O Alcalde acudiu onte á xornada “Cine e Cooperación. Unha ventá ao mundo”, sobre proxectos de cooperación internacional en Guatemala

Monforte de Lemos, 13 de setembro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acudiu onte á xornada “Cine e Cooperación. Unha ventá ao mundo”, que o Concello organizou na Casa da Cultura, en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Unha xornada que o Equipo de Goberno solicitou ó Fondo Galego, entidade da que o Concello é membro.

No acto, o Alcalde estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e as concelleiras e concelleiros de Cultura, Marina Doutón, Servizos, José Luis Losada, Muller e Igualdade, Margarita López, Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz, e Consumo, Regina López, así como outros membros da Corporación municipal, e veciños e veciñas da cidade. 

A actividade consistiu na proxección de catro curtametraxes vencelladas a proxectos de cooperación internacional que se desenvolven en Guatemala, e foi impartida por Eloy Fernández e Maribel Valiela, da ONG Solidariedade Internacional de Galicia, entidade que colabora neste ciclo de documentais co Fondo Galego.

A través destas pezas audiovisuais, abordáronse diversas temáticas de gran relevancia, como a soberanía alimentaria, a seguridade e hixiene alimentarias, o dereito a unha vivenda digna, o dereito á auga e o dereito á educación. Todas estas cuestións estarán relacionadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

Na introdución da xornada, que correu a cargo da Gloria Prada, como concelleira de Servizos Sociais, destacou que o obxectivo con esta actividade é “poñer en valor a Cooperación Internacional que levan a cabo as entidades galegas, grazas ao apoio de concellos como o de Monforte de Lemos, a través do Fondo Galego. Porque queremos dar a coñecer ós nosos veciños e veciñas a importante labor que a través deste tipo de institucións se leva a cabo en materia de cooperación e solidariedade”.

Neste senso, subliñou que, “con xornadas coma esta queremos concienciar ós nosos cidadáns sobre as distintas problemáticas que se dan en países como Guatemala, así como as accións de axuda e cooperación desenvoltas por organismos como o Fondo Galego”.

O Concello de Monforte forma parte do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade cunha aportación anual de 1.422 euros, que se establece en función do número de habitantes de cada concello.