Monforte de Lemos, 19 de xullo de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que o Equipo de Goberno aprobou, na Xunta de Goberno celebrada o pasado 15 de xullo, a concesión de 8.000€ en axudas a entidades e asociacións sen ánimo de lucro, inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, que desenvolven actuacións no ámbito dos servizos sociais e da inclusión social no Concello de Monforte, durante o exercicio 2024.
En concreto, outorgóuselle un importe de 2.000 € ás asociacións monfortinas AGORA, AFAMON, AUXILIA e ALBORES, cantidade que lle foi concedida en base ó seu proxecto e segundo as bases establecidas para estas subvencións que ano a ano convoca o Alcalde, sensible coas necesidades das mesmas.
“Con estas axudas” sinala o rexedor monfortino, “dende o Goberno municipal facilitamos facilitar a estas entidades recursos para a inclusión social, para garantir a autonomía persoal e para brindar oportunidades sociais e educativas, así coma axudar a previr a aparición de dependencia, desigualdade ou desprotección a aquelas persoas máis vulnerables”.
Esta liña de axudas posta en marcha ano a ano polo Executivo de José Tomé busca fomentar e apoiar o desenvolvemento de proxectos complementarios de servizos sociais comunitarios de entidades de iniciativa social, previamente inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, atendendo ó seu interese social, calidade, carácter innovador e articulación efectiva coa oferta pública de servizos sociais comunitarios.