O Alcalde de Monforte apoia ás familias con acromatopsia, nunha xornada de sensibilización celebrada con alumnos de primaria no Colexio de A Gándara

Monforte de Lemos, 14 de xuño de 2024. A Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, en representación do Alcalde, José Tomé Roca, quen por problemas de axenda como Presidente da Deputación, non puido asistir, participou na mañá de hoxe na cuarta edición do “Programa ColorADD nas Escolas” que se organiza a nivel nacional e que se celebrou no monfortino Colexio de A Gándara, sendo o primeiro colexio público de España en acoller esta actividade de sensibilización, de aí a importancia que o Equipo de Goberno lle outorgou á esta xornada.

O motivo de celebrar esta xornada en Monforte é debido a que unha alumna deste colexio, Diana López Méndez, padece esta enfermidade, a acromatopsia, unha condición xenética da visión que, entre outros síntomas, dificultan a interpretación das cores, provoca unha diminución severa da agudeza visual e unha alta sensibilidade á luz. Estes problemas dificultan en gran medida a vida dos afectados e os seus familiares, pero que ao tratarse de patoloxías pouco frecuentes (a acromatopsia só afecta a unha de cada 40.000 persoas) apenas contan coa investigación e divulgación necesarias.

Neste senso, Gloria Prada, na súa intervención, trasladou “a implicación e sensibilidade do Alcalde de Monforte e do Equipo de Goberno coas persoas que padecen este tipo de enfermidade xenética, e en xeral con enfermidades raras que teñen menos visibilidade na sociedade, pero non por elo son menos importantes”.

A colaboración do Concello coa asociación Acrómates, da que é secretaria a monfortina Ana Vanesa Méndez, nai da alumna afectada por esta enfermidade, traduciuse na doación de 65 Kits Coloradd, compostos dunha mochila, un caderno para colorear, unha caixa de lápices co código para identificar de que cor son e material informativo.

No acto, ademais da Tenente de Alcalde, tamén participaron a directora do Colexio de A Gándara, María Prieto, un afectado por acromatopsia, Juan Manuel Lamoso, a secretaria de Acrómates, Ana Méndez, a responsable da asociación portuguesa ColorADD, Bárbara Santos, e a profesora que a ONCE asignou á alumna con acromatopsia, Aurora Rodríguez. A xornada tamén contou coa colaboración da óptica Adrián Salgado, da empresa Kidacu e do Hotel Cardenal.

A Tenente de Alcalde fixo entrega do material doado polo Concello, que serviu para que uns 60  alumnos e alumnas de 4º e 5º de Primaria do colexio fixeran a actividade práctica, logo das explicacións teóricas de sensibilización ofrecidas polo persoal da asociación portuguesa ColorADD, que é a que idea e fabrica os materiais entregados, e que permiten que o alumno se familiarice e aprenda o uso desta ferramenta, que permite a través de símbolos, saber de que cor se trata en cada caso.

 

Programa ColorADD nas Escolas

Tras un exitoso proxecto piloto en Vigo en abril do 2023 e os tres primeiros programas en Madrid, Valladolid e León, sumados aos 10 anos de experiencia en colexios de Portugal, o “Programa ColorADD nas Escolas” chegou ó  colexio A Gándara para seguir o seu percorrido polos centros educativos onde hai nenos afectados por estas enfermidades raras visuais: acromatopsia ou monocromatismo de conos azuis.

O Programa desenvolvido por ColorADD Social, asociación portuguesa sen ánimo de lucro que se dedica a promover a integración social das persoas con dificultades para identificar as coresmediante a adopción do código ColorADD, chega a España da man de ACRÓMATES, asociación española de afectados por acromatopsia e monocromatismo de conos azuis, entidade sen ánimo de lucro española que busca defender os dereitos das persoas con acromatopsia e MCA, así como impulsar a investigación e a divulgación dos avances científicos e clínicos sobre estes trastornos.

Estas dúas asociacións traballan conxuntamente no desenvolvemento deste Programa co obxectivo de promover a inclusión non discriminatoria dos alumnos con dificultades de interpretación da cor, mellorando a súa calidade de vida en canto á súa autoestima, autonomía e na súa relación interpersoal.