Monforte de Lemos, 7 de setembro de 2023. O Concello de Monforte é unha das cidades galegas que estes días amosará o seu potencial turístico na sexta edición da Mostra de Turismo das cidades do Eixo Atlántico, Expocidades, que se celebra na localidade portuguesa de Valongo, no Parque Urbano de Ermesinde, dende onte xoves 6 e ata o vindeiro domingo 10 de setembro.
A Primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, acudiu en representación da administración municipal e, asistiu ó acto inaugural e a diversos actos promocionais con medios de comunicación.
Nesta sétima edición de Expocidades o Concello de Monforte conta cun stand propio dende o que promocionará o potencial turístico, artístico e gastronómico da cidade e da Ribeira Sacra.
Para elo, dende o stand de Monforte ofrecerase ó visitante material de promoción oficial do Concello, como é a Guía Turística oficial do Concello ou a Guía do Peregrino. Tamén conta o stand con produtos de degustación da Ribeira Sacra.
“A cidade do Cabe amosará as posibilidades turísticas, unha oferta centrada no turismo de proximidade dada a relativa distancia que existe entre as cidades galegas e as portuguesas e a variedade de ofertas turísticas para o visitante”, destacou Gloria Prada.
Expocidades, Mostra Turística das Cidades do Eixo Atlántico é unha ferramenta de promoción do turismo de proximidade das cidades do Eixo Atlántico. Busca promover as cidades no seu medio de mercado inmediato, así como tamén aproveitar para favorecer a relación directa entre produtores turísticos e comercializadores. Esta feira de turismo celébrase desde 2013, tan só interrompida polos dous anos de pandemia.
Até o 10 de setembro os visitantes poderán coñecer os lugares de interese das cidades do Eixo Atlántico, entre elas Monforte de Lemos, así como os seus produtos gastronómicos co obxecto de identificar posibles destinos de proximidade que visitar en calquera dos 52 fins de semana do ano. Cos 30 expositores que acoden este ano, cubrindo así a totalidade do territorio da Eurorrexión, preténdese impulsar un turismo de proximidade alcanzable, de calidade e centrado na saúde, natureza, patrimonio e gastronomía.
Nesta edición, por primeira vez, Expocidades integrarase tamén coa Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico, un evento que se vén organizando desde hai unha década en diferentes cidades e que conta coa participación de produtores tradicionais e de excelencia de Galicia e Norte de Portugal. Este programa, liderado polo Barco de Valdeorras, forma parte das actuacións do Eixo Atlántico para impulsar o desenvolvemento económico e fixar poboación nos territorios de menor densidade demográfica. Neste caso, promociónanse espazos de comercio para os pequenos produtores e artesáns tradicionais.
Igualmente, nesta ocasión, a feira de turismo celébrase conxuntamente con “Expoval - Mostra do Concelho de Valongo” que, na súa 15ª edición e baixo o tema Valongo, Serras do Porto, pretende promover un novo concepto de emprendemento e de afirmación territorial.