Este xoves, día 26, comeza o programación de teatro do Concello de Monforte para o primeiro semestre de 2023

O Concello de Monforte, inicia este xoves, dia 26 ás 20:15 no Edificio Multiusos a programación da Rede Galega de Teatro e Auditorios do primeiro semestre de 2023 en Monforte de Lemos.

A carteleira está conformada por un total de 6 postas en escena destinadas na súa maioría ó público adulto, con todo, tamén se ten en conta ó público infantil que terá a súa propia oferta cultural.

Función do 26 de xaneiro

A programación iniciarase o 26 de xaneiro coa obra Smoke on the water, espectáculo para público adulto, que mestura o humor negro coa crítica social a cargo do  grupo Ibuprofeno Teatro. Trátase dunha traxicomedia sórdida con música en directo. Unha historia de sexo, drogas e rock and rol e, por suposto, de amor.

Sinopse

Ritchie (Blackmore) vive ancorado no Rock and roll dos 70, ten unha tenda de discos e vinilos de colección. Janis (Joplin) xa hai anos que non canta, estuda filosofía na universidade. A súa unión sobrevive despois de case 25 anos de crise matrimonial permanente, formando un círculo vicioso enfermizo, un sistema de relacións de dependencia imposible de desenlear. Este "status quo" absurdo, en continua combustión, vese ameazado pola aparición de Álex, un gigoló de ideoloxía vandálica e transgresora que se namora perdidamente de Janis, ao tempo que establece unha fonda amizade con Ritchie.

A intervención de Joan Baez, empregada de banca que xestiona a hipoteca de Ritchie, clienta de Álex, propicia un final pateticamente feliz ao enredo amoroso-financeiro entre este grupo de seres humanos fracasados, torpes, perdedores, frustrados, desgastados e maltratados pola vida, que provocan tenrura e compaixón.

Programación do primeiro semestre

A programación do primeiro semestre deste ano 2023, completarase con outras cinco obras que se irán representando nos próximos meses.

No mes de febreiro, o día 16,  a compañía Fulano, Mengano e Citano traerá a escena a produción A louca historia de Galicia, un percorrido en clave de humor a través da nosa historia, que destaca os acontecementos que fixeron de nós o que somos hoxe.

Olivas negras representará Doce uvas, dúas mulleres e unha oliva o día 9 de marzo, un espectáculo sorprendente e honesto en clave cómica cunha historia de auto superación e empoderamento feminino.

Culturactiva, actuará o 20 de abril para pór en escena Conexión pinguín, unha comedia que quere falar da incomunicación entre os seres humanos.

O 4 de maio, a compañía Redrum teatro pechará o ciclo de representación para adultos do primeiro semestre do ano, coa obra Un home con lentes de pasta, comedia negra que versa sobre as relacións humanas.

Non debemos esquecernos do público infantil, que terá o 7 de maio unha representación específica para eles, titulada O lobo e a lúa a cargo da compañía Baobab Teatro, unha historia de amizade, de superación dos propios medos e de amor, pensada para público familiar a partir de 3 anos.

Todas as obras mencionadas poñeranse en escena no Edificio Multiusos do Concello de Monforte, en horario de tarde, ás 20:15 h agás a representación do 7 de maio para público infantil que terá lugar ás 18:00 h.  A entrada xeral será dun importe de 5 € pero tamén haberá entradas bonificadas para nenos, estudantes, desempregados e xubilados a un importe de 3 €.

O Alcalde, José Tomé Roca, “anima ós monfortinos e monfortinas a participar na programación de teatro do Concello de Monforte para o primeiro semestre deste ano, dentro da aposta decidida que este goberno fai pola cultura, e neste caso, polo teatro galego”.

A Concellería de Cultura incidiu no compromiso que mantén o Concello de Monforte de brindarlle á veciñanza unha oferta cultural de calidade coa difusión de espectáculos variados e para tódolos públicos entre os que se atopa a programación teatral para este primeiro semestre de 2023.