O remodelado Pavillón de A Pinguela acolle dende hoxe as primeiras competicións deportivas

Monforte de Lemos, 28 de outubro de 2023. O Pavillón Polideportivo municipal de A Pinguela acolle este fin de semana as primeiras competicións deportivas, tras ser inauguradas as súas obras de mellora hai uns días polo Alcalde, José Tomé Roca, e polo presidente do CDS, Víctor Francos Díaz.

Unha vez ultimado dende a Concellería de Deportes o calendario de actividades cos diferentes clubes e asociacións deportivas que habitualmente usan esta importante instalación deportiva, esta fin de semana o Pavillón da Pinguela comezou a funcionar con total normalidade.

Deste xeito, na mañá de hoxe sábado, dende as 9 horas, estanse a disputar diversos partidos de voleibol por parte do Club Korbis e do C. V. Ribeira Sacra, e ante equipos provintes de Ourense, Rianxo ou Vigo. Mañá domingo, o Club Korbis volverá a disputar encontros, a cargo das súas categorías alevín, infantil, cadete e xuvenil.

O Alcalde indica que “hoxe están a disputarse con total normalidade os primeiros encontros deportivos nun Pavillón sobre o que vimos de levar a cabo unha reforma integral que permite a  Monforte contar cun pavillón polideportivo, seguro, moderno, amplo e que xa da resposta ás necesidades da cidade en materia deportiva , e polo que nos traslada o noso técnico de deportes, a xente está encantada”.

O pavillón da así servizo e resposta ás necesidades dos máis de 40 clubs e asociacións deportivas coas que conta o municipio, poñendo así a disposición dos  veciños e veciñas de Monforte unhas instalacións deportivas modernas, seguras e en estado óptimo de utilización. En definitiva, dende o Concello o Equipo de Goberno segue mellorando a calidade de vida dos monfortinos e das monfortinas.

  

Mellora integral do Pavillón da Pinguela

A financiación da obra foi compartida polo Consello Superior de Deportes, que aportou o 53,52% do orzamento (1.984.462,24€) e o Concello de Monforte que aportou o 46,48% restante (1.723.589,38€).

A financiación a cargo do Consello Superior de Deportes para a obra do Pavillón da Pinguela, acadouse grazas ás xestións feitas polo Alcalde e que deron como resultado que Monforte fora escollido como un dos 55 proxectos, entre 238 entidades solicitantes, que acadaron unha subvención destas características.

Neste senso, un dos aspectos polos que máis puntuación se concedía na valoración dos proxectos presentados era a eficiencia enerxética que se conseguiría unha vez realizadas as obras. No caso das obras de reforma do Pavillón da Pinguela supoñen unha mellora na eficiencia enerxética do edificio que permite pasar dunha cualificación enerxética E a una cualificación enerxética B, en canto a consumo de enerxía primaria non renovable, e dunha cualificación enerxética F a unha cualificación enerxética A, en canto a emisións de CO2.

As obras de reforma do Pavillón da Pinguela desenvolvéronse en tempo récord, pois deron comezo o pasado 2 de maio, e foron terminadas en tempo e forma o pasado 30 de setembro “motivo polo cal debemos sentirnos orgullosos e tamén recoñecer a eficacia da empresa adxudicataria”, destacou o Alcalde.

As obras leváronse a cabo sobre unha superficie total de actuación de 3.728,23 m2 e, logo da reforma, dunha superficie útil resultante de 3.447.72 m2.

O novo pavillón conta dende hoxe cunha imaxe actual e moderna, na que se reordenan os espazos que permitiron crear un novo ximnasio de 131m2, situado a carón do vestíbulo, e un noco almacén na planta baixa, así como aumentar a zona destinada a despachos en 85 m2.

Na planta superior a instalación conta con gradas por todo o arredor da pista deportiva, para o que se ampliou a grada actual e se construíron novas gradas no lado oeste e nas dúas cabeceiras, norte sur. Isto permite pasar dun aforo de 465 persoas, da antiga instalación, a 1.198 localidades, o que posibilitará a organización de competicións de máis alto nivel.

O resto de espazos, pista deportiva, vestíbulo, vestiarios, oficinas para clubs e aseos, son totalmente novos.

O exterior do edificio tamén luce unha nova imaxe, xa que se urbanizaron un total de 1.400 m2 arredor do pavillón humanizando así todo o perímetro da instalación.