O Alcalde anuncia que o Concello de Monforte achega 10.000 euros, a través da Cruz Vermella, para axudar a paliar os graves danos causados pola DANA

Monforte de Lemos, 19 de novembro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, decidiu este pasado luns, na Xunta de Goberno, que o Concello destine unha achega económica de 10.000 euros, que se canalizará a través da Cruz Vermella, para colaborar nos esforzos de recuperación tras os devastadores efectos da DANA que afectou á Comunidade Valenciana.

José Tomé explicou que a medida adoptouse para sumar esforzos para contribuír con rapidez á mitigación dos danos, especialmente para apoiar ás persoas en situación de maior risco e vulnerabilidade. Esta achega económica do Concello de Monforte busca, ademais de amosar solidariedade, ofrecer un apoio práctico para cubrir necesidades básicas e asistir no proceso de recuperación emocional e social de quen se viu afectado.

“É unha achega de todos os veciños e veciñas de Monforte fronte á terrible catástrofe que asolou a unha gran parte da Comunidade Valenciana. Houbo moitos e graves danos persoais e materiais que esixen dunha actuación inmediata, sendo unha cuestión humanitaria, porque moitas persoas perdérono todo”, detallou o rexedor monfortino.

Entre os días 28 de outubro e o 4 de novembro pasados, produciuse unha Depresión Illada en Niveles Altos (DANA) en diferentes municipios da Comunidade Autónoma de Valencia, dunha magnitude descoñecida ata ese momento neste país e cunhas consecuencias de perturbación nas condicións de vida da poboación sen precedentes.

Dado que, debido á magnitude da traxedia, é previsible que a recuperación da normalidade nas zonas afectadas, resulte lenta, complexa e custosa dada a gravidade da situación, activouse o principio de solidariedade entre cidadáns e administracións. Ante a gravidade dos feitos, puxo en funcionamento ás distintas Administracións, Organizacións e Asociacións deste país, co obxectivo común de axudar na medida do posible ós nosos veciños, necesitados neste momento, de toda a axuda que se lles poida proporcionar.

Neste eido, dende a FEGAMP fixeron chegar ó Concello de Monforte varias comunicacións nas que se nos informaba das distintas formas de axudar ós damnificados. Nun primeiro momento, a axuda podía ser en forma de materiais, recursos, alimentos, servizos de rescate e protección civil e tamén achegas económicas. Nembargantes, ante as dificultades loxísticas para recepcionar e repartir a axuda, a propia FEGAMP, nas últimas comunicacións dirixidas ós Concellos, solicita que as axudas a ser posible, sexan económicas.

“Cun espírito de axuda e solidariedade cos nosos veciños e veciñas de Valencia, e sendo conscientes da gravidade da situación, sen precedentes neste país, como Alcalde de Monforte de Lemos, considero imprescindible colaborar dentro das nosas posibilidades, na recuperación da normalidade de todos os afectados pola DANA, aportación dunha cantidade de 10.000€ da que veño de ordenar o seu ingreso á Cruz Vermella, o cal se fará nos vindeiros días”, informou José Tomé.