicitude ou para repor o gas oíl para calefacción.
  3. Axudas para o subministro de gas para electrodomésticos de cociña, quentador e outro equipamento básico da vivenda para a mesma finalidade.
  4. Axudas para outras fontes de enerxía destinada á finalidade destas bases, previa valoración técnica dos servizos sociais.
  5. Axudas para facer fronte ás facturas de instalación/reparación de caldeiras ou outros equipamentos que constitúan unha fonte de enerxía e que estean pendentes de pagamento na data de solicitude.

No caso das axudas para gas natural/gas oíl destinadas ó mantemento do servizo de calefacción, atenderanse as solicitudes presentadas nos meses correspondentes á tempada de inverno.

Así mesmo, poderán ser obxecto das axudas os custos ocasionados para restablecer os subministros no caso en que se producise o corte destes.