O Alcalde anuncia investimentos de máis 1,7 millóns de euros procedentes de remanentes para mellorar infraestruturas e servizos de Monforte

Monforte de Lemos, 15 de marzo de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar que destinará máis de 1,7 millóns de euros que van a permitir a mellora de infraestruturas, tanto rurais coma urbanas, así coma servizos municipais, que redundarán directamente no beneficio de todos os monfortinos e das monfortinas, e que son consecuencia da boa xestión que ven realizando o Alcalde e o seu Equipo de Goberno.

Esta importante partida orzamentaria, que procede de remanentes, será levada a Pleno municipal o vindeiro luns 25 de marzo, para a aprobación dun suplemento de crédito por un total de 1.743.208,18 euros.

“Trátase”, subliñou o Alcalde, “dun bo e intenso traballo de xestión que estamos a facer dende o Equipo de Goberno, para levar a cabo actuacións de mellora diversas, tanto da nosa cidade como das nosas parroquias, as cales iremos dando a coñecer nos vindeiros meses, porque os proxectos xa están en marcha, e que estou seguro que redundarán de xeito moi positivo nos servizos que ofrecemos ós nosos cidadáns”.

 

Investimentos en áreas de actuación estratéxicas

As inversións anunciadas polo Alcalde, comprenderán en xeral, diversas áreas de actuación que son estratéxicas na folla de ruta do Executivo de José Tomé, como son o Verán Cultural, a área de deportes, as infraestruturas urbanas e rurais e a Zona D.

A mellora das infraestruturas deportivas, para a que se destinará máis de medio millón de euros (519.426,48€), entre as que se inclúen melloras para a Piscina municipal, obedecen á importancia que o deporte, e en concreto os deportistas e os clubes monfortinos, teñen para a cidade. Non solo polos éxitos acadados periódicamente en diversas disciplinas, senón polo interese e afección que hai entre a poboación pola práctica do deporte e os hábitos saudables.

Neste senso, as melloras na área deportiva son unha acción constante na liña de traballo do Equipo de Goberno e do Alcalde, con importantes melloras levadas a cabo nos campos de fútbol municipais da Pinguela, do Luis Bodegas, ou da Pista Polideportiva da Compañía.

Sen esquecer a reforma integran do Pavillón polideportivo da Pinguela, “que permite falar practicamente dun novo pavillón”, no que se levou a cabo unha reforma integral por case 4M€, que engadida ó recente anuncio de mellora do seu entorno, por un cuarto de millón de euro, suporá un cambio moi significativo no entorno que rodea ás instalacións deportivas e ós edificios de vivendas da Pinguela.

Deste xeito, os investimentos anunciados polo Alcalde destinados a instalacións deportivas e da xestión da Piscina municipal, mellorarán as dotacións deportivas e os servizos que o Concello ofrece, non só os deportistas e clubs, senón tamén á cidadanía en xeral.

Por outra banda, o Alcalde destina 110.000€ para as actividades do Verán Cultural deste ano 2024, que ano a ano, aumenta tanto en número como en calidade e variedade de actividades, durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro.

Neste programa do Verán Cultural, o Equipo de Goberno, outorga un especial protagonismo ós grupos e artistas monfortinos, que dende hai dúas edicións contan cun Ciclo de Concertos adicados especificamente a eles e onde son os protagonistas da oferta musical das noites de verán en distintos puntos da cidade.

O Verán Cultural, conta cunha ampla variedade de actividades relacionadas co teatro, coas accións de rúa, a maxia, ou a música nos máis variados estilos, dirixidas a todos os públicos, polo que dende o Concello, con esta partida, se reforzará e ampliará este programa de verán.

Para a urbanización da Zona D, son 262.000 euros os destinados polo Equipo de Goberno para continuar mellorando o urbanismo da cidade, concretamente esta zona D, ubicada entre o Cardenal e o Río Cabe, que inclúe as traseiras do Banco de Bilbao, o supermercado e a pérgola do Parque dos Condes, e lograr así un resultado como o acadado na Zona C, que cambiou a fisionomía desa zona da cidade.

Logo de ser aprobado o proxecto de reparcelación da Zona D en Xunta de Goberno do día 7 de xullo de 2023, cun custe que rondará os 400.000€ que se financiarán con fondos propios municipais, e tras o anuncio, a finais do ano 2023, por parte do Alcalde, da planimetría desta importante zona que se sitúa no centro da cidade, dende o Concello séguese a traballar para o desenvolvemento deste novo espazo urbano, que dará fachada á rúa Cardenal e ó Parque dos Condes, o que vai supoñer unha mellora significativa.

Finalmente, os investimentos na mellora das infraestruturas viarias tanto da cidade como das parroquias monfortinas son unha liña de traballo constante dende o ano 2015 en que José Tomé é Alcalde de Monforte. Por elo, dos 7,1M€ anunciados, destinará case 650.000€ a seguir mellorando infraestruturas e bens, tanto urbanos coma rurais.

O Concello tamén investirá na mellora de edificios municipais coma o garaxe da Casa Consistorial, as instalacións do Mercado Gandeiro, cunha partida total de 95.000€

A reposición dos elementos de xogo do Parque infantil do Colexio A Gándara, será unha mellora que se aborda dende o Equipo de Goberno de xeito excepcional, dado o estado de deixadez no que se atopa esta zona de xogo por parte da Xunta de Galicia, pois é competencia súa a súa reposición. Pero o Concello decidiu investir 15.000€ na reposición dos seus elementos de xogo, dado o importante número de nenos e nenas monfortinos que o utilizan a diario.

Finalmente,  serán destinados 100.000€ para a modificación do contrato da recollida do lixo, logo da implantación o pasado ano do sistema de recollida de materia orgánica, que se está levando a cabo xa de xeito integral nas parroquias, na área periurbana, urbana e tamén en grandes produtores.

 

Investimentos de máis de 1,7M€

En concreto, o Alcalde detallou os investimentos segundo a área de actuación ou dos servizos que serán obxecto de mellora con esta importante partida orzamentaria:

  • Investimentos en reposición de edificios e outras construcións deportivas: 324.226,48€.
  • Novas inversións en instalacións técnicas da área de deportes: 15.200€.
  • Investimentos para xestión da Piscina municipal: 180.000€.
  • Inversión para a mellora do Garaxe da Casa Consistorial: 30.000€.
  • Unbanización da Zona D: 262.000€.
  • Modificación do contrato da recollida do lixo: 100.000€.
  • Investimento para a mellora de edificios e outras construcións do Mercado Gandeiro: 65.000€.
  • Inversión de reposición en infraestruturas e bens urbanos: 566.781,70€.
  • Inversión de reposición en infraestruturas e bens rurais: 75.000€.
  • Verán Cultural 2024: 110.000€.
  • Reposición do Parque infantil do Colexio A Gándara: 15.000€.