Monforte de Lemos, 27 de xuño de 2024. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presidiu na tarde noite de hoxe unha nova edición da Gala do Deporte de Monforte de Lemos, a cal se celebrou na Casa da Cultura Lois Pereiro de Monforte e na que se rendeu homenaxe ós mellores deportistas monfortinos do ano.
Na súa intervención José Tomé destacou que “nestes últimos tempos, en Monforte temos o privilexio de poder disfrutar dunha xeración de grandes deportistas, e afortunadamente a colleita segue medrando, motivo polo que nos debemos sentir moi orgullosos”.
E continuou resaltando “o bo momento actual que estamos vivindo no deporte monfortino, é posible porque temos unha boa canteira de nenos e nenas, que teñen unhas excelentes cualidades para a práctica deportiva. A eles únense outros deportistas, adolescentes e xa adultos, que nos últimos anos estannos acostumando a que o nome de Monforte se asocie con éxito deportivo”.
Neste senso, o Alcalde resaltou os bos resultados acadados en varias modalidades deportivas, salientando que “raro é a fin de semana que non abramos os xornais e atopemos a un monfortino ou monfortina cunha medalla colgada do peito ou cun trofeo de campión”.
Aposta decidida do Executivo de José Tomé polo deporte monfortino
O rexedor municipal tamén salientou a aposta decidida que dende o Concello se leva facendo dende que Tomé Roca accedeu á alcaldía en 2015: “Dende o Concello somos conscientes da importancia que teñen os clubs para organizar o deporte monfortino, e por iso, colaboramos moi estreitamente con eles, para que os clubs e os deportistas realicen as actividades deportivas nas mellores condicións posibles. Eu creo humildemente que, boa mostra do que acabo de dicir, é o noso compromiso co deporte nestes 9 anos que levo como Alcalde, onde as axudas ós clubs subiron notablemente en relación co que viñan percibindo, complementado coas axudas ós deportistas individuais e a clubs en campionatos”.
Así, José Tomé salientou que o Equipo de Goberno, nos orzamentos do presente ano 2024, incrementou as axudas ós clubs superando os 117.000€ nas axudas que destinamos ós clubs. Mantéñense tamén as axudas para deportistas individuais con 10.000€, e a subvención para a participación en campionatos de España, europeos ou mundiais, posta en marcha polo Alcalde en 2022, alcanza os 12.000€.
Por outra banda, o Executivo de José Tomé puxo en marcha actuacións de enorme relevancia en infraestruturas deportivas, como a reforma dos campos de fútbol de herba artificial.
“Pero sen dúbida a actuación máis destacada foi a reforma integral do pavillón polideportivo de A Pinguela, que supón que hoxe contemos cun pavillón novo que é moi ben valorado por todos aqueles deportistas que xa o utilizaron, tanto os monfortinos como os que veñen doutras partes de Galicia, España e de outros países”.
Un pavillón no que o Concello investiu 4 millóns de euros, e que conta cunhas instalacións deportivas máis modernas, máis adecuadas para todo tipo de eventos deportivos, máis respectuosas co medio ambiente.
Do mesmo xeito, o Alcalde recordou que no mes de outubro está previsto que comecen as obras de reforma da Piscina municipal climatizada de A Pinguela, que será totalmente renovada, e que darán como resultado unha piscina practicamente nova, na que o Executivo de José Tomé máis de 2 millóns de euros.
Finalmente José Tomé rematou a súa intervención agradecendo a asistencia de todos os presentes, tanto ós deportistas como os seus familiares e amigos, e felicitou a todos os candidatos e candidatas así como ós premiados e premiadas, “porque todos eles teñen un palmarés deportivo excelente, e contribúen a poñer en valor o deporte monfortino”.
Na entrega de premios, ademais do Alcalde, tamén estiveron presentes e participaron diversos membros do Equipo de Goberno, os concelleiros de Deportes, José Manuel Mougán, de Servizos, José Luis Losada, de Sanidade, Pilar Espinosa, de Consumo, Regina López, de Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz, e de Muller e Igualdade, Margarita López, así como diversos membros da Corporación municipal.
Este evento ten como obxectivo premiar e poñer en valor o esforzo e a dedicación de deportistas, Clubes, adestradores/as, técnicos/as e árbitros/as do Concello monfortino.
Premiados da 9ª Gala do Deporte de Monforte
En total, foron 34 o número total de candidaturas que se presentaron para participar nalgunha das categorías do concurso para elixir ás mellores persoas deportistas, adestradoras, árbitras e Clubs do ano 2023 o que supón unha das edicións con maior número de candidaturas presentadas, dúas máis que na pasada edición.
Cun salón de actos ateigado de deportistas e familiares, o acto, conducido por Manola Porto, plasmou a homenaxe e o recoñecemento a diversas persoas e entidades relacionadas co deporte local e que destacaron ó longo do pasado ano 2023.
Os gañadores e gañadoras da 9ª Gala do Deporte de Monforte foron os seguintes:
- Mellor deportista absoluto masculino do ano 2023: Marco García Martínez (Taekwondo)
- Mellor deportista absoluta feminina do ano 2023: Laura Álvarez Suárez (Taekwondo)
- Mellor deportista promesa masculino: do ano 2023 Jherson Arturo García Mota (Baloncesto)
- Mellor deportista promesa feminina do ano 2023: Alicia Castro Regal (Taekwondo)
- Mellor adestrador/a do ano 2023: José María Vega Sánchez (Taekwondo)
- Mellor árbitro/a do ano 2023: Carlos Suñer Díaz (Natación)
- Club máis destacado do ano 2023: Club Korbis
- Mellor equipo de categoría absoluta: Club Natación Monforte
- Mellor equipo de categoría de base do ano 2023: Club Korbis
- Premio á deportividade e xogo limpo do ano 2023: C.B. Val de Lemos
Por outra banda, fora de concurso fixéronse recoñecementos ó Club Lemos e o Club Arenas, por cumprir os 100 anos de existencia.