O Alcalde anuncia que dona Isabel Pardo de Vera será a pregoeira das Festas Patronais 2024

-José Tomé Roca, xustifica a súa elección en que “é unha figura moi importante na historia recente tanto de Monforte como do resto da Provincia de Lugo ó conseguir a maior inversión en ferrocarril da historia da provincia”.

-O Alcalde destacou que a modernización no corredor ferroviario Ourense-Monforte-Lugo non so terá efectos positivos medioambientais senón tamén un aumento nas prestacións do ferrocarril que o farán mais competitivo con respecto a outros medios de transporte e tal e como explica o rexedor, “debémosllo en gran parte á xestión de dona Isabel Pardo de Vera que sempre apostou por esta inversión”

-Isabel Pardo de Vera será así a encargada de inaugurar co seu pregón, e xunto co Alcalde, as Festas Patronais de Monforte de Lemos o domingo 11 de agosto, ás 8 e media da tarde (20:30h.)

Monforte de Lemos, 15 de xullo de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar quen será a Pregoeira das Festas Patronais de 2024. Trátase de dona Isabel Pardo de Vera.

O Alcalde xustifica a súa elección en que “é unha figura moi importante na historia recente da Cidade e da nosa provincia xa que sendo Presidenta do ADIF conseguiu traer unha inversión de 550 millóns de euros para mellorar e modernizar o corredor ferroviario que comunica as capitais de Lugo e Ourense a través de Monforte de Lemos.

Tal e como explicou Tomé “esta é a maior inversión en ferrocarril da historia da Provincia de Lugo con obras que inclúen a electrificación do trazado, a renovación das vías, a implantación de novas instalacións de seguridade e o control de tráfico, melloras tamén nas telecomunicacións, a modernización de estacións como é o caso da de Monforte e a construción do novo túnel de Oural”.

 A electrificación proposta, suporá unha redución de costes operativos e un aumento nas prestacións, ademais de efectos positivos medioambientais que farán que aumente considerablemente a competitividade do ferrocarril como medio de transporte.  As obras as que facemos referencia van permitir tal e como explicou Tomé “que os trens eléctricos circulen entre Ourense–Monforte-Lugo a 220-240 km/h en velocidade punta, estimando unha velocidade media en 160 km/h para percorrer os 115 kms que distan entre Ourense – Monforte – Lugo e que vai permitir chegar a Madrid no mesmo tempo que os viaxeiros que saen de cidades como Vigo ou Coruña”.

O Alcalde non quere pasar por alto que a figura de Pardo de Vera foi crucial para que finalmente ADIF apostara por esta inversión que, como Presidenta naquel momento de ADIF, apostou firmemente por volver a poñer a Lugo no mapa de infraestruturas de Galicia e España, modernizando o ferrocarril da provincia de Lugo.

Tal e como explicou Tomé, “a isto hai que engadir que durante a súa etapa na Secretaría de Estado, negociamos o novo Convenio de 7,5 millóns de euros, para facer realidade a variante urbana dende a rotonda desde a N-120 á actual N-120, que levaba parado dende 1.995, fai case 30 anos, sen que ninguén conseguira sacar isto adiante e que agora, si se fará realidade”.

Isabel Pardo de Vera, enxeñeira de Camiños, Canais e Portos,  iniciou a súa carreira no sector da enxeñaría, alcanzando postos de alta responsabilidade na xestión de Infraestruturas Públicas, Servizos e Regulación dos sectores Aéreo, Ferroviario, Marítimo, Carreteiras, Transporte Terrestre, Vivenda e Xeo- información no Goberno de España.

Especializouse na coordinación e xestión de proxectos multidisciplinares de alto impacto no ámbito de multimodalidade, da enerxía e da industria, ligados sempre ó progreso económico e social dos territorios.

Na actualidade, é consultora autónoma en proxectos estratéxicos. Docente en materia de Urbanismo e Mobilidade Sostible. Docente homologada na Escola de Organización Industrial (EOI) nas materias seguintes: Entorno Económico, Transporte, Xestión e Organización de Empresas, Gobernanza e Sector Público, Responsabilidade Social Corporativa e Ética empresarial.

En canto ós cargos que desempeñou:

- De 2021 a 2023 foi Secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana

- De 2018 a 2021 foi Presidenta de ADIF e ADIF Alta Velocidade.

- De 2016 a 2018 foi Directora Xeral de ADIF e ADIF Alta Velocidade

- De febreiro de 2016 a Xuño de 2016 foi Directora de Mobilidade e Infraestruturas. Deputación de Pontevedra.

- De 2012 a 2016 foi Xerente de Área de ADIF Alta Velocidade

-De 2009 a 2012 foi Xefe de Infraestruturas ADIF Alta Velocidade

-DE 2007 A 2009 Directora de Obras ADIF Alta Velocidade

-De Marzo de 2007 a Decembro de 2007 Directora de Obras INECO-TIFSA

-De 2001 a 2007 Delegada Noroeste SEG INGENIERIA

Tamén obtivo os seguintes recoñecementos:

  • Muller referente en Mobilidade sostible RED MINERVA 2023
  • Medalla de Oro da Cidade de Vigo 2022
  • Enxeñeiros do Ano do CICCP ESPAÑA
  • Enxeñeiros do Ano do CICCP GALICIA
  • Premio Monforte al Ferrocarril
  • Top 100 Mujeres Líderes 2024
  • Top 100 Mujeres Líderes 2023

Isabel Pardo de Vera será así o encargada de inaugurar co seu pregón, e xunto co Alcalde, as Festas Patronais de Monforte de Lemos deste ano 2024.