O Alcalde anuncia un investimento de 112.000 euros para renovar os parasois da grada do Campo de fútbol municipal de A Pinguela

Monforte de Lemos, 23 de novembro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou hoxe un novo proxecto de mellora dunha infraestrutura deportiva da cidade, neste caso, o que aportará unha solución “a un problema co funcionamento dos vellos parasois do Campo Municipal de Fútbol de A Pinguela, problema que este campo viña arrastrando dende hai moitos anos”.

O Campo Municipal de Fútbol da Pinguela conta cunha bancada nun dos seus laterais. Dada a orientación suroeste desta bancada, fai uns 20 anos colocáronse uns toldos automáticos no extremo da cuberta para protexer do sol e da choiva ós espectadores, xa que nos días de partido, ás horas en que se adoita disputar pola tarde, o sol está moi baixo e molesta directamente de fronte ós espectadores que sentan na devandito bancada, ou cando chove tamén afecta ós espectadores que se sitúan nela.

Na actualidade eses toldos están moi deteriorados e obsoletos, e precisan ser substituídos por uns novos e de mellor calidade. É por iso que dende o Executivo de José Tomé decidiuse acometer o desmonte dos elementos actuais e a posterior colocación duns toldos novos, de maior calidade, motorizados e automatizados, cun sistema de sensores vento-sol-choiva e uns mandos que permitirán o seu accionamento de forma automática.

“Coa nova solución aportada, que consistirá na instalación de 17 toldos de 5,60 x 4,50 metros, no extremo da cuberta do graderío, e cos seus correspondentes 17 motores para estendelos ou recollelos, o público que asista ás competicións deportivas que se desenvolvan no Campo da Pinguela, xa non se verán afectados pola incidencia do sol ou da choiva”, destaca o Alcalde monfortino.

Desta forma, coas actuacións proxectadas, o Equipo de Goberno busca mellorar o confort dos espectadores que acoden a esta infraestrutura deportiva municipal, e mellorar a seguridade das instalacións retirando uns elementos obsoletos e substituíndoos por uns novos e de mellor calidade. “En definitiva, conseguirase un graderío mellor acondicionado, que ofrecerá unhas mellores condicións para os espectadores que o utilizan para contemplar os diferentes eventos deportivos que acolle este campo”.

Os toldos proxectados son modelo Monoblock de medidas 5,60 m. de ancho x 4,50 m. de lonxitude con ferraxes de aluminio lacado en cor branca, tornillería e pasadores en aceiro inoxidable.

A lona de cada un deles será acrílica con tratamento antipútrido, repelente á sucidade. Contará cunha garantía de cor de polo menos 5 anos.

Cada toldo estará motorizado e automatizado, e incluirá unha célula vento-so-choival, que permitirá que os toldos se abran ou pechen en función da incidencia destes elementos climatolóxicos. O sistema disporá dun sensor e un mando por cada 6 toldos.

Este proxecto ten un orzamento de 111.414,50 euros (IVE engadido), e onte venres 22 de novembro foi publicado o anuncio de licitación na Plataforma de Contratos do Sector Público.


Actuais parasois do Campo de fútbol municipal de  A Pinguela que serán substituídos por novos toldos

O prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o luns 9 de decembro deste ano 2024.

A mesa de contratación para a apertura dos sobres correspondentes será o mércores 11 de decembro de 2024.

Os criterios de adxudicación serán:

  • Prezo: 60 puntos.
  • Reducción do prazo de garantía: 40 puntos

O prazo de entrega de materiais e de instalación dos mesmos está previsto que sexa de 2 meses.

José Tomé salientou que “esta é unha nova acción de mellora neste campo municipal de fútbol da Pinguela, tras levar a cabo nos últimos anos a renovación do céspede do terreo de xogo, a instalación dunha nova iluminación exterior do campo e das pistas de atletismo, ou dun novo videomarcador Led”.

En concreto, o Alcalde destinou para a renovación do céspede do terreo de xogo 48.309,25€, para a iluminación do campo, en dúas fases 79.863,96 € e 45.275,01€, e para o novo videomarcador 24.906,56 euros.

Xunto con esta última acción que suporá a renovación dos parasois do Campo da Pinguela, o Executivo de José Tomé, leva investido nos últimos anos 310.000€ nesta instalación deportiva (309.769,28€), “o que demostra o compromiso deste Goberno municipal coas instalacións deportivas da cidade”.