O Alcalde clausura a Xornada de portas abertas da asociación Agora e pon en valor ó seu traballo e adicación a prol das persoas con discapacidade

Monforte de Lemos, 27 de setembro de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, clausurou na tarde de hoxe a Xornada de portas abertas que a asociación Agora celebrou na praza de España e na Casa da Cultura para divulgar os seus servizos e sensibilizar a poboación en materia de discapacidade, xornada que contou coa colaboración do Concello de Monforte.

Na clausura, ademais do Alcalde, tamén interviñeron o presidente de Agora, Isaac Rodríguez e  un traballador social da asociación, Iván Diéguez. Tamén estiveron presentes a Tenente de Alcalde e Concelleira de Servizos Sociais, Gloria Prada, o concelleiro de Servizos, José Luis Losada, outros membros da corporación municipal así como outras autoridades e usuarios e traballadores de Agora.

A Asociación monfortina Agora leva traballando con persoas con discapacidade dende 1992. Neste senso, o Alcalde ensalzou na súa intervención “que, dende Agora, o esforzo que levan a cabo e a súa adicación ás persoas é moi meritorio, e proba delo é que ano a ano van dando resposta a un número cada vez maior de necesidades e cun maior número de servizos”.

O rexedor monfortino manifestou o seu apoio a este tipo de xornadas divulgativas e de sensibilización “pois serven para achegar á cidadanía os servizos que Agora ofrece, como poden ser a Área ocupacional para persoas con discapacidade intelectual, a Área de atención diurna terapéutica e o Centro de día para persoas con discapacidade física, entre outros. E porque achegan a realidade das persoas con discapacidade á nosa sociedade”.

A Xornada de portas abertas tivo lugar dende as 11:30 horas, momento no que abriron os stands ubicados na Praza de España, e dende os que se trasladou información da asociación ós participantes, así como se repartiu merchandising, expuxéronse obras feitas por usuarios, desenvolvéronse obradoiros de maquillaxe e fabricación de bolsas, entre outra actividades. Tamén se desenvolveron xogos inclusivos ó longo do día, tivo lugar un almorzo de benvida pola mañá e unha degustación culinaria pola tarde.

O Alcalde tamén subliñou que “dentro das nosas posibilidades, dende o Equipo de Goberno, apoiamos e seguiremos apoiando este tipo de iniciativas, dada a importante labor que desenvolven na nosa sociedade, a prol das persoas con discapacidade”.

Mostra do apoio do Concello a asociacións como Agora, foi o contrato que levou a cabo o Executivo de José Tomé con Cogami no ano 2021, para a elaboración e desenvolvemento do “Plan de mellora da Accesibilidade nos edificios e parques municipais de Monforte”, cun investimento de 300.000€, que o Alcalde puxo en valor na súa intervención pois “serviu para que Monforte sexa hoxendía un concello de referencia en materia de accesibilidade”.

O acto concluíu coa entrega ó Alcalde por parte dos membros de Agora dunha bolsa confeccionada e personalizada pola Asociación, e o rexedor monfortino comprometeuse a adquirir dende o Concello unha partida de ditas bolsas, para destinar a agasallo institucional.