Monforte de Lemos, 8 de marzo de 2024. A Tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, acudiu, acompañada polo Concelleiro de Servizos, José Luis Losada, á presentación da edición de 2024 da festa gastroturística “Estase Cocendo” organizada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería (APEHL) e que conta co apoio do Concello de Monforte.
A presentación tivo lugar ás 18:30 h no Centro do Viño de Monforte e contou ademais coa presencia do presidente da APEHL, Cheché Real, representantes da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia, da Corporación municipal, e do sector da hostalería.
A Tenente de Alcalde, que asistiu ao evento en representación do Alcalde, José Tomé, do que desculpou a súa ausencia ante a súa imposibilidade de chegar a tempo á cita por motivos de axenda coma Presidente da Deputación de Lugo, quixo agradecer e poñer en valor o traballo que a APEHL está a facer para conseguir que un ano máis, esta iniciativa sexa un éxito, un “intenso traballo que están a facer con esta campaña gastroturística que se traduce nun impulso económico para Monforte e para a Ribeira Sacra”.
Neste senso, a representante municipal reafirmou o compromiso do Equipo de Goberno en seguir apoiando iniciativas coma esta, “que contribúan á dinamización da nosa hostalería na nosa cidade e na comarca, que sexan un reclamo para que a xente se anime a visitar Monforte e a Ribeira Sacra”.
Este ano dende a organización do “Estase cocendo”, homenaxease á historia do ferrocarril, que tan importante foi na cidade, co obxectivo de resaltar a súa importancia e de recuperar o prestixio que tivo no pasado.
Así, Prada, considerou un acerto a homenaxe deste ano porque “todas as persoas que traballaron e traballan a prol do ferrocarril na nosa cidade merecen con creces esta homenaxe e recoñecemento, e por suposto as persoas que hoxe están aquí presentes”.
Desde a delegación sur da APEHL decidiuse que este ano foran 4 os compadres do “Estase Cocendo”, relacionados co ferrocarril, en concreto, Germán López, xubilado ferroviario, Luis Blanco, Director do Museo do Ferrocarril de Galicia, Jesús Francisco Vila, Profesor do Colexio Ferroviario, e Javier Pérez, recentemente nomeado Director Xeral de Renfe Viaxeiros, cargo que compatibiliza coa Dirección da área de negocio de Alta Velocidade e Servicios Comerciais.
Na súa intervención, Gloria Prada tamén destacou “o traballo, a dedicación e o esforzo feito polo Alcalde ó longo dos últimos anos ante o ADIF e o Estado, e que están dando os seus froitos. 550 M€ para modernizar a vía Ourense-Monforte-Lugo, 7M€ para a supresión dos pasos a nivel de Rioseco e Juan Montes, e a mellora da Estación do tren e da súa praza por case 4M€, ou o novo Centro de Competencias Dixitais e de Ciberseguridadede Renfe, que foi inaugurado en Monforte en 2023, cun investimento dun millón de euros. Obras que sen dúbida contribuirán a recuperar a importancia e relevancia que o ferrocarril ten na nosa cidade.”
A Tenente de Alcalde rematou a súa intervención convidando a todo o mundo a participar desta campaña gastroturística do Estase Cocendo 2024, e a que durante este mes de marzo, se acheguen aos diferentes establecementos da zona, para degustar o prato protagonista que é o Cocido, un prato tradicional tan representativo dos galegos.